
Cabras pacendo no monte comunal en Vilariño de Conso. Foto: Cedida
Unha pequena información sobre o manexo tradicional dos pastoreo na montaña ourensá
Foi na primavera do ano 1979, na miña primeira experiencia como técnico da “Agencia de Desarrollo Ganadero” (ADG), cando cheguei á granxa “A Veiga”, na parroquia de Sabuguido (Vilariño de Conso). Daquela aínda existían explotacións de vacún de leite naquel entorno, mesmo en aldeas tan afastadas como Bretelo (Chandrexa de Queixa).
Hoxe coido que só quedan unhas poucas vacas de leite na Mata (Manzaneda). O que daquela me chamou a atención é que nos montes do arredor apreciábanse bastantes queimas da vexetación espontánea do monte (VEM). As zonas queimadas eran numerosas, pero dicontínuas e de pouca superficie. Pregunteille a un dos gandeiros, quen queimara o monte?, e a resposta foi clara e contundente: “Nós”. Era unha práctica habitual, que se facía no inverno e na primavera, para facilitar o pastoreo da “res”. Así é como se denominaban os rabaños de manexo comunitario de ovellas e cabras das aldeas do entorno.
Daquela, nos contrafortes da serras de Queixa, Invernadoiro, Manzaneda, Calva..etc, aínda existían as “veceiras” (rabaños de pastoreo comunitario), cando xa desapareceran en gran parte de Galicia. A res era quen mantiña o monte aberto como territorio de pastoreo, proporcionaba carne e, sobre todo lá, e ademais minimizaba o risco de lumes intensos.
A desaparición dos sistemas tradicionais de manexo do gando menor (ovellas e cabras) é a causa principal do incremento da intensidade e virulencia dos lumes que asolan Galicia
O funcionamento da veceira era simple e complexo ao mesmo tempo. A aldea contrataba un pastor profesional ao que lle pagaba un xornal e dáballe mantenza e acubillo, mais o pastor precisaba de axuda para manexar un rabaño que podía oscilar entre 1000 e 2000 “rixelos” (cabeza de gando menor, ovella ou cabra). Así, por cada 10 rixelos que posuía a un veciño correspondíalle un “dia de res” e ir de “costeiro” para acompañar ao pastor no seu recorrido diario coa res no entorno da aldea durante os meses de final do outono, inverno e primavera. Os animais regresaban cada noite á súa corte. O dia 2 do mes de xullo facíase a “conta de Santa Isabel”, na que se establecían os “dias de res” que lle correspondían a cada familia e os transhumaban cara as zonas altas das serras onde cada comunidade de veceira tiña o seu curro e a humilde vivenda para o pastor e o costeiro. Na serra a res, xa sen crías, pasaba o verán e parte do outono, ata que o clima se facía máis duro. Os pastores nos seus percorridos diarios aproveitaban para facer pequenas queimas da matogueira. Tamén se espodaban as árbores para conservar a folla para complementar a alimentación invernal dos animais. Ademáis, cultivábase centeo, compatible co pastoreo invernal da “felpa” e posterior aproveitamento para grao, mantendo aproveitadas superficies que hoxe son mato combustible. Esta práctica aínda subsiste en Quintela do Pando (Viana do Bolo).
A desaparición dos sistemas tradicionais de manexo do gando menor é a causa principal do incremento da intensidade e virulencia dos lumes que asolan Galicia, e especialmente a provincia de Ourense.
As circunstancias que nos trouxeron á situación actual: De 25.000 cabezas de gando ovino e caprino no ano 1960 nos concellos de Vilariño de Conso, Chandrexa e Manzaneda a menos de 5000 na actualidade
Nos concellos de Vilariño de Conso, Queixa e Manzaneda no ano 1960 había arredor de 25.000 cabezas de gando ovino-cabrún, repartidas en 47 “fatos”. Só Vilariño de Conso contaba cun censo de 13520 cabezas adultas (rixelos) e no ano 1985 só quedaban 4596. A partir desa data o manexo comunitario, a veceira, desapareceu e como consecuencia, a maior parte do gando.
Por outra banda, este sistema contribuía a facilitar o pastoreo dos bovinos de razas autóctonas en “vacadas”, “boiadas” ou “rondas”. O feito de substituír as vacas de razas autóctonas (Caldelás, Vianesas, Frieiresas, Cachenas e Limiás), por outras alóctonas con outras especialidades, pero non adaptadas aos ecosistemas das montañas orientais de Galicia, tamén contribuíu ao abandono do monte, porque as novas razas nos se defendían ben neste medio.
