“Só podemos gañar en calidade; nós non queremos ser os que produzamos o leite en po máis barato do mundo”

Marco Horn é o xefe do Departamento de Gandaría Leiteira da Cámara de Agricultura da Baixa Austria. Nesta entrevista coñecemos algunhas das claves que explican o modelo de gandaría familiar e transformación e venda de produtos de proximidade do país

Marco Horn, técnico responsable del asesoramiento a las granjas lácteas de la Cámara de Agricultura de Baja Austria

Marco Horn, técnico responsable do asesoramento ás granxas leiteiras da Cámara de Agricultura de Baixa Austria

Marco Horn é un bo coñecedor do sistema lácteo austríaco. Criouse nunha granxa de leite na rexión de Estiria, nos Alpes, a 1.000 metros de altitude, e hoxe, como xefe do Departamento de Gandaría Leiteira da Cámara de Agricultura de Baixa Austria (unha institución con máis de 100 anos de historia destinada a representar os intereses dos produtores e a ofrecerlles asesoramento, formación e transferencia de coñecemento ás explotacións) encárgase de coordinar os técnicos que prestan asesoramento público ás ganderías leiteiras da rexión.

Casado cunha española (de Teruel), estivo de Erasmus na Universidade Politécnica de Valencia e é representante en Austria de European Dairy Farmers, a organización que reúne a gandeiros e técnicos de toda Europa.

Marco graduouse en Ciencias Gandeiras e Sistemas de Produción Gandeira e desde 2015 traballa para a Cámara de Agricultura da Baixa Austria

Na recente viaxe de técnicos e gandeiros galegos a Austria, este técnico afable e implicado foi un guía de excepción para unha expedición que buscaba afondar no sistema de transformación na granxa e venda directa que caracteriza a produción láctea no país.

– Que son as Cámaras de Agricultura?
– As Cámaras de Agricultura son, segundo a Constitución Federal Austríaca, as representantes legais dos agricultores e silvicultores. Todo produtor en Austria debe obrigatoriamente formar parte das Cámaras de Agricultura da súa rexión, que xunto coa Cámara de Comercio, a Cámara do Traballo e a Confederación Sindical, forman parte do sistema de sindicación obrigatoria do país.

Trala Primeira Guerra Mundial e a posterior disolución da monarquía austrohúngara, o 22 de febreiro de 1922 o Parlamento do Estado da Baixa Austria, o primeiro que se constituíu en Austria, decidiu fundar a Cámara de Agricultura do Estado da Baixa Austria con Cámaras de Agricultores de Distrito como asociación profesional central para a agricultura e a silvicultura, seguindo un modelo similar ás Cámaras de comercio e industria.

Os nove estados federados de Austria teñen a súa propia Cámara de Agricultura. A nivel federal existe unha organización paraugas, a Conferencia de Presidentes das Cámaras de Agricultura de Austria. O gandeiro Josef Moosbrugger, que desde 1999 tamén é presidente da Cámara de Agricultura de Vorarlberg, é desde o 15 de maio de 2018 o presidente da Conferencia de Presidentes das Cámaras de Agricultura de Austria.

As Cámaras de Agricultura contan cunha especie de Parlamento formado por delegados (na Baixa Austria son 40), que son produtores e que teñen a función de supervisar todas as leis que afectan ao sector. Existen eleccións para escoller a estes representantes de agricultores, gandeiros e silvicultores.

– Cales son os principais servizos que prestan as Cámaras de Agricultura aos produtores?
– Asesoramento práctico, formación pragmática, promoción de alimentos rexionais, comunicación á sociedade e representación de intereses dos agricultores ante as autoridades estatais, federais e comunitarias son os cinco piares fundamentais nos que traballa a Cámara de Agricultura da Baixa Austria.

