Sobe o prezo do leite pero estáncase a produción durante o primeiro trimestre do ano

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ven de publicar o informe sobre entregas e prezos do leite de vaca correspondente ao mes de marzo, no que se confirma unha suba dos prezos do leite, pero tamén un estancamento da produción durante o primeiro trimestre do ano.

En canto aos prezos, rexistrouse unha suba con respecto a febreiro, pasando dos 0,378 euros o litro a 0,383 en marzo. En Galicia a suba foi lixeiramente superior: media de 0,379 euros o litro en marzo fronte aos 0,366 euros de febreiro. A entrada en vigor dos novos contratos lácteos a partir de abril debería traducirse en novas subas.

Polo que respecta á produción, as entregas en marzo no conxunto de España ascenderon a 650363 toneladas, o que supón unha caída interanual se as comparamos coas 655.483 de marzo do 2021. En Galicia, pola contra, houbo un estancamento da produción: 258.297 toneladas fronte ás 258.098 do mesmo mes do ano pasado.

Se analizamos a evolución durante o primeiro trimestre, no conxunto de España houbo un lixeiro incremento de produción: das 1.848.084 toneladas producidas entre xaneiro e marzo de 2021 pasaouse a 1.869.423 no primeiro trimestre deste ano.

Esta pequena suba foi posible grazas a Galicia, que nos tres primeiros meses deste 2022 incrementou a súa produción nun 2,47%, pasando das 730.167 toneladas de 2021 ás 748.085 deste ano. De feito, se se descontase a produción galega, as entregas de leite de vaca no resto de España manteríanse practicamente estancadas, cun leve incremento do 0,27%.

Por último, e no relativo ás calidades do leite, a media en marzo situouse no conxunto do Estado no 3,81% de graxa e 3,33% de proteína. En Galicia, como ven sendo habitual, os sólidos lácteos foron superiores, non só na graxa, cun 3, 90%, senón agora tamén na proteína, cun 3,34%.

Descarga aquí o informe completo do FEGA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información