“Somos unha comunidade pequena, pero tentamos aproveitar ben a madeira que produce o noso monte”

A Comunidade de Montes Veciñais de Oural e Costa, en Beariz (Ourense), traballa de xeito conveniado coa Xunta para o aproveitamento forestal dos seus montes, centrado na madeira de piñeiro. Ao mesmo tempo realizan prácticas silvícolas nos bosques de frondosas para mellorar as condicións destes espazos

“Somos unha comunidade pequena, pero tentamos aproveitar ben a madeira que produce o noso monte”

Zona repoboada con frondosas

A Comunidade de Montes de Oural e Costa xestiona arredor dunhas 400 hectáreas de monte veciñal na parroquia de Lebozán, en Beariz (Ourense). Conta cunha trintena de comuneiros que apostan polo aproveitamento forestal, centrado no piñeiro, pero sen esquecer o mantemento das masas de frondosas coas que contan e que ofrecen tamén un espazo de ocio e proporcionan outros beneficios para os veciños.

A directiva actual, que leva dous anos xestionando o monte, busca aproveitar ao máximo tanto as potencialidades do seu monte para a produción de madeira como as oportunidades de financiamento que ofrecen as distintas administracións. “Somos unha comunidade de montes pequena, pero tentamos aproveitar ben a madeira que pode producir o noso monte”, detalla José Manuel Alonso Rivas, presidente da comunidade.

É unha das comunidades de montes veciñais galegas que solicitou e percibiu máis axudas forestais nos últimos anos

Hoxe, esta comunidade de montes é tamén unha das entidades de xestión de montes veciñais galegas que máis axudas forestais solicitou e recibiu nos últimos anos, segundo os datos da Consellería do Medio Rural. Algunhas das últimas partidas que recibiron foron para a plantación de coníferas, o mantemento das plantacións e para realizar tratamentos silvícolas en áreas de frondosas.

Centrados no piñeiro

Corta de pino prevista

Corta de pino prevista

Arredor do 60% do monte veciñal que xestionan na comunidade está ocupado por plantacións de coníferas. “O piñeiro estanos dando bos resultados e contamos seguir con eles, no canto de optar por outras especies coma o eucalipto, que case non temos nestes montes”, detalla Alonso.

Unha das últimas actuacións que realizaron no monte foi a plantación dunhas 20 hectáreas de piñeiro para o que lograron unha axuda da Consellería do Medio Rural de 27.000 euros. Esta partida permitiulles afrontar traballos como a roza do terreo e a plantación.

Nova plantación de piñeiros

Nova plantación de piñeiros

Ao tratarse dun monte conveniado coa Xunta, o distrito forestal, neste caso o Distrito XI do Carballiño, encárgase de supervisar a xestión do monte. Tamén é o que organiza as quendas de venda da madeira en base ao Plan Forestal co que conta a comunidade. Así, nos próximos meses teñen prevista unha corta nunha zona de 5 hectáreas, unhas 3 hectáreas de piñeiro. “Este primeiro lote sairá a final de ano e trátase dunha zona onde é difícil lograr moita madeira polas características do terreo”, detallan dende a comunidade de montes.

Recentemente plantaron unhas 20 hectáreas de piñeiro e nos próximos meses teñen previsto vender unhas 35 hectáreas

Para o próximo ano teñen prevista unha segunda poxa para a corta de 30 hectáreas, da que agardan sacar bos rendementos. Os beneficios vólvenos investir no monte, así ademais de plantar de novo a superficie na que corten a madeira, teñen previsto actuar noutra parte do monte. “Contabamos que esa zona do monte se fora rexenerando pouco a pouco, pero como non o conseguimos decidimos plantalo”, explica Alonso.

A comunidade manexa un orzamento duns 150.000 euros procedentes en exclusiva da madeira e que destinan á xestión do monte, tanto de labores de silvicultura como de mantemento de accesos e do punto de auga co que contan na parroquia, para reducir o risco de lumes forestais. “Ademais do punto de auga que temos na zona, nos pobos da contorna tamén contan con pozos a escasos quilómetros o que é unha ferramenta moi boa contra os lumes”, sinala o presidente da comunidade.