En materia de formación e asesoramento, deseñamos os nosos servizos educativos e de asesoría para que sexan prácticos e modernos, actualizados e adaptados ás necesidades das explotacións. En Baixa Austria somos entre 500 e 550 persoas axudando aos produtores da rexión. No meu caso, levo o grupo de asesores para os produtores de leite.

Prestamos formación e asesoramento práctico e moderno ás explotacións; somos un equipo de máis de 500 persoas axudando aos produtores da rexión

– Como se articula ese sistema de asesoramento ás granxas?
– Por formar parte da Cámara de Agricultura, algo que é obrigatorio, os gandeiros pagan unha cota en función do tamaño da granxa. Iso dálle dereito a un asesoramento básico, pero se queren algo específico pagan á parte. Por exemplo, cando temos que facer unha visita á granxa para asesoramento in situ.

Os gandeiros son os nosos xefes e nós, os asesores, non somos funcionarios, senón que estamos contratados pola Cámara de Agricultura. O asesoramento privado por parte das empresas tamén existe. Nós levámonos ben coas empresas, pero o bo que temos é que non temos que vender nada. Todos os granxeiros son socios e por iso nós somos neutrais e non dependemos de ningunha empresa ou industria privada. Por exemplo, agora coa robotización moitas granxas pregúntannos. Nós explicámoslles as características de cada marca, pero despois a decisión de compra é deles.

– Xa que mencionas ese tema, existen moitos robots de muxido en Austria?
– En Baixa Austria nos últimos 10 anos pasamos de 26 robots de muxido a 400 na actualidade. Hai 2.100 robots en toda Austria. En Baixa Austria, o 26% do leite que se moxe vén xa de robot, que teñen xa o 14% das granxas.

Poucas explotacións teñen empregados para atender ao gando, aínda que algunhas si teñen traballadores na parte de transformación, pero a man de obra nas granxas segue sendo maioritariamente familiar, e cando xa non dá máis de si ou cando os pais se xubilan ou fanse maiores, optase en moitos casos pola robotización do muxido.

Os agricultores novos buscan cada vez máis asesoramento sobre novas tecnoloxías. A dixitalización é unha megatendencia que está cambiando profundamente a agricultura e a gandaría, pero hai que facer que a dixitalización sexa utilizable. Apoiamos aos nosos agricultores no proceso de dixitalización con asesoramento independente e estamos comprometidos con solucións prácticas, como tecnoloxías que aforran man de obra.

O 14% das granxas en Baixa Austria teñen robot de muxido e o 26% do leite producido procede xa de muxido robotizado

Vista de la explotación láctea Perschlingtal Milch, en la localidad de Pyrha, la más grande de Baja Austria

Vista da explotación láctea Perschlingtal Milch, na localidade de Pyhra, a máis grande de Baixa Austria

– Son habituais as unións de varias granxas familiares?
– Hai anos había unha certa tendencia nas familias a unir as súas granxas pero hoxe en día non tanto. A explotación leiteira máis grande de Baixa Austria é Perschlingtal Milch, unha granxa de tres familias que está situada na localidade de Pyhra. Comezaron no ano 1997 e están muxindo 360 vacas.

Pensamos que esa ía ser a tendencia, pero non se consolidou. A primeira xeración que se xunta funciona ben, pero na segunda xeración igual non queren o mesmo que os seus pais. Tiñamos máis explotacións deste tipo, cunha fórmula equivalente ás GAEC en Francia ou ás SAT en España, pero desfíxose moitas co cambio de xeración.

– Que peso ten a produción leiteira na economía do país?
– O leite e a carne de vacún representan un terzo da produción agrícola austríaca: o 20% corresponde ao leite e entre o 12 e o 13% á carne. Temos 22.000 granxas, o 90% en zonas desfavorecidas, con medio millón de vacas leiteiras. O 23% dos agricultores ten menos de 40 anos e un de cada cinco litros de leite é producido en ecolóxico.

