O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ven de publicar o informe sobre entregas e prezos do leite de vaca correspondente ao mes de novembro no que se confirma o incremento da produción con respecto ao mesmo mes de 2023 e tamén unha suba de prezos con respecto a outubro, un incremento que foi moito maior na media española que en Galicia.
Así, a media foi de 0,492 euros o litro a nivel estatal -en outubro foi de 0,486- mentres que en Galicia o prezo medio en novembro foi de 0,466 euros o litro, lixeiramente por riba dos 0,463 de outubro. É dicir, a suba do prezo do leite en Galicia foi a metade que no resto de España.
Polo que respecta á produción, as entregas en novembro no conxunto de España ascenderon a 581225 toneladas, o que supón unha suba do 1,06% respecto ao mesmo mes de 2023. No acumulado xaneiro-novembro a produción de leite en España repunta un 1,59% respecto ao mesmo período do ano pasado.
En Galicia o incremento da produción está sendo moito maior: En novembro as entregas ascenderon a 244.475 toneladas, un 2,85% máis que no mesmo mes do ano pasado e no acumulado xaneiro-novembro a produción subiu un 2,37% a nivel internanual.
Por último, e no relativo ás calidades do leite, a media en novembro situouse no conxunto do Estado no 3,91 % de graxa e 3,43 % de proteína. En Galicia, como ven sendo habitual, os sólidos lácteos foron superiores, na graxa, cun 3, 95%, mentres que na proteína os valores medios foron de 3,43%.
O prezo do leite ecolóxico en Galicia quedou en novembro nos 0,609 euros o litros, mentres que no conxunto de España a media foi de 0,612 euros.