Sistemas de protección dos viñedos fronte á xeada

As xeadas son un dos factores limitantes para o cultivo da vide en Galicia, tal e como se puxo de manifesto en abril do 2017. Xosé Carballido Presas, enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias e Máster en Viticultura e Enoloxía explicou nunha xornada da EVEGA as medidas para previr ou paliar os seus danos

Publicidade
Sistemas de protección dos viñedos fronte á xeada

Viñedo danado pola xeada.

As xeadas son un dos factores máis limitantes para o cultivo da vide en Galicia, tal e como se puxo de manifesto en abril do 2017, cando un masa de aire moi frío arrasou boa parte dos viñedos do interior de Galicia.

Para mellorar a formación dos viticultores fronte a esta adversidade climatolóxica, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), organizou unhas xornadas técnicas baixo o título “Obter o mellor rendemento e protexer o cultivo da vide das xeadas”. Un dos ponentes foi Xosé Carballido Presas, enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias, Hortofruticultura e Xardinería e Máster en Viticultura e Enoloxía, que explicou claves para previr ou paliar os danos das xeadas.

Mapa do risco de xeadas en Galicia:

MAPA_RISCO_XEADAS_GALICIA

“É dicir, como punto de partida o viñedo debe procurar implantarse en zonas con baixo risco de xeadas”, subliña Xosé Carballido, quen tamén aconsella “independentemente dos sistemas de prevención que implantemos, deberíamos avaliar tamén a posibilidade de contratación de seguros agrarios para este tipo de eventualidades, tanto xeada como a saraiba”.

Tipos de xeadas e como repercuten nos viñedos:

Entendemos por xeada aquelas temperaturas que por estar próximas ao punto de conxelación, poden producir danos ás plantas, normalmente cando son inferiores a 0 graos.

Podemos clasificar as xeadas en:

Febles: De 0ºC e -3ºC
Moderadas De -3ºC a -8ºC
Fortes: Menos de -8ºC

“Xa por baixo de 10ºC as plantas ralentizan as súas funcións vitais e consecuentemente o crecemento e multiplicación celular. Entre 6º C e 3ºC prodúcese normalmente unha parálise dos procesos vexetativos da planta, pero non hai danos desde un punto de vista agronómico. Sen embargo, por baixo de +3ºC de temperatura ambiente xa poden existir danos, pois a temperatura na superficie foliar pode ser menor”, advirte.

Segundo a época do ano, as xeadas poden clasificarse en xeadas de outono, de inverno e primavera. Xosé Carballido explica que “as dúas primeiras, e sobre todo as de inverno non ocasionan problemas no viñedo, por estar en repouso vexetativo. Incluso presentan un efecto mecánico positivo na mellora da estrutura do solo”.

Sen embargo, as xeadas de primavera ou “xeadas tardías” son as máis preocupantes para o viñedo, fundamentalmente cando se producen coa primavera xa ben entrada, pois atopan o cultivo en plena fase de desenvolvemento vexetativo, en brotación ou mesmo en floración, tal e como sucedeu na madrugada do 26 ao 27 de abril de 2017.

Do Marquete ao Miguelete: Os 4 portelos que ten que pasar o viñedo no Ribeiro para salvarse das xeadas

Nalgunhas zonas, como no caso do Ribeiro, os últimos días de abril e primeiros de maio que ten que pasar o viñedo para salvarse das xeadas tardías son coñecidos tradicionalmente como os “portelos”.

Marquete : 25 DE ABRIL (SAN MARCOS)
Pedrete : 29 DE ABRIL (SAN PEDRO MÁRTIR)
Crucete : 3 DE MAIO (SANTA CRUZ)
Miguelete : 8 DE MAIO (SAN MIGUEL)

As xeadas negras e as xeadas brancas

Polo xeito de producirse, son preocupantes para o viñedo as xeadas de adveción e xeadas de radiación. As xeadas de adveción prodúcense pola chegada de correntes de aire frío próximas ao punto de conxelación. Neste caso, non se produce inversión térmica, senón que a temperatura ambiente enfría pola chegada destas correntes.

“Este tipo de xeadas poden producirse en calquera momento, tanto de día como de noite, resultando pouco eficaces medidas preventivas. Certamente, son episodios esporádicos de aparición pouco frecuente e que afectan a zonas moi localizadas”, en opinión de Carballido. Incluso pode afectar a unha viña quedando intacta á do lado. Son xeadas “negras” en que non aparece a característica “escarcha”.

As que si son preocupantes, por recorrentes, son as xeadas de radiación, que poden ser un factor limitante para o cultivo do viñedo. En ausencia de nubes que limiten a radiación cara as capas altas, o calor escapa a niveles superiores, e prodúcese un arrefriamento das capas de aire máis próximas ao terreo, producíndose unha estratificación das temperaturas en distintas capas.

Polo tanto, o maior risco de xeadas de radiación son as noites despexadas, en calma (con ausencia de vento) e escasa humidade ambiente. Prodúcese frecuentemente un desprazamento das capas máis frías que sedimentan nos horizontes inferiores, de xeito que o horizonte inmediatamente superior presenta maior temperatura que o inferior (o coñecido proceso de inversión térmica). As plantas aparecen cubertas da típica “xeada”, por iso que se denominan “xeadas brancas”.

Danos que provocan as xeadas no viñedo

No caso das xeadas primaverais os danos que provocan as xeadas son a conxelación das partes hidratadas dos tecidos (áreas citoplasmáticas) -gromos-, o que produce un aumento de volume que pode chegar a romper a membrana das células vexetais dos gromos, coa conseguinte morte ou necrose.