O valor total de produción da agricultura en Austria equivale a 10.000 millóns de euros anuais, dos que 2.000 millóns proceden da produción leiteira. A maiores está a produción de cereais e plantas forraxeiras para alimentar á cabana gandeira do país, que practicamente son outros 2.000 millóns de euros.

– Como se distribúe a produción de leite en Austria?
– Baixa Austria concentra o 19% das vacas leiteiras do país. É xunto coa Alta Austria (30% da cabana leiteira) as dúas principais zonas produtoras. En Baixa Austria hai 3.731 explotacións leiteiras, cunha media de 28 vacas en muxido. O gando vacún, tanto de leite como de carne, manexa unha superficie de 221.000 hectáreas de pasto e forraxe, sen contar cultivos de cereal ou millo.

Seis industrias recollen e procesan leite das granxas da Baixa Austria, que lles subministran cada ano 700.592 toneladas de leite. En Austria as cooperativas son moi importantes. Na nosa zona operan as dúas principais: Berglandmilch (con 8.000 socios en toda Austria, 1.300 só en Baixa Austria) e NÖM (con 2.200 en toda Austria e uns 2.000 só na Baixa Austria). O 89% dos gandeiros de Baixa Austria forman parte dalgunha delas.

Os estados de Alta Austria e Baixa Austria concentran a metade das vacas leiteiras do país

Austria leite cooperativa Berglandmilch (Schardinger)

– Que produtos elaboran as cooperativas?
– Case a metade do leite producido en Austria transfórmase en queixo e requeixo, outro 30% en nata, manteiga e iogures e só o 20% destínase a leite líquida. Aquí o 75% do leite de consumo é fresca; a UHT hai que buscala para atopala. Sempre fomos un país de leite fresca e seguimos séndoo, aínda que na pandemia aumentou o consumo de UHT porque a xente prefería comprar para varios días e ese incremento mantense.

O noso estándar é leite sen Organismos Modificados Xeneticamente, non hai outra leite, porque desde hai uns 20 anos o sector decidiu non usar materias primas con transxénicos. Deste xeito, desde hai xa varios anos estamos utilizando só pensos europeos e nos supermercados austríacos a maioría dos produtos son de orixe austríaca, porque os de fóra non se producen sen OMG.

Con esta medida proteccionista queriamos darlle un valor engadido ao noso leite e que non nos entrase o leite barato de países como Holanda ou Alemaña. Ao mesmo tempo, con esa decisión evitamos unha mala imaxe do sector, porque as nosas vacas non se comen o Amazonas.

As nosas vacas non se comen o Amazonas, así evitamos unha mala imaxe para o sector e logramos que non entren produtos de fóra de Austria

Austria soja

– Esa estratexia de traballar sen transxénicos, encarece os custos de produción?
– Nestes momentos o leite sen OMG ás granxas estase a pagar a 53,11 céntimos o kg (60,44 céntimos no caso do leite ecolóxico), mentres que o prezo do concentrado sen OMG é de 33,03 céntimos o kg, segundo os últimos datos do mes de febreiro.

Os nosos prezos ao produtor son normalmente máis altos que a media europea. Ademais, nós temos máis estabilidade nos prezos, non hai subas moi fortes pero tampouco caídas bruscas, como ocorre no norte de Alemaña, por exemplo, onde só fan leite en po. Aquí nunca tivemos o leite a 27 céntimos.

O leite sen OMG, que é o noso leite estándar, estáse a pagar aos produtores a 53 céntimos neste momento e o custo do kg de concentrado sen OMG é de 33 céntimos

– Como se fixa o prezo ao produtor?
– Son cooperativas as que recollen o leite nesta zona, polo que non hai contratos como tales, pero segundo o acordo que existe dentro do sector, o gandeiro a principios de mes ten que saber o prezo ao que vai cobrar o leite. O cobro prodúcese o día 15 do mes seguinte.

