Sintonía entre a Xunta e a Sociedade Galega de Pastos para fomentar o pastoreo

Sintonía entre a Xunta e a Sociedade Galega de Pastos para fomentar o pastoreo

A Consellería do Medio Rural colaborará coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) na mellora da xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación, impulsando o pastoreo nas franxas de protección das aldeas. Así o acordaron esta semana o propio conselleiro, José González, e os responsables deste colectivo, Joan Alibés e Eloi Villada, tras unha reunión de traballo en San Caetano, na que tamén participaron os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Na xuntanza abordouse a importancia de fomentar actividade agrogandeira nesas faixas de xestión da biomasa arredor das aldeas, como estratexia para a prevención e defensa fronte os incendios forestais e valorouse a achega que pode facer a SGPF nesta materia, no contexto das propostas de traballo da consellería en relación coas recomendacións da comisión de política forestal do Parlamento. Outros asuntos abordados neste encontro tiveron que ver coa incorporación de persoas mozas ao agro ou coa planificación da nova PAC.

Cambios que pide a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

Dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, o seu presidente, Joan Alibés recoñece que “hai sintonía co fondo das medidas que pretenden implantar o conselleiro de Medio Rural, pero estando ao final da lexislatura somos moi cautos coa capacidade de levalas a cabo”.

Por outra banda, reclamaron á Consellería medidas de aplicación inmediata e que terían impacto directo, como o incremento do módulo de implantación de pradeiras nos plans de mellora, así como a redución dos importes dos arrendamentos do Banco de Terras cando se recupera terreos abandonados.

A SGPF tamén presentou o traballo realizado no concello da Veiga de ampliación e mellora das praderías, “que pensamos que se pode ás comarcas máis castigadas polos lumes”.

A Sociedade de Pastos e Forraxes é unha asociación sen ánimo de lucro que integra máis de 80 gandeiros, técnicos e investigadores centrados no aproveitamento, mellora e divulgación de todas aquelas ferramentas que permitan a mellora dos sectores gandeiros implicados na xestión do territorio pola súa necesidade de produción forraxeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información