Situación da BVD nas granxas galegas

Un estudo da facultade de Veterinaria de Lugo recolle os patróns de transmisión máis habituais da diarrea vírica bovina nas granxas de vacún de leite galegas e detecta algúns que pasan máis desapercibidos

Situación da BVD nas granxas galegas

A principal vía de contaxio da diarrea vírica bovina en Galicia segue sendo a compra de gando.

A diarrea vírica bovina (BVD) continúa sendo unha das principais enfermidades coas que habitualmente lidan as granxas de produción de leite. Hoxe en día, aínda hai factores de risco que se descoidan nas gandarías e que son un foco de contaxio da enfermidade.

Algúns dos efectos máis habituais da diarrea vírica son a redución da produción de leite ou a capacidade reprodutiva, así como a perda de peso dos animais, morte na recría ou mesmo, nos casos máis graves, a morte de vacas adultas.

A investigación profundiza na frecuencia e diversidade do virus e logra definir patróns de transmisión do virus nas gandarías

Un estudo realizado pola Facultade de Veterinaria de Lugo examina a frecuencia e diversidade do virus para ter maior información sobre a enfermidade, que permita mellorar a resposta nas gandarías. “É moi importante coñecer os distintos tipos xenéticos que hai en circulación en Galicia, xa que hai cepas con comportamentos diferentes nas que é preciso aplicar unha ou outra vacina”, explica Javier Diéguez, profesor da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria e un dos investigadores participantes no proxecto.

Ademais, entre as conclusións que extrae o equipo de investigadores figuran patróns de transmisión a ter en conta nas gandarías. “Xunto coa diversidade xenética que se analizou, coñecer estes patróns de transmisión é un dos aspectos máis interesantes desta investigación, de cara ao coñecemento da enfermidade”, indica Diéguez.

A especie predominante en Galicia

O estudo, publicado o ano pasado, levouse a cabo entre os anos 2013 e 2017 cos datos recompilados en 140 granxas de toda Galicia, todas elas incluídas en Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS). “Tódolos datos analizados son de granxas que formaban parte do programa voluntario de ADS, xa que este programa permitíanos ter acceso a gandarías que detectaron a enfermidade”, explica Diéguez.

Mapa-BVD-en-Galicia-

Localización de casos estadísticamente significativos de tres cepas de BVDV-1b, segundo o muestreo realizado entre 2015 e 2017. // Inia.

As granxas localízanse nas provincias de Lugo e A Coruña, así como nas comarcas pontevedresas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Todas elas son gandarías cunha produción en convencional, aínda que con diferentes perfís.

En Galicia predominan os casos do tipo 1b, que adoita cursar con síntomas pouco aparentes na gandaría

As investigacións realizáronse en dúas fases: a primeira con datos solicitados entre 2013 e 2015 e a segunda con datos tomados entre 2015 e 2017. Analizaron 243 mostras que permitiron concretar que en Galicia predominan os virus de tipo 1b. En concreto, un 86,4% dos casos de BVD analizados eran desta especie. “Aínda que a predominante é a diarrea vírica de tipo 1b, atopamos puntualmente outras cepas do tipo 1 e mesmo, en menor medida, tamén atopamos algún do tipo 2”, detalla o investigador.

O resto de casos detectados nestas gandarías correspondían a outras variedades, na súa maioría do tipo 1 . Así, do tipo 1d, detectáronse 16 casos (que representan un 6,6% do total), 9 do tipo 1e (3,7%), 2 do tipo 1f e só un do tipo 1h, 1k,1l e 1p, así como un caso do tipo 2a . “A presenza do tipo 2 lévanos a estar atentos, xa que do mesmo xeito que ocorreu en Alemaña hai anos, pode aparecer un brote dalgún xen, que teña unha gran patoxenicidade e que poida supor problemas graves nas gandarías, como enfermidades hemorráxicas ou mesmo a morte dos animais adultos”, concreta Javier Diéguez.

“A presenza do tipo 2 lévanos a estar atentos, xa que pode aparecer un brote dalgún xen que teña unha gran patoxenicidade”

Tanto a variedade 1b, como boa parte dos tipos detectados en Galicia, cursan con síntomas que poden ser difíciles de detectar na granxa. “Moitas veces, estas cepas de 1b cursan dunha forma case inaparente na gandaría, que apenas chaman a atención do gandeiro, comenta. “Entre os efectos que deixa a diarrea vírica do tipo 1b figuran perdas do rendemento reprodutivo da granxa, abortos, un pequeno incremento nos días abertos ou algunha diarrea neonatal máis”, informa Diéguez.

Os investigadores inciden en que coñecer a variedade xenética da enfermidade que existe en Galicia axuda a estar prevido e enfocar os tratamentos preventivos ás cepas máis presentes. “As vacinas protexen fronte a aquelas cepas similares ás que conteñen ou que estean xeneticamente próximas, pero canto máis afastada estea a cepa vacinal á que infecte o rabaño, menos eficaz é a vacina, por iso é moi importante saber a variedade de cepas que hai en Galicia”, detalla o investigador.

Vías de contaxio

O estudo dos casos detectados tamén lles permitiu establecer patróns de transmisión, que axudan a coñecer as vías de contaxio máis habituais e mesmo aquelas que pasan máis desapercibidas. “Observamos que podiamos establecer algúns patróns de contaxio, xa que nalgunhas granxas había factores comúns”, apunta.

A principal vía de contaxio da diarrea vírica bovina en Galicia segue sendo a compra de gando. “Comprobamos que algúns dos casos detectados da mesma cepa localizábanse en granxas nas que a reposición procedía dun mesmo provedor de gando ou chegaran ás gandarías procedentes da mesma feira”, indica.

Volver introducir animais desde os puntos de concentración do gando, como feiras, mercados ou concursos, é outro dos principais focos de transmisión da enfermidade. “Aínda que en Galicia tampouco é moi habitual que o gando volva á casa tras acudir a estes eventos, tamén supón un risco”, detalla o investigador.

Á marxe destas vías de contaxio, “ás veces danse casos que non se explican por ningún destes factores”, apunta Diéguez. Na investigación, conseguiron determinar que hai outras rutinas da granxa que implican o contacto con outras gandarías e que poden ser a orixe do contaxio. “Nalgúns casos, as granxas compartían maquinaria, como o carro mesturador de alimentación do gando”, concreta.

Tamén o persoal que acode á granxa, como profesionais veterinarios ou a presenza doutros gandeiros pode supor unha vía de contaxio desta enfermidade, tal e como conclúen na investigación.

Recomendacións para reducir riscos

Unha das medidas fundamentais para reducir o risco de contaxio de diarrea vírica na gandaría pasa por extremar as medidas de bioseguridade. “Moitas veces as probas fanse na propia granxa, pero é fundamental que se poida garantir xa antes da compra”, detalla Diéguez. Neste sentido, incide na importancia de coñecer xa na granxa de orixe que o animal non ten a enfermidade e que tampouco se contaxie no traslado á nova granxa.

Extremar os controis dos protocolos de desinfección no transporte de gando é un dos puntos clave para evitar ou reducir a incidencia da enfermidade nas granxas galegas.

Aínda que polo momento non é habitual levar a cabo rutinas de limpeza e desinfección da maquinaria que entra na gandaría, estas prácticas tamén poden axudar a reducir os riscos.

O control e a restrición de visitas á gandaría é outra das medidas preventivas. “A diferenza doutros sectores como o porcino ou o avícola, nos que o control de acceso á granxa é máis estrito, no vacún de leite o manexo é aínda diferente e non se extreman tanto estas medidas”, recoñece o experto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información