Soben as entregas de leite e baixan os prezos

Soben as entregas de leite e baixan os prezos

O último informe lácteo do Fondo Español de Garantía de Agraria (Fega), correspondente ó mes de marzo, revela que subiron as entregas de leite no conxunto de España por primeira vez nos últimos sete meses. Fixérono nun 0,9%, se ben no total do primeiro trimestre do 2019 a produción mantense un 0,5% por baixo do mesmo periodo do ano anterior. En Galicia, onde a diferenza do resto de España, as entregas seguiron unha tendencia á alza nos últimos meses, produciuse en marzo un 3,1% máis en relación ó mesmo mes do 2018.

Desde o sector, explícanse en parte as maiores entregas en Galicia polos menores prezos, pois ó ser a comunidade que menos recibe polo leite, a principal vía das granxas para aumentar liquidez pasa por subir a produción. Galicia sitúase un mes máis á cola de prezos en España, con 31,3 céntimos por litro (-0,2 céntimos en marzo en comparación con febreiro). A diferenza de Galicia co prezo medio en España (32,6 céntimos) sitúase en 1,3 céntimos, aínda que se se analiza o prezo medio ponderado do resto de comunidades, a diferenza vaise por riba dos 2 céntimos.

Entre as comunidades veciñas, destaca como é habitual o caso de Asturias, con 34,5 céntimos. Castilla y León está nos 33 céntimos e Cantabria en 32,5.

En calidades do leite, as granxas galegas sitúanse á cabeza de España, obtendo a máxima produción de graxa (3,85), frente á media estatal de 3,71. En proteína, Galicia está tamén por riba da media, con 3,29 por unha media estatal de 3,27.

Contexto europeo
A nivel europeo, os últimos datos de prezos e entregas corresponden aínda a febreiro. Daquela, o prezo medio do leite estaba en 34,94 céntimos por litro, un nivel que se espera manter en marzo, segundo as previsións do Observatorio do Mercado Lácteo. En entregas, nos dous primeiros meses do ano rexistrouse unha baixada na UE dun 0,8%. Haberá que agardar polos datos de marzo para comprobar se a tendencia de aumento da produción que se deu en España está producíndose tamén a nivel europeo.

Polo demais, o mercado de exportación está mellorando o seu comportamento, cun aumento das exportacións en xaneiro – febreiro dun 5% en volume e dun 9% en valor. Os principais produtos industriais, os queixos, manteñen unha liña estable de prezos, en tanto o leite en po está a remontar lixeiramente e a manteiga baixou, pero continuando en altos niveis, por riba dos 4 euros por quilo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información