“A situación actual do lobo é incompatible coa gandería extensiva”

Gandeiros e organizacións agrarias cuestionan nun debate organizado en Lugo a expansión do lobo, co conseguinte aumento de danos sobre o gando

“A situación actual do lobo é incompatible coa gandería extensiva”

A xestión do lobo segue xerando conflicto no campo.

O medio rural do noroeste de España lévase enfrontando durante décadas á xestión do lobo. A falta de consenso entre os diferentes actores prolonga un conflito sen resolver, dando unha sensación de inmobilidade e bloqueo. Os gandeiros afectados reclaman medidas efectivas para evitar danos sobre o gando, mentres que a estratexia política, orientada a unha maior protección do cánido, preocupa no agro.

Lugo acolleu esta semana unha xornada multisectorial sobre o lobo na que interviñeron representantes políticos, membros do colectivo científico e gandeiros de zonas de montaña afectadas para debater posibles medidas en torno ás necesidades das explotacións en extensivo. Cales foron as posicións de gandeiros e organizacións agrarias?

O punto de vista de organizacións e asociacións
A polarización quedou plasmada no transcurso desta xornada. “A situación do lobo é totalmente incompatible coa gandería en extensivo”, critica Mercedes Cruzado, gandeira e secretaria xeral en Asturias da organización agraria Coag.

“Na dimensión social deste debate estase aproveitando a desinformación sobre a situación real, e moita xente das cidades cun punto de vista contrario á xestión do lobo non coñece o que nos está pasando aos gandeiros co gando”, explica Cruzado. Ademais, “hai certas cousas que non están pagadas, como a intranquilidade do día a día dunha persoa coma min, que ten unha gandería en extensivo nunha zona do noroeste peninsular afectada polo lobo”, detalla.

A cría en extensivo implica o pastoreo dos animais, pero moitas veces, as medidas contra o lobo resultan insuficientes para evitar os ataques. “Eu teño 5 mastíns, ademais de peches. Pastoreo e manexo os animais todos os días para evitar perdas; a gandería en extensivo é fundamental para a conservación dos pastos -unha das premisas da Directiva de Hábitats-, pero cando vives un ataque xa non só é o diñeiro, senón que matan un animal que estás coidando e ao que te acabaches achegando”, explica Mercedes Cruzado.

Caso galego
A situación en Galicia tamén tivo cabida no debate a través da secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, quen sinalou que “nos últimos anos, segundo os datos que nos dan da Consellería, o número de manadas aumentou, pasando de 68 a 90, á par das incidencias ocasionadas polos predadores”, amplía.

En canto á caza da especie, os criterios cambiaron a partir da Estratexia para a Conservación e Xestión do Lobo e a Convivencia coas Actividades do Medio Rural, aprobada en xullo deste ano. Ata o de agora, en Galicia autorizábanse batidas ao lobo en caso de danos reiterados, pero a partir da aprobación da Estratexia, a caza do lobo converterase en excepcional, pois só se permitirá cando estea demostrado que os medios de prevención existentes (mastíns, peches, etc.) son insuficientes.

En calquera caso, a caza do lobo en Galicia de xeito legal xa viña sendo mínima, pois o último exemplar abatido oficialmente data do 2013. Cuestión distinta é a situación do furtivismo contra a especie.

Outra das críticas do Sindicato Labrego xira en torno “ás desigualdades territoriais en canto a estrutura da terra e formación”, posto que “en Galicia, por exemplo, temos 11 millóns de parcelas agrícolas e forestais, e unha parte delas de descoñecidos”, lembrou Vilalba, que pide ademais que se lle pague ós gandeiros polo lucro cesantes dos animais.

De seguido, interveu Carlos Nores, doutor xubilado da Universidade de Oviedo, para sintetizar que “todos sabemos o que hai que facer, pero ninguén sabe como facelo, polo que cómpre superar esas barreiras e dialogar”.

“Todos sabemos que hai que facer, pero ninguén sabe como facelo, polo que cómpre superar esas barreiras e dialogar” (Carlos Nores)

Perspectiva de gandeiros de montaña
Outro dos puntos de vista da xornada foi o dos gandeiros de alta montaña. Desde a súa óptica, o lobo representa perdas por danos en ataques e un factor que desincentiva a actividade gandeira nas zonas afectadas. “No 1994 tivemos o premio Príncipe de Asturias a pobo exemplar pola conservación paisaxística; moito foi polo pastoreo de montaña e sen embargo, agora xa hai xente pensando en deixar a actividade; entón que vai pasar co entorno e coas 5 certificacións de calidade de queixo – entre Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas – que ten a zona?”, cuestiona Alberto Valle, gandeiro dos Picos de Europa.

“No 1994 tivemos o premio Príncipe de Asturias a pobo exemplar pola conservación paisaxística, moito foi polo pastoreo de montaña; pero agora hai xente pensando en deixar a actividade” (Alberto Valle, gandeiro de Asturias)

Outra das incógnitas que transmite Valle é a incerteza e malestar que se percibe polos ataques. “Que vai pasar con esa xente que firmou a ampliación dunha gandería ou un crédito, e se ve continuamente afectada polo lobo?”, expresa.

“Chega a un punto que unha persoa cunha gandería se pregunta: merece a pena seguir? Non queremos que simplemente nos paguen os danos, non queremos alimentar estes animais silvestres despois de estar criando o noso gando”, denuncia Lucía Velasco, gandeira asturiana.

Asímesmo, a gandería en extensivo depende en certa medida de pastos e, polo tanto, de fincas. “O custe da aplicación de medidas preventivas contra o lobo é elevado, e aínda que nos concedan 20.000 euros -a aplicar en varios anos- para prevención, de que nos serven se temos 50 parcelas polas que rota o gando?”, sinala Benedicto Rojas, gandeiro dos Picos de Europa.

Explicacións e avances desde a inclusión do lobo no Lespre

O estatus legal do lobo, con respecto á súa protección, cambiou en setembro do ano pasado incluíndose no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre). A falta de criterios homoxéneos entre as Comunidades Autónomas en canto á peritaxe de danos, aos trámites administrativos, ás vías de compensación ou ao control letal do lobo levou a cambios a nivel estatal.

“O apoio que administración brinda aos colectivos afectados polo lobo variou moito en función da Comunidade Autónoma, creando desigualdades non desexadas nas súas rendas; asímesmo, os controis letais que se aplicaron nos diferentes territorios non se realizan cos mesmos criterios e son máis ou menos selectivos en función do persoal implicado”, xustifica a directora general de Biodiversidad, María Jesús Rodríguez.

Por todo isto, “durante 2022 traballouse coas Comunidades Autónomas na aproximación armonizada a nivel estatal para abordar con criterios comúns a creación dun protocolo común de aplicación de extraccións letais do lobo, que foi aprobado na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente o pasado 28 de xullo como anexo á Estratexia para a Conservación e Xestión do Lobo e a Convivencia coas Actividades do Medio Rural”, detalla a directora.

A conclusión é que só se permitirá a caza do lobo en situacións excepcionais, cando estea demostrado que se puxeron axeitados medios de prevención dos ataques ó gando e que estes foron insuficientes.

En xullo, na Conferencia Sectorial aprobouse unha partida de 20 millóns de euros para medidas de prevención e de indemnizacións por danos. “En relación con isto, é importante destacar que se acordou coas comunidades autónomas uns criterios de distribución armonizados; polos cales se teñen en consideración a cuantificación do risco relativo á convivencia entre lobos e gando”, avanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información