Moitas granxas transforman elas mesmas unha parte da produción e o resto do leite entrégano á cooperativa. En Baixa Austria temos a planta máis grande do país. Pertence á cooperativa Berglandmilch e todos os días entran 2 millóns de litros de leite nesta planta.

– Malia estar rodeados de grandes países produtores de leite, a balanza comercial de Austria é positiva. Cal é a estratexia?
– Nós só podemos gañar en calidade, non en cantidade; é dicir, nós non queremos producir o leite en po máis barata do mundo. Somos excedentarios e vendemos moito leite fóra de Austria, pero todo transformado, así o valor queda aquí.

Exportamos sobre todo a Alemaña e a Italia. Os alemáns veñen a Austria de vacacións a esquiar e despois cando volven mercan os nosos queixos. No leste do país faise máis queixo fresco e semicurado, mentres que no oeste, na zona alpina, son máis típicos os queixos curados, porque era a forma tradicional de conservar o leite sen refrixeración. No caso de Italia, é un país deficitaria en leite, que só produce o 70% do leite que necesita e o consumidor en Italia gasta moito en comida.

O 40% do leite destínase á exportación transformada en produtos, por un valor de 1.800 millóns de euros en 2024

– Comparativamente con Galicia, Austria mantén moitas máis granxas de pequeno tamaño. Como se logra?
– A nivel impositivo a estratexia do Goberno é favorecer ás granxas pequenas. En Austria, as granxas con menos de 600.000 euros de facturación entran nun sistema fiscal especial e non están obrigadas a levar ningún tipo de contabilidade.

Desde a Cámara de Agricultura de Baixa Austria intentamos facer as cousas o máis sinxelas posibles para as explotacións. Os gandeiros son expertos no que fan, non se pode controlar todo e dicirlles desde Viena ou Bruxelas o que teñen que facer, debe haber flexibilidade.

A granxa media en Austria ten 25 vacas en muxido e produce 185.000 kg de leite ao ano

– Esa é entón unha das claves para evitar a desaparición de explotacións
– En Austria, o 3% das granxas de leite pechan cada ano. Leva sendo así desde antes de entrar na UE no ano 1995 e seguiu sendo así coas cotas lácteas e tamén na actualidade, desde a súa desaparición no ano 2015. O ritmo de peche de explotacións mantense constante.

En Baixa Austria temos 3.600 granxas de vacas de leite, 40 de leite de cabra e 54 de leite de ovella que venden a algunha leiteira (non están contabilizadas as que comercializan directamente toda a súa produción). Coa inflación tras a covid o leite de vaca no supermercado pasou de 1,20€ a 1,60€. O consumidor asumiu esa suba, e a rendibilidade das granxas de leite de vaca aumentou. Pero no caso dos produtos de ovella e cabra, que xa eran máis caros, non puideron subir do mesmo xeito, porque xa estaban no límite que aceptaba pagar o mercado.

As granxas que facturan menos de 600.000 euros non están obrigadas a levar ningún tipo de contabilidade

MANDLS ZIEGENHOF (Austria) distintivos de calidad

– Como se consegue concienciar ao consumidor para que compre produtos locais e ecolóxicos?
– É un traballo de fondo. Durante moitos anos realizouse unha labor de concienciación dos consumidores para que compren produtos locais e rexionais. Agora queremos avanzar tamén na hostalería e na restauración cambiando a lei para que teñan que informar na primeira páxina da carta de onde proceden os produtos cos que elaboran os seus pratos, como ocorre xa en Suíza, para que o consumidor poida elixir o establecemento tamén en función diso.

En Austria, desde organismos como a Sociedade Austríaca de Márketing Agroalimentario (AMA), ponse moito énfase na promoción dos produtos rexionais. Aínda que no pasado o márketing agrícola non era relevante, xa que os alimentos básicos non necesitaban publicidade en tempos de fame, hoxe en día é difícil prescindir del. É necesario concienciar á opinión pública sobre os beneficios dos produtos rexionais.

