Soben no mercado de Silleda os becerros de recría de Frisona

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola suba de prezos dos becerros de recría de raza Frisona e a baixada dos de cruce. Caen tamén os prezos do vacún maior, mentres soben os ovos e os leitóns. O porco cebado mantense sen cambios.

Soben no mercado de Silleda os becerros de recría de Frisona

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia/Abanca estivo marcada pola suba de prezos dos becerros de recría de raza Frisona e a baixada dos de cruce. Caen tamén os prezos do vacún maior, mentres soben os ovos e os leitóns. O porco cebado mantense sen cambios.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa a suba produciuse en todas as categorías. Así, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo medio foi de 119 euros por xato, fronte ós 107 da semana pasada. Na categoría de menos de 20 días a media foi de 102 euros por animal, 20 máis que o pasado martes E nos becerros de máis de 50 días acadáronse os 145 euros de media por animal, 26 euros máis ca na anterior.

Pola contra, nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi á baixa de prezos en case todas as categorías. Así, os xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, situáronse nos 333 euros, 16 menos ca na sesión pasada. Nas femias houbo unha baixada media de 8 euros, ata os 224 euros por animal. A excepción foron os animais máis novos, con menos de 20 días, onde os prezos medios subiron: nos machos ata os 320 euros, fronte ós 300 euros que se pagaron a semana pasada, e nas femias ata os 222 euros fronte aos 197 do martes pasado. En canto aos becerros de máis de 50 días, os machos baixaron de prezo ata situarse nunha media de 314 euros por animal, fronte aos 427 da sesión anterior. As femias prácticamente mantivéronse sen cambios quedando nunha media de 312 euros.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha baixada do prezo nos machos, que acadaron unha media de 824 euros por animal, fronte aos 843 da lonxa pasada. As femias, pola contra, subiron ata os 749 euros de media, fronte ós 677 que acadaran a semana pasada.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi tamén á baixa, a excepción das vacas de segunda, a categoría máis numerosa, cuns prezos medios de 731 euros por animal, fronte aos 696 da semana pasada. Nas vacas de primeira a media foi de 1077 euros, por debaixo dos 1.114 euros do pasado martes. Por ultimo, no desvelle o prezo medio situouse nos 411 euros, 15 menos ca semana anterior.

silleda_vacun_18_11_2

Sen cambios no porco cebado e suba dos ovos e dos leitóns

En canto ó porco cebado, mantivéronse os prezos estables en todas as categorías. Así, o selecto e o normal quedaron nos 1,070 e en 1,045 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,357 euros o kilo, mentres, a categoría de desvelle permanece tamén sen cambios nun intervalo de entre 0,52 e 0,58 euros o quilo.

As cotizacións en Alemaña, que é o referente para os prezos de porcino na Unión Europea, o valor medio mantense sen cambios e sitúase unha semana máis nos 1,360 euros por quilo.

Polo que respecta ao leitón, sobe 2 euros de prezo e queda nos 36 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 41 euros para os dunha única granxa.

No referido ós ovos, a categorías XL mantense sen cambios nos 1,68 euros a ducia. A L sobe 0,01 euros ata os 1,26 euros, mentres que se acorda unha suba de 0,02 euros para as categorías M e S que quedan nos 1,12 e 0,91 euros a ducia, respectivamente. A galiña de desvelle sobe 0,01 euros e queda nun intervalo de entre 0,16 e 0,23 euros o quilo.

En canto ó coello, a cotización mantense sen cambios na Lonxa de Madrid e queda nos 2,30 euros o quilo.

silleda_porcino_18_11_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información