Situación actual e perspectivas do mercado da carne de vacún en Galicia: prezos e demanda

Ás portas do verán, a caída do consumo polo encarecemento da carne nos puntos de venda finais preocupa ao sector, que demanda unha estabilización dos prezos en orixe e transparencia na cadea de valor. A nivel nacional, a incerteza marca a tendencia, coas exportacións a países como Líbano, Alxeria ou Marrocos paradas ou ralentizadas

CERVANTES Ganderia Quintairo (Acruga) Ternera Gallega Suprema 2O mercado da carne de vacún está a sufrir os efectos da tensión bélica en Oriente Medio á raíz da guerra de EEUU e Israel contra Irán e o Líbano. Coas exportacións paradas no caso de Líbano e ralentizadas no caso de Alxeria ou Marrocos, os prezos están a resentirse desde fai dous meses, tras acadar os máximos históricos no último trimestre do 2025 e comezos deste ano 2026. 

A nivel estatal, logo dunha forte escalada de prezos na segunda metade do 2025, os mercados de referencia (Salamanca, Binéfar e Lleida) comezaron a corrixir en marzo, situándose neste momento un macho de categoría U dun ano a 7,50€ en Lleida, 7,61 en Binéfar e 7,64 en Salamanca.

En Galicia, as oscilacións prodúcense sempre a rebufo e chegaron un mes máis tarde. A Mesa de Prezos da IXP decidiu na sesión do 1 de abril baixar os prezos de todas as categorías 3 céntimos logo de varias semanas de subas. Un macho de até 220 kg cunha clasificación U marcado como Ternera Gallega Suprema, de menos de 10 meses, pasou así de pagarse a 8,12 euros kg/canal a principios de abril a cotizar na última sesión do mercado de Amio, o mércores pasado, a 8,03€.

Segue habendo demanda pola falta de animais

Pero, que cabe esperar para as vindeiras semanas? Van seguir baixando os prezos? Os representantes do sector en Galicia non se aventuran a avanzar un prognóstico, debido á incerteza existente, pero agardan que os prezos se estabilicen.

Xogan a favor factores como a falta de animais en países de Centroeuropa, que podería verse compensada cos continxentes de carne procedentes de Mercosur, trala entrada provisional do acordo o pasado 1 de maio e o comezo das importacións, que se prevén escalonadas.

A suba de prezos en orixe, trasladada polas cadeas de supermercados ao prezo final da carne, fixo que o consumo se retraera

Galicia vive na súa particular burbulla da IXP Ternera Gallega, pero non é allea a estas oscilacións. A saída de animais cebados cara Asturias e de pasteiros para cebadeiros de Castela e León reduciu a oferta de animais. Os matadoiros da comunidade optaron entón por subministrar o mercado doméstico galego, desatendendo o estatal, unha circunstancia que tamén preocupa tanto a produtores como ao propio Consello Regulador.

“Os prezos disparados vólvense en contra do produtor”

O seu presidente, Jesús González, define a situación actual como “de inseguridade” e co mercado “á expectativa”. Á hora de facer prognósticos, con todas as reservase e cautelas do mundo, di que “os prezos o normal é que se estabilicen, cunha lixeira tendencia á moderación”, xa que asegura que “aínda hai marxe para unha lixeira moderación de prezos tendo en conta os custos de produción actuais das explotacións”, di.

Subiu o gasóleo e os fertilizantes pola guerra en Oriente Medio, pero o penso segue movéndose no entorno dos 300 euros a tonelada

“Os custos de produción son similares aos de fai 5 ou 6 anos, e os prezos de venda son o dobre. Hai que ter un mínimo de dimensión para vivir da actividade, senón terá que ser un complemento, pero unha explotación media hoxe en Galicia de 50 vacas e 50 hectáreas que poida vender 30 xatos ao anos hoxe é moi rendible e viable. Cando a carne estaba a 4,80€ a PAC era a que sostiña as explotacións, pero hoxe a PAC é ganancia neta”, afirma.

É necesaria unha estabilización de prezos

“Os prezos non poden ter unha tendencia crecente indefinida, porque os prezos disparados a longo prazo vólvense en contra do produtor. Hai que buscar o equilibrio entre o produtor e o consumidor e algún día ten que parar a escalada alcista porque senón tamén se expulsa ao consumidor”, argumenta.  

