A sociedade Finca Agrovical vende por 7.783 euros o seu primeiro boi castrado na Feira de Silleda

agrovical boi rodeiro 2 A sociedade Finca Agrovical, con sede no lugar de Couso (concello de Rodeiro), presentou este martes na Feira de Silleda o seu primeiro boi castrado criado en pastoreo, un animal cruzado de 5 anos e medio de vida, e que foi adquirido pola empresa Frigoríficos Bandeira por 7.783 euros, máis IVE.

Aínda que a sociedade leva anos cebando vacas de desvelle con excelentes resultados das súas canais, trátase do primeiro macho que sae da granxa baixo este modelo de produción sostible, baseado no pastoreo intensivo.

A sociedade xorde coa vontade de aproveitar os recursos naturais que ofrecen as 30 hectáreas da familia dun dos socios. Esa superficie constitúe a base da alimentación dos animais, que permanecen no prado as 24 horas do día durante os 365 días do ano.

“Desde o inicio apostamos por un modelo sostible, que pon no centro o coidado do medio natural e do benestar animal. É o camiño para producir a mellor carne”, salientan dende esta gandería.

O animal levado á feira contaba con 5,5 anos. Ademais, a granxa dispón doutros 13 bois de arredor de 4 anos e 17 vacas adultas en proceso de finalización. A alimentación complétase con fariña procedente da industria da panadaría, un subproduto que reforza a economía circular do proxecto.

A sociedade está integrada por Víctor Jorge e Alberte Lamazares, e conta coa colaboración fundamental de Pepe Jorge, propietario da finca arrendada e responsable da vixianza e atención dos animais, aos que dedica unha atención especial.

Finca Agrovical defende tamén un compromiso social co rural: “As aldeas quedan baleiras e as terras abandonadas. Con este proxecto queremos contribuír a manter o territorio vivo e sostible, dándolle futuro e valor ao noso medio”, salientan os socios.

Pepe Jorge co primeiro boi que venden en Silleda. Foto: Cedida

Pepe Jorge co primeiro boi que venden en Silleda. Foto: Cedida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información