Situación actual e plans de ampliación dos centros de recría de vacún de leite en Galicia

A maiores das instalacións previstas en Sobrado dos Monxes, na comunidade existen outras 5 granxas especializadas que descargan ás explotacións leiteiras da man de obra e as instalacións necesarias para os animais de reemprazo

Saída de xovencas preñadas de volta cara ás ganderías de orixe

Saída de xovencas preñadas de volta cara ás ganderías de orixe en Recría Castro

A profesionalización do sector lácteo galego está a chegar tamén á recría. A Xunta de Galicia acaba de anunciar o visto bo ambiental á construción en Sobrado dos Monxes dun centro de recría con capacidade para 1.262 animais. Estará ubicado na parroquia de Grixalba, nunha parcela que pertence á Gandería de Rañón e dará servizo a varias granxas da zona.

Centralizar a recría permite reducir custos, gañar eficiencia e incrementar o crecemento dos futuros animais de reemprazo. É unha estratexia que xa seguiron antes outras ganderías. De feito, en Galicia existen xa desde fai anos outras experiencias de recría en conxunto e centros de recría específicos que buscan mellorar a comodidade e benestar das xatas e xovencas en instalacións adaptadas ás súas necesidades.

Analizamos as iniciativas deste tipo que están a funcionar. 

Recría en conxunto pioneira en SAT Xercas

O crecemento nas últimas décadas das explotacións leiteiras galegas levou a moitas delas a optar por alternativas externas ou compartidas para facer a recría necesaria para o remprazo dos animais de produción.

A primeira experiencia deste tipo en Galicia foi SAT Xercas a principios dos anos 90 en Castiñeiras (Xermade). É unha granxa na que catro explotacións veciñas (Portalousa, As Cavadas, Gandería Penas e Casa Gil) recrían en conxunto as súas xatas e xovencas.

Contan con dúas naves, unha destinada a almacén e na que está parte da recría máis pequena, que entra despois do destete, e outra na que se encontran os lotes de xatas e xovencas máis grandes.

Dispoñen tamén de 30 hectáreas de terreo destinado a pastoreo, xa que as xatas pequenas aliméntanse mediante carro mesturador pero unha vez están xa diagnosticadas de preñez saen fóra e na primavera ou épocas nas que hai pasto unha parte importante da alimentación das xovencas baséase no pasto. 

Cada unha das catro explotacións que forman Xercas encárgase de atender o centro de recría conxunto unha semana ao mes

A volta dos animais para a explotación de orixe prodúcese normalmente entre os 7 meses  e medio e os 8 meses de preñadas, en función do espazo que haxa para acollelas na granxa á que pertencen. 

En total nas instalacións de Xercas hai neste momento 175 animais. Cada explotación paga unha cuota mensual de 80€ por cada xata ou xovenca que ten no centro, cos que se cubren os custos de alimentación e os gastos xerais veterinarios, como por exemplo o control reprodutivo (non entra o seme porque cada granxa usa o que quere).

Nese importe por animal non se computa tampouco o custo da man de obra, xa que a atención dos animais realízase por turnos, de maneira que cada explotación se encarga dos traballos unha semana ao mes en Xercas.

Ampliación das instalcións de Ganxabar en Mazaricos

Ganxabar, a cooperativa formada por 8 explotacións da comarca do Xallas e A Barcala, conta cun centro de recría en conxunto en Mazaricos. Conta na actualidade con capacidade para uns 1000 animais, pertencentes a 7 das granxas.

A cooperativa veterinaria Seragro leva 18 anos encargándose da recría nestas instalacións, ás que os animais chegan das distintas explotacións con 3 semanas de vida. A saída prodúcese aos 5 meses de xestación, debido á falta de espazo, o que obriga tamén a limitar a entrada de animais.

A entrada prodúcese ás 3 semanas de vida e a saída aos 5 meses de preñez, debido á falta de espazo

De feito, 2 das granxas socias vense obrigadas a recriar pola súa conta unha parte das xatas (entorno ao 50%) debido á falta de capacidade no centro de recría de Ganxabar: no caso de Grille Sociedade Cooperativa fan recría nas instalacións vellas, mentres que SAT Vila Alborés manda unha parte das xovencas a Valencia, ao centro de recría Cowvet. 

Para poder dar cabida a todas as xatas das ganderías socias e permitir que as xovencas estean até os 7 meses no centro de recría, Ganxabar está en proceso de ampliar as súas instalacións. Dispoñen xa da licenza de obra e están pendentes de poder acollerse a un Plan de Mellora para poder subvencionar unha parte do investimento.

