A Xunta de Galicia vén de tomar unha decisión final sobre a moratoria a novas plantacións de eucalipto, que expiraba a final deste ano. A prohibición de novas plantacións da especie manterase con carácter xeral ata o 2030, pero as restriccións levántanse en dous casos concretos.
Primeiro, nos piñeirais gravemente afectados polo fungo das bandas, permitirase, previa autorización da Xunta ó propietario, que se substitúa un 50% da superficie afectada por eucaliptos, en tanto o outro 50% manterase a piñeiros. Ese cambio permitirase durante unha quenda de corta, debendo retornar despois a superficie plantada a eucaliptos a unha plantación de coníferas.
En segundo lugar, a Xunta autoriza o trasvase de plantacións de eucalipto que se atopen en zonas degradadas ou de escasa produtividade forestal a outras áreas. Tamén neste caso precisarase dunha autorización previa da Consellería para facer o trasavase. É dicir, un propietario que teña unha parcela dunha hectárea de eucaliptos pode substituíla por piñeiros ou frondosas e cederlle o dereito de plantación a outro propietario.
Ese trasvase farase cun recorte do 25% da superficie que se pode plantar de eucaliptos. Seguindo co exemplo da parcela dunha hectárea de eucaliptos, o propietario que reciba ese dereito só poderá plantar 0,75 hectáreas de eucaliptos, en tanto o 0,25% restante da hectárea terá que ser de piñeiros ou frondosas.
A Consellería precisa que só se pode executar o trasvase de plantacións legais. É dicir, se un propietario ten unha plantación ilegal de eucaliptos, en terra agraria ou en faixas de protección de incendios arredor de núcleos de poboación, non podera traspasala.
Preguntada a Consellería polo sistema de trasvase de dereitos de plantación entre particulares, en concreto pola posibilidade da venda deses dereitos de plantación, Medio Rural sinala que iso en todo caso producirase no marco dun “acordo entre particulares”.
O anuncio da decisión sobre a moratoria fíxose esta tarde nunha rolda de prensa á que asistiu á conselleira de Medio Rural, María José Gómez, o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, e un representante de Presidencia.
Motivacións
A conselleira incidiu en que os cambios acordados adoptáronse despois de falar con todas as partes do sector forestal, no que conviven opinións divididas sobre a moratoria, e tendo en conta tres cuestións: optimizar a produtividade do monte, garantir a biodiversidade e loitar contra o abandono.
Medio Rural calcula que hai 30.000 hectáreas de piñeirais afectados polas bandas, pero non en todos se poderá introducir o eucalipto
Sobre esa base, Medio Rural decidiu manter a moratoria ata 2030, pero cunha certa flexibilización. Gómez, sostén, en todo caso, que esa flexibilización faise mantendo o obxectivo de reducir a superficie de eucalipto, tal e como se recolle no Plan Forestal de Galicia, que prevé unha diminución da superficie de eucaliptais dun 5% ata o 2040.
No caso do trasvase de dereitos de plantación entre particulares, a conselleira subliñou que se fai reducindo nun 25% a superficie orixinal do eucalipto. Como exemplo de zonas de eucaliptais degradados, susceptibles de cambiar de especie, Chan indicou zonas da provincia de Pontevedra, como o Morrazo, con plantacións de globulus situadas en zonas de orografía complicada, baseadas en rebrotes sucesivos tras corta e en ocasións afectadas por incendios.
No tocante ás zonas afectadas pola banda marrón, Gómez destaca que se trata dunha solución de emerxencia “para evitar o abandono” e que ten un carácter temporal, dunha quenda de corta.
A Xunta calcula que hai 30.000 hectáreas de piñeirais afectados polas bandas, pero non todos se atopan nunha situación grave, pois parte deles son recuperables. Serán os técnicos da Xunta os que teñan que decidir, solicitude por solicitude, en que casos se autoriza plantar o 50% da superficie deses piñeirais a eucaliptos e en que casos non.
Loxicamente, as novas plantacións de eucalipto deberán respetar ademais a lexislación vixente, no tocante ás faixas de protección de incendios, prohibición de forestar terras agrarias ou novas plantacións en Rede Natura, entre outras limitacións.

Comparecencia da conselleira, María José Gómez, para explicar a decisión sobre o eucalipto.
Actuacións de control da moratoria
Preguntada a conselleira polas actuacións de control que debe emprender a Consellería para controlar o cumprimento da normativa de plantación, que ata agora tivo un cumprimento desigual na comunidade, Gómez lembrou que desde o inicio da moratoria, no 2022, dictáronse máis de 1.100 sancións, e sinalou que ese traballo continuarase a facer.
Outro dos focos da Consellería sitúase en retirar as plantacións ilegais de eucalipto en faixas secundarias de protección de incendios, que cifra nunhas 10.000 hectáreas, un proceso para o que conta co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias.
A cuestión a partir de agora será a de comprobar os efectos da nova normativa no monte galego. O principal termómetro para evaluar o crecemento ou reducción de superficie da especie é o Inventario Forestal Continuo de Galicia, do que se veñen publicando datos anuais. A actualización correspondente ó 2024 farase antes de que remate o 2025, segundo anunciou a Consellería.
O texto definitivo cos cambios da moratoria publicarase na Lei de Acompañamento dos Presupostos e levarase mañá ó Consello da Xunta.
Galego










Control OJD