Só 13 mulleres en Galicia solicitaron a titularidade compartida das explotacións

Estímase que 35.000 poderían facelo. Púxose de manifesto na reunión anual da Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego.

Só 13 mulleres en Galicia solicitaron a titularidade compartida das explotacións

Imaxe do encontro.

Tres anos despois de que se aprobase a Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións Agrarias, o 5 de xaneiro de 2012, tan só solicitaron a titularidade 13 mulleres en Galicia das 35.000 que se estima poderían facelo.

Esta é unha das mostras da desigualdade cara a muller que aínda persisten no rural galego, segundo se puxo de manifesto esta fin de semana no Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, que celebra a súa undécima edición, e que congregou a máis dun centro de labregas na Illa de San Simón, en Redondela.

25 anos da Secretaría de Mulleres do SLG

Neste 2015 cúmprense 25 anos dende que se crease, no seo do Sindicato Labrego Galego, este órgano de participación das afiliadas que ten sido pioneiro na toma de iniciativas e na loita polos dereitos das labregas e das mulleres que viven no rural.

Precisamente, co gallo desta efeméride, as participantes fixeron memoria e fixeron un percorrido polas reivindicacións polas que estiveron a traballar durante un cuarto de século: dende a loita pola titularidade compartida nas explotacións agrarias; até a demanda dunha Seguridade Social ao alcance de todas e con pensións dignas; pasando pola “enriquecedora camaradería” á hora de compartir singradura con labregas de todo o mundo, a través da Vía Campesina, ou coas integrantes da Marcha Mundial das Mulleres.

Durante o resto da mañá, as asistentes ao Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG escoitaron a testemuña de varias labregas -tres do Baixo Miño e unha de Lugo- que compartiron as súas experiencias á fronte de proxectos agrarios novidosos que foron dende a elaboración de viño biodinámico á cría en réxime extensivo de vacas de raza Vianesa, pasando pola comercialización directa de alimentos e a transformación de hortalizas e froitas en conservas, marmeladas, etc.

As mulleres labregas atopan máis dificultades que os homes

Estas iniciativas profesionais foron a porta de entrada para analizar as problemáticas ás que se deben enfrontar as labregas que queren levar adiante proxectos como os devanditos, e que adoitan a ser moito maiores que no caso dos homes.

Por exemplo, as dificultades para ter acceso á Seguridade Social nos momentos iniciais dos proxectos, cando hai serios problemas de liquidez; as triplas xornadas laborais das mulleres que, amais do seu traballo como profesionais, teñen que facer tarefas no fogar e coidar da rapazada e das persoas maiores; a case nula oferta de formación de calidade para poder poñer este tipo de iniciativas en marcha; a carencia de servizos na maior parte do rural; ou a falta de apoios e mesmo atrancos para a comercialización ou transformación de produtos agrarios a pequena escala.

No plano positivo, salientouse a actividade profesional e humana destas mulleres no seu entorno propicia a produción de alimentos de calidade, xera riqueza, axuda a revitalizar o medio rural, e mesmo desenvolve servizos que os poderes públicos non están a prestar nesas zonas.

Xa pola tarde, tralo xantar e unha visita guiada pola Illa de San Simón, foron protagonistas as mulleres de máis idade que, dende a Mesa das Sabias, falaron da súa longa experiencia como labregas. Completou a xornada o traballo en común con outros colectivos como a Rede Galega de Sementes e a Marcha Mundial das Mulleres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información