A xornada deste martes da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca caracterizouse pola suba dos prezos dos becerros de recría de Frisón; baixan os de Cruce, mentres o vacún maior sobe lixeiramente. Suba tamén nas cotizacións dos ovos e baixada no porco cebado.
Así, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes experimentaron unha tendencia en xeral á alza. En concreto, na de menos de 20 días, a cotización media subiu ata os 98 euros, seis máis que na poxa do pasado martes. E na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media tamén subiu ata os 134 euros por xato, doce máis que a anterior sesión. Sen embargo, na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio caeu ata unha media de 141 euros, fronte aos 154 da semana pasada.
Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia foi máis ben á baixa, pero con excepcións. Así, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias subiron nos machos ata os 283 euros, fronte aos 249 da pasada poxa. Pero na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos baixou ata os 302 euros de media, fronte aos 321 do pasado martes. Nas femias os prezos mantivéronse estables nunha media de 195 euros. En canto aos xatos de máis de 51 días, o prezo medio caeu claramente ata os 359 euros, fronte aos 397 euros de media da última poxa.
No vacún maior a tendencia xeral foi irregular. Deste xeito, quedaron en 1.082 euros de media en categoría primeira, 727 en segunda -a máis numerosa- e 457 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.119, 717 e 468 euros, respectivamente.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Suba dos ovos e do coello
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse aplicar unha suba de 0,02 céntimos nas categorías XL e L, que quedaron nos 1,53 e 1,39 euros a ducia, respectivamente. A M e a S subiron 0,03 céntimos ata os 1,24 e 0,96 euros, respectivamente.
O coello subiu na Lonxa de Madrid 0,10 céntimos ata os 1,80 euros o quilo.
Baixada no porco cebado e sen cambios nos bacoriños
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis aplicar unha baixada de 0,02 euros o quilo ás categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 1,450 e 1,425 euros por quilo, respectivamente, así como ao desvelle, que se situou nun intervalo de prezos de entre 0,83 e 0,89 euros o quilo. A Canle II tamén baixou 0,026 euros, ata quedar nos 1,851 euros por quilo.
En canto aos leitóns, acordouse manter as cotizacións nos 36 euros para os procedentes de varias explotacións e os 41 euros para os procedentes dunha única explotación.