A pandemia marcou os hábitos de consumo de 2020, tal e como reflicte o último informe de consumo alimentario en España 2020, presentado esta semana polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Coa hostalaría pechada boa parte do ano polas restricións alimentarias, o gasto centrouse nos fogares, onde os alimentos frescos como froitas, verduras e o leite, mantéñense como os produtos máis consumidos. Mentres, carnes e peixes apenas representan o 10% do volume de alimentos da cesta da compra, aínda que seguen sendo os que acaparan boa parte do orzamento.
A crise sanitaria deixou un cambio de tendencia no consumo de carne, xa que estar máis tempo na casa provocou que a carne teña maior presenza na cesta da compra, e rompe así a baixada do consumo que viña arrastrándose desde 2012. O consumo de carne incrementouse nun 10,5% e tamén se produciu unha suba do 2,2% do prezo medio, que este ano alcanzou os 7,01 euros o quilo. Aínda que, esta suba, como levan meses denunciando os produtores de vacún, non chegou aos gandeiros.
A carne supón o 20% do gasto dos fogares en alimentación e apenas representa o 7,2% da cesta da compra
A carne apenas representa o 7,2% da cesta da compra e neste 2020 significou un 20,4% do gasto dos fogares en alimentación. O 37,7 % dos quilos de carne fresca consumida no fogar corresponde á carne de pito, o 30,2 % correspóndese con porco, e o 14,8 % son de carne fresca de vacún. Este ano incrementouse, nun 13,7%, o consumo de carne de porco nos fogares.
Ao longo do ano tamén houbo cambios no consumo de carne. Así, no segundo semestre, coa nova normalidade, produciuse un incremento do consumo de carne de ovino e caprino, de máis dun 11%. De media, en Galicia, o consumo de carne por persoa é de 51 quilos ao ano e supuxo un gasto de 349 euros, uns 39,17 euros máis que en 2019.
Os produtos frescos seguen sendo o eixo da cesta da compra nos fogares, aínda que en 2020 aumentaron de forma considerable os ‘alimentos de fondo de despensa’ como fariñas, bases de pizza e masas de hoxaldre, legumes, azucre, arroz ou pasta. Así, cada español inxeriu unha media de 99,7 quilos de froitas, 87,05 de patacas e verduras e hortalizas frescas, e 74 litros de leite. A pesar de que frescos e leite son a base da alimentación nos fogares, apenas levan o 30% do orzamento.
Este ano, por primeira vez, incluíuse no informe a análise de produto sen glute, que apenas representan o 3,1% do volume total de alimentos consumidos. Tamén se analizaron o consumo de produtos ecolóxicos, que actualmente supón un 3,6% da demanda alimentaria.
O gasto dentro e fóra dos fogares
En 2020, os fogares destinaron un 14,2 % máis do seu orzamento á cesta da compra, 79.348,25 millóns de euros. Este incremento non compensa a caída do 36,8 % no gasto en bares e restaurantes (22.737,47 millóns de euros), que apenas supón unha quinta parte do total. O desembolso en alimentación (dentro e fóra do fogar) situouse en 102.082,72 millóns de euros, un 3,2 % menos que en 2019, mentres que o volume adquirido creceu o 4,4 %, até 34.766,95 millóns de quilos ou litros.
Os supermercados e autoservicios mantéñense como os establecementos preferidos polos consumidores e engloban o 47,6 % das compras alimenticias, pero a pandemia revitalizou as tendas tradicionais, que recuperaron cota de mercado despois de anos de declive. Ademais, tal e como destacou o ministro de Agricultura, Luís Planas, estes establecementos xogaron un importante papel para a cidadanía, por exemplo levando a compra a casa aos maiores ou persoas máis vulnerables.
O ministro tamén destacou o empuxe do fenómeno da compra por internet, e aínda que apenas alcanza o 2,3 % da cota de mercado do comercio de produtos alimenticios, o seu volume de vendas aumentou un 61,5% ao longo de 2020.
Ademais, coa pandemia o consumidor deu máis importancia á orixe dos alimentos, a preocuparse por adquirir produtos frescos e de proximidade. Empézase a prestar máis atención a como se produciu un alimento e, en 2020, aumentou o consumo de produtos de maior calidade, que son máis propios da restauración que da cociña dos fogares.