“Somos unha pequena adega que buscamos competir en calidade”

Falamos con Cristian Diz, da adega Trasdovento (D.O. Monterrei), que nos conta a liña de traballo que seguen na adega, a última en incoporarse á denominación de orixe

Publicidade

Trasdovento pode ser un exemplo paradigmático dunha liña de traballo habitual nas pequenas adegas galegas. Sobre a base de arredor de 7 hectáreas de viñedos propios, a adega coida ó detalle os labores no viñedo para obter uns viños que estean “feitos na viña”, como a eles lles gusta dicir.

Asentada nas ladeiras de Oimbra (Ourense), Trasdovento foi a última adega en incorporarse á denominación de orixe, se ben é froito dunha dilatada traxectoria familiar na viticultura. O proxecto naceu no 2016 da man de Antonio Diz, experimentado viticultor, e de Jesús Varela, distribuidor especializado de viños.

Falamos co fillo de Antonio, Cristian, un mozo que está a apostar pola adega na liña de calidade coa que naceu o proxecto. “Ao ser unha adega pequena, é complicado facer marca e darse a coñecer ó nivel das grandes adegas, pero hoxe en día, a maiores do mercado galego, que é o máis importante para nós, xa estamos presentes a nivel internacional en países como Suecia, Bélxica ou Alemania. Estamos tamén intentando chegar a outros mercados fóra de Europa, como o de Brasil”, destaca.

A produción total de viño da adega ronda os 40.000 litros, comercializados baixo as marcas Trasdovento, Alto do Bocelo e Quérote. En brancos, enfócanse en elaboracións de godello, que pode estar acompañado de treixadura, e en tintos na mencía, con presenza tamén da araúxa (tempranillo) e doutras variedades, como sousón ou a bastarda, unha uva local de Monterrei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información