Debemos dar respostas rexionais ao comercio globalizado e é necesario aproveitar ao máximo a marxe de acción europea, nacional e rexional neste sentido. Os alimentos e as materias primas locais teñen o seu valor e necesitan o seu prezo. Os nosos altos estándares de produción non deben ser unha desvantaxe competitiva.

Queremos cambiar a lei para que os restaurantes teñan que informar na primeira páxina da súa carta de onde proceden os produtos cos que elaboran os seus pratos

– Un importante número de granxas transforman o seu leite. A que se debe?
– En moitas zonas existía tradición de facer queixos, por exemplo. Ademais, déronse outros factores. No ano 1995, cando Austria entrou na UE, establecéronse as cotas comunitarias á produción leiteira, como había no resto de países, aínda que en Austria xa as había antes de entrar no mercado común. Pero aínda que a cota de produción para a industria era limitada, a de venda directa non. Por iso, moitas gandarías comezaron a vender leite a nivel local, por exemplo a colexios da zona, e a facer iogures e outros produtos, porque grazas a esa alternativa de vender directamente unha parte do seu leite podían producir máis litros dos que tiñan asignados.

Ademais, aos cinco anos a cota de venda directa sumábase á cota leiteira de produción da granxa, e dese xeito podían ir aumentando os seus cupos e esquivar as limitacións de produción establecidas por Bruxelas. Este sistema, e o fomento do consumo local por parte das autoridades, favoreceu a transformación nas propias granxas.

“En Austria pódese aplicar o xurro con canón. Non queremos prohibir nada porque fai moito dano ás granxas de montaña”

Tractor abonando una tierra agrícola en Austria con una cisterna de purín de tubos colgantes

Tractor abonando unha terra agrícola en Austria cunha cisterna de purín de tubos colgantes

– Existe presión social en Austria en relación ás cuestións medioambientais como as emisións de gases de efecto invernadoiro das granxas?
– As respostas do público sobre os servizos ambientais concretos que prestan os agricultores están a cobrar protagonismo e nos últimos anos a maioría das granxas apostaron por fontes de enerxía renovables, instalando por exemplo paneis solares. Para incentivar o investimento, tras a covid aprobouse un plan específico que subvencionaba o 14% do custo de instalación de paneis fotovoltaicos e moitas granxas aproveitárono.

Unha xestión responsable por parte dos agricultores levou tamén a un uso significativamente menor de pesticidas e a unha mellor utilización de abonos orgánicos producidos na propia granxa.

Estamos en disposición de acadar o noso obxectivo de reducir un 12% as nosas emisións de amoníaco de 2025 a 2030 sen prohibir ningunha técnica de aplicación, só facendo atractivas as inversións en novas tecnoloxías de tratamento e aplicación de xurros. As axudas son do 40% para separadores sólido-líquido (o habitual é que sexa móbil e o adquiran entre varias granxas) e do 20% para fosas de xurro cubertas e maquinaria de aplicación que reduce as emisións.

Pero en Austria non prohibimos ningún sistema, porque nos Alpes en moitas zonas a única forma de aplicar o xurro é con canón. Facémolo mediante incentivos a través de axudas para que compren esa tecnoloxía as granxas que poidan investir niso e usalo na súa zona polas súas condicións. Na Baixa Austria o 40% do xurro sae xa ao solo con tubos colgantes (no conxunto do país a porcentaxe baixa até o 35%), pero non queremos prohibir nada porque fai moito dano ás granxas de montaña.

É necesario valorar e compensar axeitadamente os servizos ecosistémicos para conciliar os obxectivos ambientais co necesario rendemento económico das granxas

Pero se se incrementan os custos, tamén se debe ofrecer unha compensación axeitada por eses servizos ecosistémicos. O mesmo ocorre co benestar animal. As esixencias cada vez maiores en materia de benestar animal deben ser compatibles coa rendibilidade das granxas. Os estándares máis elevados de benestar animal levan aparellados custos máis elevados, que necesitan unha compensación a través do prezo do produto (non abonda con esixir máis benestar animal nas enquisas e despois mercar os produtos máis baratos nas tendas) ou pagos de compensación públicos.