Ten que haber un punto de equilibrio entre o produtor e o consumidor

“Malia a lixeira corrección das últimas semanas, estamos en valores altos, impensables fai 2 anos. A Consellería falaba de 6,20 euros o quilo no seu estudo do Sector da Carne. Pois superouse esa cifra e chegouse a 7 e mesmo a 8 euros. Nas mesas de prezos no último mes e medio o descenso foi duns 10 céntimos en total, foron baixadas semanas pequenas de 2 ou 3 céntimos, non queremos movementos bruscos”, di.

Caída do consumo

Ao igual que reflectía o último barómetro publicado por Provacuno, relativo ao mes de abril, Jesús González di que “hai un descenso do consumo en xeral, non é que en Ternera Gallega o notemos máis”.

“No punto de venda a carne subiu bastante, en proporción subiu máis do que lle subiu aos gandeiros, porque de 6 a 8 euros é un 33% de suba, pero no punto de venda os prezos cambiaron substancialmente e hai pezas que están mesmo por enriba de 20 e 30 euros, aínda que na carne de vacún hai diferenzas moi grandes entre o cuarto dianteiro e o traseiro ou do lombo”, asegura.

No punto de venda a carne subiu en proporción máis do que lle subiu aos gandeiros

“Eu espero que o descenso no consumo non sexa moito. O Ministerio está falando de estatísticas de caída do 5% e a distribución fala de máis do 8%. Non quero que a carne de vacún sexa substituída por outras carnes, por exemplo por carne de porco ou de polo, porque despois recuperar iso é difícil”, conclúe o presidente da IXP de vacún galega.

Saída de pasteiros para cebadeiros de Castela

E canto á oferta, recoñece que “baixou un pouco a certificación en Ternera Gallega porque marcha gando para fóra”. Dunha banda, di, están a saír becerros pasteiros para se acabar de cebar fóra de Galicia, principalmente en cebadeiros de Castela e León. “Hai gandeiros que venden con 5-6 meses porque aforran traballo e ao destetar antes a vaca tamén queda preñada antes”, asegura.

Están a marchar becerros para se acabar de cebar en Castela e León e para sacrificarse en Asturias

Noutros casos, di, aínda que os xatos se acaban de cebar en Galicia, despois marchan a sacrificarse fóra, perdendo o selo. “Sempre saíu gando para Asturias pero alí neste momento hai escaseza e está saíndo algo máis”, conta.

“Nós non obrigamos a ningún gandeiro a que para estar na IXP teña que vender a unha industria que estea dentro da IXP. Non lle poñemos ningunha traba nin condicións á hora de vender os seus animais. O gandeiro é o dono do tenreiro e ten que venderllo a quen mellor llo pague. Forma parte do propio mercado. Sempre que sexa algo que beneficie ao gandeiro, benvido sexa. Nese aspecto temos un comportamento moi aberto e considerado cos gandeiros”, defende o presidente de Ternera Gallega.

O gandeiro é o dono do tenreiro e ten que venderllo a quen mellor llo pague

Á redución nos animais marcados pola IXP e á marcha de gando vivo para fóra sumouse tamén a decisión dos operadores de centrarse no mercado galego, cedendo cota de mercado a nivel estatal en destinos habituais para Ternera Gallega como Madrid ou o Levante. “Habendo demanda aquí, sae menos carne para fóra. Os matadoiros atenderon os clientes galegos e desatenderon o mercado estatal”, recoñece Jesús.

Mercosur, un factor máis de risco

“O mercado é inestable neste momento e está nun momento de indecisión por varios factores: caída das exportacións, descenso no consumo, entrada de carne de Mercosur e enfermidades como a dermatose nodular contaxiosa”, afirma o presidente de Ternera Gallega.

O mercado está nunha situación de dúbida ou inseguridade

“Hai que esperar a que se aclare todo isto. Por iso é moi difícil facer previsións”, recoñece. “O consumo afecta ao prezo pero é máis complicado de determinar a afectación da saída de carne a terceiros países, porque provoca movementos máis repentinos e de maior calado. Esa influencia é difícil de analizar. O Ministerio, que ten os datos de toda España, non se atreve a facer previsións de prezos. Estamos nunha situación insegura a expensas de se volve tirar o mercado do norte de África. Líbano, Alxeria, Marrocos e Libia non levan carne de Ternera Gallega, pero si doutras zonas de España e deixan un oco aí para Ternera Gallega”, di.