As diferentes especies de ruminantes citados, teñen a capacidade de consumir estratos determinados da vexetación dispoñible e entre elas compleméntanse nun uso máis eficaz do territorio. A queima de pequenas áreas cun control empírico, axudaba a manter a biomasa nun nivel manexable. Cando o control do mato mediante pastoreo desaparece, a cantidade de materia seca que se xera nunha determinada superficie pode ser superior a 3 ou 4 toneldas de materia seca por ano e logo de varios anos a cantidade de “fuel” acumulado convértese no factor determinante da intensidade dos lumes.
As consecuencias están aí e continuarán, porque houbo e hai outro tipo de abandono do que pouco se comenta e é o abandono social do que toda a sociedade é responsable, comezando polas administracións e seguindo polos propios administrados. Apenas se deron iniciativas correctoras e as que houbo case sempre chocaron coa indiferenza xeral e o escaso interese en consolidalas.
Apáganse os lumes no inverno?
Nos medios de opinión repítese con certa frecuencia que “os lumes apáganse no inverno”, mediante a prevención. Non pasa de ser unha simplificación dun tema moi complexo e con fondas raíces no pasado e nada doado de afrontar na situación actual.
Logo de décadas de abandono e desestruturación da sociedade rural é bastante ilusorio pensar que só actuando durante o inverno con limpezas ocasionais do monte como medida primordial de prevención se solucionaría o problema. ¿Cantos tractores con rozadoras serían necesarios para limpar case un millón de hectáreas en perigo? e ¿onde se atoparían os miles persoas que se precisarían para actuar nos lugares menos accesibles?. Sendo realistas non é dificil chegar á conclusión de que cos medios realmente dispoñibles só sería posible actuar nunha mínima parte do territorio. É evidente que os problemas socioeconómicos arrastrados durante máis de seis décadas e intensificados nos tempos máis recentes, non é posible resolvelos no curto prazo. Será necesario actuar durante un longo período de tempo, aplicando o coñecemento e os recursos humanos e económicos necesarios. En síntese PLANIFICAR, REORDENAR E INVESTIR.
Necesidades máis urxentes
Por mor dos evidentes efectos da mudanza climática o problema dos lumes en Galicia tenderá a acentuarse e continuará a xerar enormes custes económicos, sociais e ambientais, influíndo negativamente na vida da poboación, tanto rural como urbana. Por tanto, cómpre buscar alternativas para enfrontar unha situación difícil e complexa e como aplicalas con efectividade.
O máis urxente é restaurar xa no próximo outono as áreas de pastoreo e produción de forraxes queimadas
De xeito inmediato, nas zonas afectadas é preciso manter e consolidar as actividades agro-gandeiras actualmente existentes, atendendo as persoas que perderon parcial ou totalmente o seu gando e/ou seus medios de produción, como pastos, maquinaria, edificacións..etc Teñen que sentir que non están sós e que poden continuar ou mesmo recomezar. Non é difícil facer un cálculo aproximado das perdas económicas sufridas se se recorre aos datos existentes na Consellería de Medio Rural, referentes ao sistema de identificación animal, declaracións da PAC, sistemas de información xeográfica, SIXPAC e calquera outra documentación dispoñible para a identificación das superficies e bens afectados ou destruídos.
O máis urxente é restaurar xa no próximo outono as áreas de pastoreo e produción de forraxes queimadas, con axudas á recuperación das praderías ardidas, mediante técnicas de labranza mínima, fertilización e sementeira de pratenses especialmente nas zonas con explotacións moi afectadas. Os custes non serían excesivos, porque, desgraciadamente, unha parte das operacións de limpeza xa as fixo o lume.
Obxectivos e necesidades para atender no futuro:
O obxectivo primordial debe ser o de manter baixo control o combustible vexetal en grandes áreas de territorio reiteradamente afectado, sen desbotar os medios convencionais de prevención e extinción. Só a recuperación e o incremento dos sistemas de pastoreo adaptados á complexidade do medio afectado, poden ser eficaces a medio e longo prazo. A lóxica indícanos que deberiamos ter en conta tanto a experiencia do pasado como os potentes medios e instrumentos de investigación, formación e aprendizaxe dos que se dispón na actualidade.
“Só a recuperación e o incremento dos sistemas de pastoreo poden ser eficaces a medio e longo prazo”
A forte diminución ou case desaparición da carga gandeira que existiu no pasado nestes territorios queimados, sería a primeira eiva a resolver, tendo en conta que non se pode incrementar o número de animais en pastoreo por decreto o simplemente por desexo. Por dar algunha indicación máis precisa, unha carga de 0,4 – 0´5 Unidades de Gando Maior (UGM) por hectárea tería un impacto importante no control da herba e da matogueira, especialmente cando as especies que pastan nestes territorios son lignivoras.
