Unha vez máis, trala vaga de incendios, sae a relucir a solidariedade entre gandeiros. Neste caso, membros da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema veñen de facer dous envíos de forraxe destinados a produtores afectados polos lumes deste verán no Courel.
Un primeiro envío, mandado hai tres semanas, contiña 32 rolos de silo con destino a un produtor de Ternera Gallega Suprema de Folgoso. Un novo tráiler enviado esta semana levou 31 rolos de herba seca para outras dúas explotacións da zona, unha de ovino e outra de caprino. “Deste xeito queremos apoiar aos compañeiros e compañeiras afectadas e animalos a seguir traballando polo noso rural”, explican desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema.
Enviáronse en total 32 rolos de silo e 31 de herba seca procedentes da zona de Portomarín
As tres ganderías que van recibir os rolos víranse afectadas polo lume de Quiroga deste verán tanto nas zonas de pasto como de recollida de forraxe, polo que non dispoñían das reservas necesarias para a alimentación do gando durante todo o inverno.
Os rolos procedían da zona de Portomarín, dun gandeiro que tiña excedente de forraxe este ano e foron mercados por parte da Asociación a través das cotas dos socios. Nos envíos tamén colaborou o Concello de Folgoso do Courel, que correu cos gastos de transporte desde a zona de Portomarín, de onde procedían os rolos.
“Nós puxemos a forraxe e o Concello pagou o custo dos tráilers”, explica o presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que non descarta novos envíos en función das existencias das ganderías da zona que se viron afectadas polo lume. “Se hai explotacións que o necesiten igual facemos outro envío de herba seca”, avanza Santiago Rego.