A exportación para o Líbano está limitada pola guerra e Marrocos está comprando algo tamén a Brasil

Outro “factor de risco”, asegura, é o posible relanzamento das importacións de carne na UE trala entrada en vigor provisional o pasado 1 de maio do acordo comercial de libre comercio con países como Arxentina ou Brasil. “Penso que a entrada en vigor do acordo con Mercosur vai ter unha indicendia pequena porque a cantidade de carne de vacún fixada no continxente sen aranceis é pequena e para toda a UE. Non vai ser significativa pero algo pode afectar. É certo que a que vén é carne de maior idade que non compite directamente coa nosa, vai máis para países do centro e norte de Europa, que é onde se consume principalmente esa carne máis feita”, aclara Jesús.

Mercosur algo vai afectar, pero penso que moi pouco e na nosa carne menos

Outro factor de incerteza de cara aos vindeiros meses é a evolución da dermatose nodular contaxiosa. Aínda que a enfermidade non chegase a Galicia nin se declarasen novos focos en España, “pode limitar os mercados de gando dentro da UE, por exemplo os movementos de becerros que viñan de Centroeuropa para cebadeiros españois”, explica.

José Ramón González, responsable de producións extensivas en Unións Agrarias

“Debido á escaseza de becerros deixouse desatendido o mercado de fóra de Galicia por parte de Ternera Gallega e iso vai ser difícil de recuperar”

Máis aló da baixada acumulada de 9 céntimos na Mesa de Prezos semanal de Ternera Gallega, na realidade a caída de prezos ás explotacións foi maior: “Ternera Gallega perdeu uns 30 céntimos e en Suprema estabamos en 8,30 e estamos agora arredor de 8”, detalla José Ramón González, responsable de producións extensivas do sindicato Unións Agrarias.

“Houbo un reaxuste pola parada do barco que sacaba animais vivos para Alxeria. É un reaxuste normal pola caída das exportacións debido ás tensións no Golfo Pérsico, pero non hai nada que atribuírlle a Mercosur”, argumenta.

“Van seguir baixando os prezos? Eu creo que non. Non hai nada que indique ese camiño. “O que necesitamos é estabilidade e transparencia na cadea de valor. Por iso pedimos que non se use isto para dar a sensación de que sobran animais, porque non é certo. Sobre todo a nivel nacional e europeo a demanda segue sendo maior que a oferta neste momento”, asegura.

O que necesitamos é estabilidade no prezo e transparencia na cadea de valor

“Imos para unha época, o verán, na que vai subir a demanda e a produción non sube o suficiente, porque seguimos tendo caída de produción e de produtores. Segue habendo demanda e escaseza de animais. Non hai nada que indique que isto non é máis que un pequeno axuste, que pode ser normal no mercado”, reitera.

Perda do mercado estatal por parte de Ternera Gallega

Como vicepresidente do Consello Regulador, José Ramón mostra a súa preocupación pola cesión de cota de mercado estatal por parte de Ternera Gallega. “A escaseza de becerros provocou dúas cousas: dunha banda a equiparación dos prezos da IXP cos do mercado estatal; e, por outro lado, provocou tamén o desabastecemento dos mercados de fóra de Galicia por parte de Ternera Gallega, até o punto de que o que sae agora mesmo para fóra de Galicia é menos do 20% da carne, cando historicamente o mercado de Ternera Gallega estaba o 60% dentro de Galicia e o 40% fóra de Galicia. Debido a escaseza de animais, os operadores de Ternera Gallega preferiron centrarse nas principais cadeas de supermercados galegas, Gadis e Eroski, e deixouse desatendido o mercado de fóra e iso vai ser difícil de recuperar”, alerta.

Hai xente que prefire vender cun ano para fóra de Galicia porque ao facer máis quilos gaña máis; os que seguimos marcando como Suprema estamos perdendo cartos

A suba de prezos a nivel estatal até igualar e mesmo superar nalgún momento o diferencial positivo que historicamente mantiña Ternera Gallega multiplicou a saída de animais para fóra de Galicia sen o selo da IXP. “Hai xente que prefire pasar dos 10 meses porque gaña máis cartos vendendo o xato cun ano e 330 kg a 7,70 euros o quilo que con 10 meses e 250 kg a 8 euros. Os que seguimos marcado como Suprema estamos perdendo cartos”, recoñece José Ramón.

Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema

“Ternera Gallega Suprema segue tendo un prezo competitivo e esperamos que neste mes próximo volva pegar outro repunte”

Desde a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, o seu presidente, Santiago Rego, agarda que os prezos volvan recuperarse a curto prazo, en canto a hostalaría note o tirón do turismo estival. “Hai falta de animais e vai pasar o mesmo que o ano pasado, cando empecen as vacacións e aumente o consumo vai haber máis demanda que oferta. Agora é o contrario, por iso hai menos alegría”, recoñece.

“Os prezos baixaron, sobre todo nos animais añojos, de 400 kg canal. Ese mercado caeu en picado e está caendo todas as semanas. O mercado nacional non quere esas canais, eran animais que ían para fóra”, explica. “Ternera Gallega Suprema segue tendo un prezo competitivo e esperemos que neste mes próximo volva pegar outro repunte”, di.

Venda directa a través da Asociación

Gandeiros Galegos da Suprema segue vendendo directamente os xatos dos seus asociados, unha estratexia iniciada fai ano e medio e que aseguran que está a dar bos resultados. “O que buscamos con esta estratexia de comercialización directa é darlle ao gandeiro o mellor prezo e a máxima transparencia posible. Quen pon o prezo é o mercado pero nós logramos sacarlle a venda dos ollos á xente e destapar unha realidade e rachar con ela, a dun mercado cautivo que tiñan os operadores aquí en Galicia, e iso fixo que tiveran que reaccionar e subir os prezos se querían ter carne”, asegura Santiago.

O que pon o prezo é o mercado, pero nós sacamos a venda dos ollos á xente e rachamos un mercado que era cautivo

“Cargamos en Becerreá e na Fonsagrada, nas instalacións do mercado gandeiro, e tamén en Abadín coincidindo coa feira, que é o primeiro e o terceiro sábado de cada mes. Depende da semana, pode ser unha media 4 camións á semana os que xestionamos”, detalla.

Os envíos de animais realízanse tanto a operadores de Galicia como de fóra da comunidade. Son tráilers con 40 xatos e os destinos finais son varios, desde as industrias galegas, matadoiros de distintos puntos de España e tamén o mercado internacional. “A semana pasada cargamos, por exemplo, un camión de animais que van para fóra. En concreto, o operador que os levou mándaos para Portugal, que tamén consume animais máis grandes”, explica.

Cando empecen as vacacións e aumente o consumo vai haber máis demanda que oferta

“Temos o compromiso de dar servizo a todos os asociados, tamén os que fan Añojos, pero o 90-95% do que facemos é Suprema e queda aquí. O 70% da carne que movemos queda aquí en Galicia”, aclara Santiago.

Prezos de 9,5 euros de Alimerka en Asturias

O presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema pon o exemplo de Asturias e considera que hai marxe de mellora para os prezos pagados pola carne vendida ao amparo da IXP. “Alimerka incentiva aos gandeiros asturianos dentro do seu Plan de Carne con contratos a 9,5 euros máis IVE, que non os temos aquí. Apostan así por valorizar a carne que se produce en Asturias baixo o selo de Ternera Asturiana. Os supermercados en Galicia deberían facer o mesmo”, di.

Aclara ademais que a meirande parte dos xatos que marchan de Galicia para Asturias “non van para Alimerka, senón para outro tipo de mercado, por exemplo para subministrar a carniceiros particulares”, indica.

Un dos traballos que temos que facer é convencer aos carniceiros particulares para que aposten por marcar a súa carne

“Alí pasa o mesmo que aquí e un dos traballos que temos que facer tamén en Galicia desde o Consello Regulador é que os carniceiros aposten por marcar os seus animais e facer chegar aos seus clientes carne co selo de Ternera Gallega”, defende.

Un produto diferenciado contra Mercosur

“Entre todos os eslabóns temos que facer unha marca forte na que todos teñamos as nosas marxes. O obxectivo debe ser facer forte o noso produto para poder diferencialo de carne que poida vir de fóra”, asegura.

“De Mercosur sempre entrou carne pero agora vaino facer sen ningún tipo de arancel. Ao final afecta a todo, porque son quilos de carne que entran no mercado a baixo custo. É unha competencia desleal porque entra cuns estándares inferiores aos que temos aquí. De feito, houbo algún país que xa vetou a entrada dalgunha partida de carne porque viña con antibióticos”, argumenta o presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información