É preciso contar primeiro con gandeiros e lamentablemente quedan poucos, por tanto haberá que atraer novos entrantes ao mundo rural, que aínda que pareza raro, existen!.
Incrementar as superficies de pasto de mellor calidade mediante a implantación de novas praderías nas superficies comunais ou privadas cedidas (Banco de Terras ou outras figuras xurídicas máis acaídas a cada zona), permitirá que cabras, ovellas, vacas e mesmo cabalos fagan un uso máis eficiente da vexetación espontánea, reducindo a acumulación de biomasa combustible. A creación de novas zonas de pasto debe facerse con especies con capacidade de sobrevivir nun medio e nun clima cada vez máis duro. Existen experiencias relevantes de transferencia tecnolóxica, levadas a cabo na última década mediante a colaboración do CIAM-AGACAL con explotacións de Viana do Bolo, Allariz, Sandiás, Celanova..etc que mostraron a eficacia do emprego na implantación de pastos en terreos con serias limitacións agronómicas, similares en moitos casos aos ardidos nesta vaga de lumes, das mesturas de diversas leguminosas anuais e gramíneas tolerantes ás condicións de seca estival, só precisan un mínimo de 450 ml de chuvia anual e altas temperaturas que sofren estas comarcas do interior de Galicia (só precisan un mínimo de 450 ml anuais de chuvia), algo que se acada en calquera parte da provincia de Ourense. Só lembrar que no 2008, cando arderan máis de 4000 has no concello ourensán de Rairiz de Veiga, o lume detívose nos pasteiros da comunidade montes de Penamá, en Allariz, implantados dous anos antes baixo a supervisión dos investigadores do CIAM.
A investigación agronómica é un piar esencial para poder progresar e Galicia dispón dunha estrutura material de investigación de primeiro nivel vinculada ao CIAM e ás fincas experimentais de Mabegondo (Abegondo), Marco da Curra (Monfero) e Veiga (Pobra do Brollón), pero é necesario avanzar máis e superar a actual situación de precariedade na que está actualmente o CIAM.
A recuperación da actividade gandeira como alternativa aos fogos de sexta xeración, especialmente nas zonas do Macizo Central, O Courel, Valdeorras..etc, precisará campos de experimentación sobre xestión do territorio e do pastoreo de cara á formación de técnicos e gandeiros adestrados na recuperación e extensión dos sistemas de pastoreo e das producións alimentarias tradicionais. As universidades e o centro de investigación forestal de Lourizán tamén poden e deben aportar a súa experiencia e coñecementos á posta en marcha dun plan de recuperación para as zonas abandonadas. Pero o máis esencial é a participación das persoas, dos gandeiros, especialmente daqueles máis conscientes e activos.
Nun medio rural tan diverso, deberían ser promovidas explotacións gandeiras complexas. A granxa complexa é a que dispón e compaxina o pastoreo complementario, combinando varias especies de gando, que aproveitan diferentes estratos dos recursos forraxeiros dispoñibles. En Galicia existen unidades de produción deste tipo, con vacas, cabras, ovellas e cabalos que se deben divulgar e poden servir de exemplo inspirador para os interesados en participar nunha mudanza da situación.
A incorporación de novos entrantes no rural, sen experiencia previa, sen ou con poucas terras, debe implicar un proceso de formación previo e comezar paseniñamente, con poucos animais para poder gañar experiencia e afrontando riscos económicos pequenos. Aplicar os criterios de viabilidade actualmente esixidos dificultan a posterior supervivencia.
Debería tomarse en consideración a creación dunha Axencia pública para a Recuperación e Desenvolvemento das Serras Orientais de Galicia
Os poboadores da zonas queimadas precisan que a administración estea fisicamente presente no territorio e de xeito permanente, por tanto debería tomarse en consideración a creación dunha Axencia pública para a Recuperación e Desenvolvemento das Serras Orientais de Galicia, centrada no estudo, planificación e xestión económica de plans específicos que permitan recuperar de cara ás próximas décadas a vitalidade dun territorio cun elevado potencial ambiental e produtivo, hoxe temporalmente reducido a cinza.
A enorme desgracia que está a acontecer, pode repetirse en calquera momento e afectar a zonas con moito máis combustible acumulado como os piñeirais e sobre todo nas grandes masas de eucaliptos, zonas que tamén están indefensas. Convén lembrar o caso da Mariña o ano pasado, a comarca onde era máis improbable que ocorrese algo así e sen embargo, aconteceu. A sociedade debe ser consciente da ameaza que temos a carón noso. Os animais herbívoros e lignívoros ben manexados poden ser de cara ao futuro unha parte importante e mesmo esencial dos sistemas de prevención e protección fronte aos incendios forestais.
Galego









Control OJD