O incremento da capacidade do centro sería do 50%, con 500 prazas máis, pasando de 1.000 animais a 1.500, necesarios para facer fronte ás necesidades de recría que leva aparellado o crecemento en número de cabezas das explotacións socias.

Castragude pasa a Prolesa

O crecemento está tamén detrás da decisión de Prolesa de alugar o centro de recría que a cooperativa Aira tiña en Castragude (O Incio). Levaba en funcionamento desde o ano 2002 até que o ano pasado anunciou ás ganderías que facían uso deste servizo que a final  de ano deixaría de recibir animais. Na actualidade tan só quedan nas instalacións algunhas xovencas de 2 socios de Aira que están agardando rematar as obras nas súas explotacións para poder levalas.

As instalacións, que pertencen a Aira, ocupan unha superficie de 4 hectáreas e dispoñen de dúas naves, unha para xatas e outra para xovencas, con capacidade para 250 animais

A xestión do centro de recría de Castragude mediante un contrato de aluguer permitiría a Prolesa liberar espazo na nave de Goián, en Sarria, para aumentar ao número de vacas en produción, que pasaría das 540 actuais a 750.

A capacidade máxima legal permitida (850 UGM) completaríase cun 10% de vacas secas máis as becerras pequenas de recría (até o destete) e os xatos de cruces cárnicos que son vendidos ao mes de nacer, e que supoñen en total outro cento de animais entre machos e femias.  

A intención de Prolesa é comezar a usar as instalacións de Castragude despois do verán, pero están pendentes dunha consulta feita á Consellería en canto á vinculación sanitaria das dúas granxas mantendo os dous REGAs actuais, para que en caso da inmobilización do centro de recría por un positivo as xovencas que están a piques de parir poidan ser trasladadas a Goián.

Prolesa está pendente dunha consulta á Xunta sobre a vinculación sanitaria das dúas granxas para comezar a levar as primeiras xatas

As instalacións de Castragude ocupan unha superficie de 4 hectáreas e dispoñen de dúas naves, unha para xatas e outra para xovencas, con capacidade para 250 animais, que se adaptaría ao número necesario para cubrir a taxa de reemprazo de Prolesa. Acollería as xatas desde o destete até os 5-6 meses de preñado.

As naves están xa adecuadas para a recría, polo que non serían necesarias obras nin reformas e economicamente o seu aluguer resulta moito máis barato que ter que facer unha nave nova de recría en Goián cos prezos actuais de contrución.

A atención do gando correría a cargo do persoal propio de Prolesa, que conta nestes momentos con 12 persoas traballando, entre eles 2 veterinarios. En canto á alimentación, levaríase a cabo, cando menos inicialmente, por medio do servizo de mestura seca de Aira, dado que entre as dúas naves, a de produción e a de recría, hai uns 11 km de distancia. Deste xeito non terían que desprazar o carro mesturador desde Goián, coa vantaxe de que a mestura seca non é necesario que sexa servida diariamente.

Reparto dos gastos en Granxa Renota

No mes de xullo do 2021 comezou a funcionar Granxa Renota (Recría Novillas Taboada), que pertence a tres ganderías do municipio: Souto Frade SC, Novoa SC e Luis Miguel Rojo Vázquez (a antiga Millán SC).

Entre as tres mercaron unha explotación en desuso, de nova construción, e habilitárona para facer a recría en conxunto, desconxestionando deste xeito as instalacións das tres ganderías, que non contaban con espazos axeitados para albergar ás xatas e xovencas.  

Esta decisión permitiulles ás tres granxas mellorar a calidade dos animais de reemprazo, adiantando dous meses a idade ao primeiro parto, grazas ao maior crecemento das xovencas nunhas instalacións máis cómodas e mellor equipadas e, ao mesmo tempo, reducir os seus custos, cunha xestión máis eficiente que a realizada individualmente.

Para o funcionamento, estableceron unha cota mensual variable en función dos gastos, que se reparten proporcionalmente ao número de animais de recría que ten cada granxa

O establo foi mercado a partes iguais (un terzo cada un) polas tres explotacións socias, e para o funcionamento estableceron un pago por animal e día de estancia, que é variable, fixado en función dos custos de alimentación e outros gastos mensuais, que se reparten proporcionalmente ao número de animais que ten cada granxa nas instalacións conxuntas. 

A maiores da compra do establo, a granxa ten superficie 25 hectáreas alugadas, o que lles permite producir boa parte da forraxe necesaria para a alimentación da recría. As compras de insumos externos redúcense a penso e algo de palla, polo que o custo por día e animal non chega normalmente aos 2 euros.

