Unións Agrarias insiste en pedirlle á Consellería de Medio Ambiente e a Augas de Galicia unha revisión exhaustiva dos datos empregados para a declaración de Zonas Vulnerables a Nitratos (ZVN) en Galicia. Demanda que se avalíe de forma rigorosa se os niveis de contaminación detectados nas estacións de medición responden efectivamente á actividade agrícola ou ben a outras fontes, tal como fixa a normativa europea.
A organización agraria advirte de que si ben a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa realizou unha análise técnica deste tipo, eliminando estacións de medición con datos non fiables ou influenciados por contaminación non agraria, non consta que Augas de Galicia, nas concas hidrográficas da súa competencia, fixese un traballo similar antes de pasar os datos das estacións á Consellería de Medio Rural, co mandato das declaracións de ZVN.
“A declaración de ZVN non pode basearse en datos sen depurar nin sen unha análise que discrimine claramente a orixe da contaminación, e así o afirma o Ditame Motivado da Comisión, remitido ao Reino de España o 2 de xullo de 2020, orixe de todo este procedemento”, afirman dende a organización.
Para Unións Agrarias é evidente que hai zonas onde a agricultura e a gandeira non ten posibilidade de causar os problemas detectados, como no caso de Nigrán, Baiona e Gondomar. Tamén parece evidente que no caso de Vilanova, Cambados, Meis e Ribadulla non existe apenas carga gandeira, e a actividade de produción de viño, que non é intensiva en fertilizante, non parece dar conta dos altos valores detectados. Sendo máis lóxico buscar a orixe en nitratos procedentes de orixe extra agrario, ou augas residuais urbanas, especialmente nunhas zonas con gran flutuación de poboación flotante durante os meses de verán.
Piden a designación destas zonas se realice con criterios obxectivos e baseados en evidencias contrastadas, para garantir a xustiza e a proporcionalidade das medidas
O mesmo se pode afirmar de zonas propostas na provincia de A Coruña, onde coinciden baixas cargas gandeiras ou actividade agraria, con altos niveis de poboación ou actividade industrial. Asemade, puntos de control claramente sesgados pola súa localización e que en modo algún reflectirían os valores medios das calidades da auga das zonas de estudo. Pero todas estas evidencias, só se poden facer valer ante a Comisión Europea, si hai un estudo rigoroso por parte do organismo competente, que ditamine tecnicamente e se incorpore ao expediente en curso.
A organización agraria solicita á Xunta de Galicia a elaboración dun informe técnico detallado sobre os datos de cada estación de seguimento, así como a incorporación das conclusións dese informe no proceso de declaración de ZVN. Insiste na necesidade de que a designación destas zonas se realice con criterios obxectivos e baseados en evidencias contrastadas, para garantir a xustiza e a proporcionalidade das medidas. “Esta actuación non só é crucial para o cumprimento efectivo da Directiva Nitratos, senón tamén para preservar a imaxe e o prestixio do sector agrario galego”, reclaman.