Por iso, na PAC poñemos o mínimo en axudas directas do primeiro piar (30%) e o máximo no segundo piar, porque pensamos que é a forma de compensar e pagar os servizos ecosistémicos que prestan as granxas e favorecer ás granxas pequenas. E nos investimentos, só damos subvencións ás cortes que seguen plans de benestar animal e redución de amoníaco.

National Dairy Situation Austria

– Austria presta moita atención á formación agraria. Tense en conta á hora de outorgar axudas?
– En Austria, sen educación agrícola pódese levar unha granxa e tamén se reciben as axudas da PAC pola superficie agrícola, pero non podes recibir ningunha axuda para investimentos nin tampouco as axudas para o establecemento dos mozos gandeiros se non tes formación agrícola.

Para cobrar a axuda de incorporación tes que ter o título de FP agraria, que equivale a 3 anos de formación. Ademais, en Austria a formación puntúa nos baremos para recibir axudas, por exemplo para ampliar ou modernizar a corte puntúa a formación do gandeiro e sen eses puntos moitas veces non lles chega para recibir a subvención.

Sen os 3 anos de formación agrícola non recibes a axuda de incorporación nin subvencións para investimentos na granxa

A formación en Austria, sexa cal sexa a profesión, ten unha vertente eminentemente práctica, parecido ao modelo de formación dual que tamén se aplica en Alemaña. Na rama de FP agraria, os alumnos pasan 3 anos na escola cun día e medio de prácticas á semana e algúns meses de prácticas durante o verán. Só os mestres gandeiros, igual que no resto de profesións, poden acoller e formar a aprendices, polo que é necesario ter este título para poder acoller a estes alumnos en prácticas nas explotacións.

– E podes estar xubilado e seguir cobrando a PAC, como ocorre en España?
– En Austria a PAC depende da xestión da terra. Quen xestiona a terra, cobra a PAC. Un gandeiro que se xubila con máis de 65 anos pode seguir cobrando a PAC se tamén xestiona as súas terras. Pero isto non é moi frecuente en Austria. Normalmente, ao xubilarse, os gandeiros pasan a granxa aos seus fillos/as e así tamén o pago da PAC vai á xeración nova. Se unha granxa non ten sucesor, a xente maior normalmente aluga as terras aos veciños e así a PAC tamén vai para os veciños que xestionan esas terras.

En Austria os xubilados normalmente non cobran a PAC; se cando te xubilas non tes relevo e alugaches os teus campos, as axudas da PAC lévaas a granxa que aluga as túas terras

Aquí non temos o problema de que xente maior xubilada bloquee moitas terras e axudas da PAC. O que ti describes de Galicia tamén é un problema en países como Bélxica ou Francia e por iso tomaron medidas: ou PAC, ou pensión de xubilación, pero non as dúas á vez.

Porque o Regulamento da PAC mándao Bruxelas, pero a regulación da pensión de xubilación é cousa dos Estados membros. E se unha persoa cando chega á idade de xubilación segue tendo a granxa e cobrando a PAC, non cobra a pensión, porque se considera que segues en activo, que non te xubilares. Por iso en Francia ou en Bélxica un xubilado, ou cobra a PAC ou a pensión de xubilación, ou unha cousa ou a outra.

National Dairy Situation Austria

– Austria é un exemplo en Europa no relevo xeracional agrario. Como se consegue que a mocidade continúe na granxa?
– Existe moita tradición nas familias e ser agricultor ou gandeiro é unha profesión valorada socialmente, porque aínda que moitos gandeiros se queixan diso, en enquisas representativas os agricultores e gandeiros sempre saen moi valorados. Tamén moitos mozos valoran as vantaxes de ser o seu propio xefe e traballar nun ambiente rural, sen ter que conducir moitos quilómetros para chegar ao traballo.