Lograron baixar dous meses a idade ao primeiro parto desde que realizan a recría en conxunto

Entre as tres explotacións teñen unha persoa contratada, que se encarga de levar a granxa de recría e descarga de traballo ás tres explotacións socias, que se turnan unicamente para cubrir os días de libranza do empregado, que é mesmo quen toma as decisións de se un animal vale para inseminar ou convén agardar un quente máis.

As instalacións albergan neste momento 190 animais en total. Entran con 3 meses, despois do destete, dado que algunha das granxas conta con amamantadora e aseguran que non lles está dando problemas a nivel sanitario o feito de xuntar animais de distinta procedencia con esa idade.

Xuntan as becerras tralo destete e volven para a granxa de orixe un mes antes de parir

Até os 12 meses as xatas están en lotes de 10 animais en cama quente por atrás e pasillo con trabadiza diante, cunha alimentación a base de silo de millo, herba seca, palla e penso. Inseminan entre os 12 e os 13 meses, cambiando a alimentación, substituíndo na ración o silo de millo por silo de herba para que non engraxen o ubre. O aloxamento pasa tamén a estabulación libre con cubículos, divididos en dous lotes, o de inseminación e o das xovencas xa preñadas.

Centro público en Castro de Rei

O centro de recía máis grande de Galicia é Recría Castro, un centro público xestionado por Seragro nas instalacións da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, propiedade da Deputación de Lugo.

Inaugurado o 2 de xuño do 2018, acolle nestes momentos uns 2.750 animais de 60 ganderías da provincia de Lugo, que contan con prioridade de acceso. A entrada das xatas prodúcese de promedio, aos 22 días de vida e a saída entre os 7 e os 7 meses e medio de preñadas.

O custo para as explotacións por animal e día de estancia é de 3,33 euros

O centro de recría conta tamén con 185 hectáreas de superficie agraria, onde se bota millo e herba para a alimentación do gando. O custo para as explotacións por mandar os seus animais é de 3,33 euros por día de estancia. O centro atópase ao 100% da súa capacidade.

Rancho Las Nieves en Zaragoza e Cowvet en Valencia, as opcións fóra de Galicia

Instalacións do Rancho Las Nieves en Zaragoza

Instalacións do Rancho Las Nieves en Mallén (Zaragoza).

A oferta de centros de recría en Galicia, tanto públicos como privados, é escasa e non chega para facer fronte ás necesidades das explotacións leiteiras que deciden externalizar a crianza da súa recría. Moitas delas vense obrigadas a mandar as súas xatas á outra punta da península, a lugares como Valencia ou Zaragoza, fundamentalmente. Alí atópanse os dous centros privados máis importantes de España, con capacidade para uns 9.000 animais no Rancho Las Nieves de Zaragoza e para uns 3.000 en Cowvet en Valencia.

Rancho Las Nieves, fundado por Pepe Ahedo no ano 2003, é o maior centro de recría de España e un dos maiores de Europa. Ubicado na localidade zaragozana de Mallén, ocupa unhas 45 hectáreas e traballa con máis de 110 granxas leiteiras de toda España.

Existen outros centros de recría privados máis pequenos en Cataluña e en Asturias, como Xuanón, en Salas

Cowvet nace no ano 2016, cando os veterinarios valencianos Paco Sebastián e Xavi Valldecabres decidiron poñer en marcha nunha gandería alugada un primeiro servizo de recría para algunhas das granxas nas que traballaban facendo asesoramento veterinario e que tiñan problemas de espazo para xestionar directamente a recría nas explotacións. Ao externalizarla, esas ganderías puideron aumentar o número de vacas en produción, tal como lles demandaba a empresa Danone, con industria na zona.

Boxes de recría de Cowvet en Valencia

Boxes individuais para becerras de recría de Cowvet en Titaguas (Valencia)

Pero a importante demanda fixo que no 2018 se trasladasen a unhas novas instalacións na localidade de Titaguas. Trátase dunha zona de montaña e a elección do emprazamento buscaba suavizar as condicións de humidade e altas temperaturas que se dan no verán no Levante e que fan diminuír os índices reprodutivos. Desta forma, grazas á localización elixida, poden seguir empregando seme sexado no verán nas xovencas, dado que as taxas de preñez mantéñense. A situación nesta zona rural a medio camiño entre o Levante e a Meseta permite tamén unha subministración idónea de materias primas. A alimentación dos lotes de xatas tralo destete baséase por unha banda en cereais procedentes de Cuenca ou Albacete e subproductos da industria agroalimentaria valenciana, como pulpa de laranxa ou bagazo de cervexa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información