Ademais, no caso de desconxelación rápida (noites despexadas con amenceres solleiros) o xeo intracelular formado pode dar lugar a aristas cortantes que producen desgarro da membrana citoplasmática e celulósica e, consecuentemente, maior risco de necrose.

“A parte dos danos producidos pola propia destrución mecánica dos tecidos, as roturas epiteliais son foco de contaminación de patóxenos e favorece a aparición de enfermidades ou pragas”, advirte Xosé Carballido.

Métodos de prevención pasiva:

-A utilización de solos con cuberta vexetal durante a primavera aumenta o risco de xeadas, xa que aumenta a radiación nocturna. A propia cuberta vexetal diminúe a absorción da radiación solar diúrna, e polo tanto, a acumulación de calor tamén e menor.

Os terreos labrados aumentan a superficie de radiación térmica e incrementan o risco de xeadas. “Convén polo tanto un terreo limpo de vexetación pero sen roturar”, subliña.

-Os acolchados con material inerte (corteza, palla, herba seca ou semellante) tamén poden contribuír a evitar á disipación do calor acumulado.

-Tamén os terreos húmidos teñen menor radiación calorífica nocturna.

-Pode ser interesante atrasar o reinicio do período vexetativo e da floración, con podas tardías, que eviten a vexetación temperá en zonas de alto risco.

-O emprego de castes menos precoces pode tamén contribuír ao atraso na brotación nos períodos de alto risco.

-Orograficamente, as zonas cóncavas e de val son as máis proclives á sedimentación das capas frías. Pola contra, as zonas convexas permiten a dispersión destes horizontes de menos temperatura.

As ladeiras son lugares normalmente libres de xeadas de radiación, porque facilitan o deslizamento das masas de aire frío cara os vales e fondales.

En zonas de ladeira, a existencia de obstáculos (edificacións, sebes ou cortaventos de alta densidade, aumenta o risco de xeada no lado de arriba da pendente. As ladeiras e vales de orientación sur reciben máis insolación e consecuentemente máis acumulación de enerxía, polo que teñen máis capacidade de radiación sen alcanzar temperaturas de xeada.

“En definitiva, non cabe dúbida que o mellor método preventivo é a elección do lugar de plantación, evitando as plantacións en zonas con alto risco de xeadas”, subliña Xosé Carballido.

Métodos de prevención activa: 

Calefactación contra a xeada en Francia

Calefactación contra a xeada en Francia

Existen distintos métodos de protección activa de eficacia dispar, “nalgún caso cuestionable, pois debemos ter presente que o viñedo é un cultivo que ocupa grandes espazos abertos, polo que determinadas técnicas teñen elevados custo e complexa implantación e hai que ter presente o balance entre riscos asumibles e resultado económico final”.

1) Calefactación

Consiste en elevar lixeiramente a temperatura ata superar o punto critico de conxelación mediante a queima de combustibles fósiles, podendo empregar gasóleo, propano ou incluso estufas de leña ou queimadores de biomasa.

“En todo caso, -matiza- a correcta ubicación dos elementos calefactores é fundamental, e en grandes espazos abertos resulta unha técnica de elevado custo, complexa implantación e medioambientalmente cuestionable”.

2) Néboa artificial

Existen equipos capaces de crear neboeiros artificiais, co que se consigue un lixeiro aumento de temperatura (de entre 1ºc e 2ºc) que poden ser suficientes no caso de xeadas non moi intensas.

Tamén se empregan elementos produtores de fume para que as partículas en suspensión ralenticen a radiación a capas superiores

3) Rega por aspersión

A achega de auga en forma de aspersión ou microaspersión no momento de baixadas importantes de temperatura minimiza o risco de xeada, pola absorción do frío por parte das partículas de auga e conseguinte liberación do calor latente de conxelación.

En todo caso, Xosé Carballido lembra que “segue a ser preciso a dispoñibilidade de auga en cantidade e oportunidade, así como equipos de almacenamento e rega, e necesidade de enerxía para bombeos e dispersión”.

“Tamén é cuestionable a creación de ambientes excesivamente húmidos en viñedos, singularmente sensibles a enfermidades criptogámicas”, engade.

4) Correntes forzadas de aire

Torres de ventilación contra as xeadas.

Torres de ventilación contra as xeadas.

Trátase de provocar a mistura dos horizontes inferior e superior nas situacións de inversión térmica, mediante a creación de correntes de aire, homoxeneizando as temperaturas.

Utilízanse torres ventiladoras para impulsión ou succión que provocan estes correntes de aire que poden conseguir unha mestura suficiente para evitar a temperatura de conxelación. “Poden resultar eficaces en zonas chairas, cunha correcta distribución”, recoñece Xosé Carballido.

Ademais do custo da propia infraestrutura é necesario a dispoñibilidade de enerxía ou equipamento de xeración autónoma.

5) Illamento térmico

Trátase de evitar a radiación cara o exterior da radiación infravermella de onda longa mediante a utilización de materiais illantes (polietilenos, mantas térmicas …) Sen embargo, recoñece que “este procedemento, de uso frecuente en horticultura, resulta impensable para explotacións vitícolas ou frutícolas”.

6) Rega por inundación

Os solos con alto grao de humidade manteñen un menor arrefriamento da atmosfera circundante por radiación. Sen embargo, tendo presente que o viñedo é un cultivo de secaño, este tipo de prácticas agronómicas son practicamente inviables, pois necesitan volumes de auga non dispoñibles normalmente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información