Sitúan os lumes do 2025 como causa dos estragos das riadas de onte no sur de Ourense

As trombas de auga provocaron danos en terreos e infraestruturas agrarias e gandeiras das zonas afectadas polos incendios de 2025. Amigas da Árbores cre que as talas de madeira queimada erosionaron o terreo e facilitaron as escorrentías. Unións Agrarias pide unha xestión dende o territorio para evitar estas situacións no futuro

Publicidade
Foto: Amigas das Árbores

Foto: Amigas das Árbores

O oriente ourensán e, especialmente, os concellos de Viana do Bolo e A Gudiña viviron na xornada de onte unha situación crítica por causa das riadas que baixaban dos montes. As escorrentías de auga danaron instalacións agrícolas e gandeiras, pasteiros e terras de cultivo e pistas e outras infraestruturas de uso agrario.

As trombas de auga procedían principalmente das zonas que arderon en agosto do pasado ano, nos peores incendios forestais dende que hai rexistros e que calcinaron boa parte dos montes desa parte de Ourense. Na comarca de Valdeorras, os principais danos déronse en viñedos que quedaron debaixo da auga e tamén sufriron a acción dos fortes ventos.

Dende a organización ecoloxista Amigas das Árbores (AA) poñen o foco dos efectos das riadas nas autorizacións que se deron para a retirada da madeira que ardeu total ou parcialmente nos lumes do pasado ano.

O colectivo afirma que “permitiron talar a madeira queimada sen aplicar ningún prego técnico. Deixaron facer vías de saca ao chou, nin sequera lle pediron ás empresas madeireiras que aplicaran as actuacións mínimas que publican nos seus dípticos a Consellería do Medo Rural e a Consellería de Medio Ambiente”.

A madeira do monte queimado talouse sen ningunha planificación e creando vías de escape polas que marchou a auga (Amigas das Árbores)

Os ecoloxistas lembran tamén que “solicitamos a reunión urxente do Consello Forestal de Galicia, órgano colexiado no que está representada a administración, os propietarios dos montes, as empresas forestais, as universidades, os sindicatos agrarios, os ambientalistas…pero nin sequera obtivemos resposta”.

Ademais, citan que “solicitamos que se cumprira co lexislado na Lei de Montes de Galicia, na Lei de Prevención de Incendios Forestais de Galicia, na Lei de Augas e nas normativas de aplicación para restaurar/rexenerar os ecosistemas estragados polos lumes do 2025 (máis de 150.000 hectáreas, e seguimos sen que nos contesten”.

A entidade ecoloxista considera que nos montes calcinados era urxente, despois dos lumes, xestionar axeitadamente os ecosistemas danados para minimizar a erosión, protexer os acuíferos e evitar danos nas poboacións e infraestruturas. E culpan a Xunta de Galicia, Confederacións Hidrográficas do Miño-Sil e do Douro, Deputacións e Concellos de non ter cumprido co seu deber.

Amigas das Árbores asegura que a retirada da madeira dos montes queimados facilitou que a auga escorrera sen oposición Foto: AA

Amigas das Árbores asegura que a retirada da madeira dos montes queimados facilitou que a auga escorrera sen oposición Foto: AA

Valoración de Unións Agrarias

Dende Unións Agrarias (UUAA), sinalan que se están seguir as mesmas políticas dos últimos anos e, polo tanto, os resultados non poden ser diferentes. José Ramón González, Secretario de Gandería, sinala que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) conta este ano con máis orzamento pero non introduciu ningunha novidade na súa acción.

“A xestión do monte ten que ser cousa de todos os que quedamos nel, que somos os que a podemos executar. Porque a xestión a través de empresas de servizos non funciona xa que só buscan rendibilidade e, como aquí non a obteñen, está todo abandonado.”, sinalou González.

Segundo o sindicato agrario, as riadas de onte son consecuencia de falta de planificación e de deixadez. “Que, un ano despois dos lumes, haxa unhas escorrentías que arrasen con camiños e cultivos é consecuencia das cousas mal feitas.”

A xestión do monte témola que facer entre todos os que estamos nel. As empresas de servizo abandónano porque non é rendible (José Ramón González, UUAA)

Para UUAA agora corresponde á administración autonómica facer balance dos danos en cultivos como as videiras e os cereais, en pastos e en infraestruturas e, posteriormente, axudar aos afectados que tiveron perdas moi importantes. “Hai viñas que quedaron dobradas por causa da auga e prados que estaban para segar e que xa non valen nin para segar nin para pacer.”, explicou González.

O representante de UUAA cita un terceiro problema, que será o de ter que limpar todo o que as escorrentías deixaron nas leiras. Lodos, madeira, pedras…elementos que impiden poder facer un manexo e un aproveitamento axeitados dos terreos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información