A granxa e a propiedade da terra transmítense normalmente de xeración en xeración. Non se pagan impostos nos procesos de herdanza. Iso favorece o traspaso da explotación aos fillos.

Como Cámara de Agricultura, ofrecemos un acompañamento personalizado, sobre todo nos procesos de transmisión de granxas á seguinte xeración, para que tanto o cedente como o cesionario poidan xestionar con éxito esta fase.

As herdanzas en Austria non pagan ningún imposto e iso favorece o traspaso das explotacións aos fillos

– Están regulados os prezos da terra?
– O mercado da terra é libre en Austria, pero véndense poucas fincas, normalmente alúganse. Nos últimos 10 ou 15 anos o prezo da terra subiu moito. Dependendo da zona, poden estar entre os 10.000 e os 40.000 euros a hectárea, pero cando unha granxa pecha normalmente aluga as súas terras e nas zonas con menor demanda plántanas con especies forestais e destínanas a monte.

Non existe limitación nese sentido, xa que se pode facer un cambio de uso de agrícola a forestal, pero non ao revés. Se cortas un monte, tes 5 anos de prazo para replantalo. Está así establecido legalmente desde a época da monarquía.

Pódese facer un cambio de uso de agrícola a forestal, pero non ao revés; se se tala un monte antes de 5 anos ten que estar replantado

A silvicultura forma parte da produción tamén das granxas, que teñen normalmente hectáreas dedicadas a cultivos ou pradeiras e hectáreas de monte. A produción de madeira ten moita importancia en determinados estados, como por exemplo en Estiria. En conxunto, en toda Austria a produción forestal representa 3.000 millóns de euros anuais.

A terra agraria está a diminuír en Austria, sobre todo porque as leis de construción dependen dos Concellos e son moi laxas. Se vén unha industria ou un supermercado e lle piden a un alcalde instalarse, como despois van pagar impostos, facilítanlles a instalación. Somos un dos países da UE con maior consumo de solo por habitante.

– Existe grande preocupación en Europa nestes momentos pola febre aftosa. Como está a situación en Austria?
– En Austria non houbo por agora ningún caso, pero si en países veciños como Hungría ou Eslovaquia, onde houbo sacrificios masivos de gando. O 2 de abril Hungría notificou dous casos máis de febre aftosa e o caso de febre aftosa en Eslovaquia do 31 de marzo e o de Hungría do 26 de marzo localízanse nas inmediacións da fronteira, polo que estas dúas zonas de vixilancia, establecidas de conformidade coa lexislación da UE, esténdense ao territorio austríaco.

Detectáronse novos casos de febre aftosa en países fronteirizos como Hungría ou Eslovaquia e a zona de vixilancia xa toca Austria

Aínda que, como digo, en Austria non hai ningún caso ata o momento, establecéronse medidas para evitar a propagación, como prohibir a importación de animais, carne fresca, leite cru, esterco, pensos e palla procedentes de Hungría e Eslovaquia, así como extremar a vixilancia zoosanitaria e establecer medidas de bioseguridade nas explotacións.

Tamén se pecharon máis de 20 pasos de fronteira pequenos entre Austria, Hungría e Eslovaquia. Só quedan abertos algúns grandes pasos de fronteira e alí a policía fai controis e os vehículos teñen que pasar por unha alfombra desinfectante.

A nivel sanitario, a nosa cabana gandeira está libre de enfermidades como a tuberculose ou o IBR, pero entrou a lingua azul en outubro, en concreto os serotipos procedentes de Holanda e de Italia. Usamos o inverno para vacinar e, aínda que en Austria é voluntaria a vacinación, vacinouse moito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información