Cos fondos da comunidade de montes tamén se realizou, hai anos, un pozo con sistema de bombeo para evitar os cortes de auga no abastecemento aos veciños na época estival. De feito, a propia comunidade ademais da xestión do monte veciñal tamén se encarga de xestionar o subministro de agua da parroquia.

Sen esquecer as frondosas

Zona de frondosas donde se realizó un aclareo

Zona de frondosas donde se realizó un aclareo

O mantemento das masas de frondosas é outra das liñas nas que a comunidade de montes está a centrar os seus esforzos. Nos últimos tempos aproveitaron unha das liñas de axuda da Consellería do Medio Rural para lograr financiamento co que afrontar o mantemento dunha destacada masa de frondosas da parroquia. “Trátase dunha carballeira que temos no medio do lugar e que queriamos mellorar para o uso dos veciños”, concreta Alonso.

Realizaron traballos de poda e rareo en masas de frondosas para mellorar o seu aproveitamento por parte dos veciños

Cunha aportación autonómica de algo máis de 29.000 euros afrontaron traballos tanto nesa masa de carballos coma noutras zonas do monte onde predominan as frondosas e que levaban tempo sen ningún tratamento silvícola. Realizaron tanto entresacas coma podas en altura para mellorar o estado destas masas. “Clareamos algo o monte, para que estea máis separado ao tempo que realizamos podas para conseguir guías máis dereitas e unha masa máis saneada”, detallan dende a comunidade de montes.

Estes traballos, segundo indican, posibilitan un mellor aproveitamento social e de lecer da masa de frondosas e permiten aos veciños obter froitos do outono como as castañas, en mellores condicións. Ademais do mantemento das masas de frondosas actuais, dende a comunidade de montes teñen previsto incrementar a superficie deste arborado nas inmediacións de Lebozán. “Levamos tempo pensando en plantar máis frondosas nas zonas próximas ao lugar para que fagan de cinto verde de seguridade e protección das vivendas ante posibles lumes forestais”, apunta Alonso.

Liñas de axudas forestais

A comunidade de montes de Oural e Costa foi unha das beneficiarias das liñas de axuda para o mantemento forestal da Consellería do Medio Rural. Este ano a Xunta destinou 13,5 millóns de euros en axudas para accións silvícolas de prevención e para o incremento do valor ecolóxico dos montes galegos, o que supón a maior axuda pública da Consellería na materia, acadando a maior contía Feader e superficie de concesión da historia destas axudas. As achegas benefician a 546 entidades e particulares.

En concreto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal notificou recentemente a concesión das axudas dirixidas a rareos e podas en masas de coníferas, así como tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro. Cómpre salientar que a concesión de axudas públicas en materia de silvicultura das masas de frondosas supón un salto cualitativo.

Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, Sofor e propietarios particulares de xeito individual. Ademais, a xestión forestal sustentable foi obxecto de priorización, toda vez que aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.

Se analizamos os beneficiarios por provincias, na Coruña aprobáronse 51 expedientes para traballar en 505 hectáreas, cun importe de case 900.000 euros; na de Lugo foron 173 expedientes para 2.021 hectáreas, cun importe de 3,6 millóns de euros; na de Ourense foron 183 expedientes para 3.374 hectáreas, cun importe de 6,3 millóns de euros e, finalmente, Pontevedra con 139 expedientes para 1.488 hectáreas e importe de 2,6 millóns de euros.

Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (sobre o 90%) correspóndese ao primeiro semestre do vindeiro ano 2021. Deste xeito, a Consellería adiántase e asegura unha necesaria continuidade na actividade das brigadas silvícolas.

Outras liñas de xestión forestal

Doutra banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal tramitou ata o de agora pagamentos por outros 13 millóns de euros, nas diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos, que presentaron o remate dos traballos neste ano 2020. En concreto, trátase das ordes bianualizadas convocadas e concedidas no ano 2019 referidas ás axudas para forestación de terras non agrarias, para silvicultura preventiva e elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información