Solicitan incluír as variedades Agraria e Fina de Carballo na IXP Pataca de Galicia e ampliar a área a toda a Comunidade

Publicidade
Solicitan incluír as variedades Agraria e Fina de Carballo na IXP Pataca de Galicia e ampliar a área a toda a Comunidade

Pataca de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a solicitude para incluír as variedades Fina de Carballo e Agraria na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. Ata agora só estaba autorizada a variedade Kennebec, e dende o Consello Regulador agardan que coa inclusión destas dúas novas variedades, e sobre todo da Agria, moi cultivada na Limia, se podan duplicar e mesmo triplicar as cantidades comercializadas baixo a IXP Pataca de Galicia. Ademais, amplíase a área da IXP a todo o territorio galego. Ata agora estaba limitada ás comarcas da Limia, Lemos, Bergantiños, A Mariña oriental e a Terra Chá.

Para elo, o Consello Regulador da IXP solicitou o pasado 30 de marzo a modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia/Patata de Galicia. Unha vez publicada esta solicitude no DOG, someterase a un procedemento de exposición pública no Estado español antes da súa remisión aos servizos da Comisión Europea.

Introdución de novas variedades: Agria e Fina de Carballo

A variedade Agria vénse cultivando en Galicia desde hai varias décadas, sobre todo na principal comarca produtora, a comarca da Limia. Non se incluíu no primeiro prego de condicións desta indicación xeográfica protexida porque naquel entón tratábase dunha variedade protexida, condición que hoxe xa non ten.

Tanto as características edafolóxicas como as climatolóxicas de Galicia confiren á variedade agria unhas calidades organolépticas diferenciadoras respecto das patacas da mesma variedade cultivadas noutras zonas produtoras, segundo se puido determinar en diferentes catas cegas realizadas en que participaron expertos en análise sensorial. Nestes ensaios probáronse diferentes variedades de patacas procedentes de diversas zonas e preparadas de tres formas distintas: cocidas, en fritura francesa (en barriñas) e fritas en chips. En todos estes ensaios a variedade agria cultivada en Galicia mostrou unha valoración comparativa moi favorable, con elevadas puntuacións, sobre todo cando se fritía e especialmente frita en chips, o que a fai moi demandada pola industria do frito.

Trátase dunha variedade que dá un contido medio en materia seca arredor do 21 % e cuxo contido en azucres redutores está sempre por baixo do límite que se marcou para esta indicación xeográfica protexida.

Canto ás súas características, do mesmo xeito que a variedade kennebec, a agria caracterízase pola súa pel lisa e fina, con ollos moi superficiais, o que a fai comercialmente moi demandada.

No referente ás características agronómicas, ademais duns rendementos por hectárea algo superiores aos da variedade kennebec, hai que destacar a súa resistencia ao nematodo dourado da pataca (Globodera rostochiensis), aspecto importante, xa que na principal zona produtora de pataca de Galicia, a xa citada comarca da Limia, está a incrementarse o número de parcelas en que se atopa este parasito ao cal a variedade kennebec é bastante sensible. A introdución da variedade agria está a supoñer, ademais dunha redución nos custos dos tratamentos, unha contribución á mellora ambiental, xa que se poden diminuír moito, e mesmo suprimir, os tratamentos para combater esta praga.

A fina de Carballo é unha variedade autóctona de Galicia que se cultiva fundamentalmente na comarca de Bergantiños, unha das zonas de maior tradición na produción de pataca en Galicia. Como no caso das variedades kennebec ou agria, a súa pel é lisa e fina. Con todo, fronte a estas, presenta ollos profundos, característica que lle restou valor comercial e por iso o seu cultivo segue sendo bastante limitado.

Con todo, trátase dunha variedade que, como a kennebec, presenta carne de cor branca e que ten unhas magníficas calidades organolépticas, sobre todo cando se coce, tal e como se puido comprobar nas catas comparativas que se realizaron para a súa avaliación. O feito de que sexa unha variedade autóctona e a necesidade de fortalecer o patrimonio fitoxenético, aconsellan incluír esta variedade entre as admitidas dentro da IXP Pataca de Galicia.

Ampliación da zona xeográfica a toda Galicia

O prego de condicións vixente da IXP Pataca de Galicia considera catro subzonas de produción que abranguen distintos municipios distribuídos por tres das catro provincias galegas. No seu momento, cando se elaborou o primeiro prego de condicións, incluíronse só aqueles municipios en que o cultivo con destino ao mercado era máis importante, deixando fóra da área xeográfica o resto do territorio galego.

Porén, o cultivo da pataca distribúese en Galicia de forma bastante homoxénea polas catro provincias que conforman a comunidade. Así, segundo os últimos datos oficiais, correspondentes ao ano 2014, as hectáreas cultivadas por provincia son: 6.016 (A Coruña), 4.201 (Lugo), 6.883 (Ourense) e 3.158 (Pontevedra).

O feito de que en Galicia unha gran parte da pataca que se cultiva se dedica ao autoconsumo ou á venda directa do produtor ao consumidor é tamén un motivo que explica que só determinadas zonas fosen incluídas no territorio da indicación xeográfica protexida.

No entanto, as características edafoclimáticas que se recollen no vixente prego de condicións danse en maior ou menor medida en calquera das comarcas de Galicia. Téñase en conta que as subzonas que se recollen no prego vixente están distribuídas por todo o territorio galego. Estas condicións, que se resumen nun clima húmido, con precipitacións ao redor dos 1.000 a 1.500 milímetros e mesmo máis, cun período seco ao final do verán e temperaturas suaves durante o período vexetativo da planta e solos franco ou franco-areentos con pH ácido (entre 5 e 6,5), son condicións que se dan en xeral en Galicia. É dicir, o cultivo da pataca galega realízase en todo o territorio da comunidade autónoma, excepto nas zonas de alta montaña, con terreos en pendente que fan que a mecanización do cultivo sexa difícil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información