Solicitan á Xunta que active as axudas anunciadas aos produtores de faba

O Sindicato Labrego Galego considera que “a Consellería do Medio Rural incumpriu o seu compromiso de activar no mes de abril as medidas de apoio ás produtoras/es de faba de Lourenzá”

Publicidade

faba LOURENZAO pasado 14 de marzo a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou en Ribadeo, nun encontro con alcaldes e representantes municipais, unha batería de medidas para paliar as graves perdas da IXP Faba de Lourenzá na última colleita.

Entre as mesmas figuraban a concesión dunha axuda directa de minimis ás persoas produtoras inscritas na IXP que podería alcanzar os 2.000€/ha, así como a apertura, no mes de abril, dun instrumento financeiro para dotar de liquidez ás persoas agricultoras e gandeiras galegas en xeral e, de xeito específico, para as de Faba de Lourenzá, co fin de que puideran facer fronte á sementeira.

Sen embargo, dende o Sindicato Labrego Galego advirten de que “logo deste anuncio e a súa correspondente difusión á través dos medios de comunicación, a Xunta de Galicia non activou absolutamente ningún procedemento para cumprir este compromiso”. “É dicir, estamos en maio e non hai convocatoria nin de axudas directas nin de instrumento financieiro”, lamentan.

“Os anuncios que fixo a Consellería para o mes de abril non se cumpriron e a xente está tendo que asumir agora absolutamente todos os gastos da nova plantación, logo de ter perdido a práctica totalidade da última colleita. Xa temos constancia de que hai produtores que están a ter dificultades para afrontar os custos de produción e tiveron que devolver algún pedido, por exemplo de titores”, alerta a produtora de faba de Lourenzá e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba.

“Esiximos á conselleira que active canto antes as medidas anunciadas, así como celeridade no desenvolvemento do traballo técnico preciso para axudar ás persoas produtoras nas enfermidades que afectan ao cultivo”, engade Isabel Vilalba.

Ademais, reiteran á Consellería do Medio Rural a súa petición de incluír nestas axudas directas á totalidade de produtoras e produtores de faba, dado que tal e como foron plantexadas inicialmente deixarían fóra á maioría das mesmas, ao estaren dirixidas unicamente ás 19 explotacións agrícolas inscritas na IXP.

Por último, dende o Sindicato Labrego lembran as súas “propostas concretas de axudas que a Xunta de Galicia podería pór en marcha para que as importantes perdas na colleita deste ano non impliquen un golpe que deixe polo camiño ducias de produtoras e produtores”. En concreto son:

-Preferentemente da man do Principado de Asturias, defensa en Madrid dunha axuda asociada para a faba na PAC suficiente, como xa existe noutros países europeos como Francia.
-Axuda agroambiental para a faba de 635 euros/hectárea (que xa saca este ano Asturias).
-Axuda de crise con fondos propios para todas as persoas produtoras de faba independentemente da súa inscrición na IXP.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información