Síntomas de alerta para detectar casos de dermatose nodular contaxiosa nunha explotación

Trátase dunha enfermidade vírica altamente transmisible e que supón o sacrificio de toda a cabana, derivando nun baleiro sanitario da granxa. Detallamos algúns aspectos a vixiar para identificar animais infectados

Dermatosis nodular contagiosa nodulos por el cuerpo (fotografia de Tsviatko Alexandrov)

A dermatose nodular contaxiosa é unha patoloxía vírica que afecta unicamente ao gando bovino (Bos taurus e Bos indicus) e ao búfalo de auga (Bubalus bubalis). O virus causante pertence á familia Poxviridae, subfamilia Chordopoxvirinae e xénero Capripoxvirus, e está estreitamente relacionado antigénicamente co virus da variola ovina e co virus da variola caprina.

A enfermidade infecciosa maniféstase con febre, nódulos na pel, mucosas e órganos internos, inflamación dos ganglios linfáticos e edema cutáneo. Nos casos graves pode provocar a morte (a taxa de mortalidade sitúase entre o 1% e o 5%).

Transmítese tanto polo contacto directo entre animais como por insectos como moscas, mosquitos, carrachas e tábanos. Porén, en ningún caso afecta á saúde humana, nin polo contacto cos animais nin polo consumo de carne, leite ou derivados.

A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica que supón importantes perdas na produción e pode afectar á fertilidade, pero que non se contaxia ás persoas

O seu impacto económico é significativo, especialmente nas explotacións de vacún de leite, tanto pola forte caída na produción e os problemas reprodutivos (abortos e infertilidade), como polo sacrificio obrigatorio dentro da UE de todos os animais nas granxas con algún caso confirmado.

A detección temperá de novos casos é vital para frear o avance da enfermidade. Por iso, débese incrementar a vixilancia dos animais e comunicar calquera sospeita de dermatose nodular contaxiosa na explotación.

Expansión da enfermidade

Inicialmente limitada á África subsahariana, desde o ano 2000 a dermatose nodular contaxiosa (DNC) expandiu a súa presenza cara ao norte de África, Oriente Medio, Sueste Asiático, os Balcáns e Europa. Ata a data, a enfermidade non se rexistrou en América nin en Australia ou Nova Zelandia.

Favorecida polo movemento de animais e pola transmisión a través de vectores como moscas, mosquitos, carrachas ou tábanos, a enfermidade notificouse por primeira vez en 2019 no noroeste de China, Bangladesh e India, desde onde continuou propagándose por Asia continental, Rusia, o Cáucaso e os Balcáns. Na actualidade, é endémica na maior parte de África, Oriente Medio e Turquía.

Historicamente, a infección por dermatose nodular contaxiosa concentrábase no sur e leste de África

A evidencia da recente epidemia en Europa e Asia occidental demostrou que, dada a natureza transfronteiriza da enfermidade, a colaboración entre países é esencial para o seu control e prevención, destaca a Organización Mundial da Sanidade Animal (OMSA), que recomenda a vacinación urxente combinada con medidas de bioseguridade para conter e evitar a propagación dos novos brotes detectados.

Ademais de transmitirse por medio de vectores (mosquitos, tábanos, etc.), a diferenza da EHE, a dermatose nodular contáxiase tamén polo contacto directo ou indirecto entre animais infectados (comida, camas, bebedeiros, cepillos e outras instalacións, útiles e ferramentas da granxa, etc.), o que dificulta o seu control e erradicación.

A diferenza da EHE, a dermatose nodular contáxiase polo contacto directo entre animais infectados

Tras a aparición dos primeiros casos en Sardeña, logo no Piemonte (Italia) e a posterior aparición de casos en Francia (rexións de Savoia e Alta Savoia), a enfermidade entrou en España por Cataluña.

As autoridades veterinarias da Generalitat comunicaron o pasado 3 de outubro o primeiro foco de dermatose nodular contaxiosa nunha granxa de recría de bovino, localizada no municipio de Castelló d’Empúries, comarca do Alt Empordà, na provincia de Xirona. Desde entón, son xa 17 os focos confirmados e a enfermidade saltou á veciña comarca do Gironès.

Síntomas a vixiar nos animais

Dermatosis nodular contagiosa nodulos en la ubre (fotografia de Tsviatko Alexandrov)

Esta enfermidade infecciosa caracterízase pola aparición de nódulos na pel. Adoitan desenvolverse na cabeza, no pescozo, na ubre, no escroto, na vulva e no períneo, dentro das 48 horas posteriores ao inicio da febre, e entre 7 e 19 días despois da infección co virus.

Estes nódulos están xeralmente ben delimitados, son firmes, de superficie plana e afectan a derme e a epiderme. Poden estenderse ata a capa subcutánea da pel e, ocasionalmente, ao músculo adxacente. O seu tamaño varía entre 0,5 cm e 5 cm de diámetro, e adoitan conter un tecido de cor branca a gris cremosa, que pode exudar soro.

Os nódulos, de entre 0,5 e 5 cm, son firmes e xeralmente ben delimitados

Co tempo, os nódulos poden desaparecer ou evolucionar a tecidos necróticos duros en forma de cono chamados sit-fasts, que se desprenden da pel circundante. Estes sit-fasts caen deixando úlceras que eventualmente cicatrizan. Os ganglios linfáticos superficiais inflámanse e pode aparecer hinchazón na ubre, no peito e nas patas.

Nas vacas en lactación obsérvase unha marcada diminución na produción de leite. A taxa de morbilidade da dermatose nodular contaxiosa varía entre o 10% e o 20%, mentres que as taxas de mortalidade adoitan ser baixas (1%-5%).

As principais observacións clínicas e patolóxicas en animais susceptibles de contraer a enfermidade serían:

  • Febre (40-41,5 ºC) transitoria ou de ata dúas semanas de duración.
  • Tumefaccións ou nódulos na pel, de 1 a 5 cm de diámetro ou máis, que con moita frecuencia se xeneralizan.
  • Abatimento, anorexia, salivación excesiva, secreción oculonasal, agalaxia e emaciación.
  • Nódulos dolorosos, en particular na pel do fociño, nas fosas nasais, no dorso, nas patas, no escroto, no períneo, nas pálpebras, na base das orellas, na mucosa oral e no rabo. Os nódulos afectan a toda a pel, o tecido subcutáneo e, ás veces, a musculatura.
  • Durante a enfermidade, os nódulos poden volverse necróticos e, nalgúns casos, fórmanse costras de gran grosor.
  • Coxeira provocada pola inflamación e necrose dos tendóns e polo edema agudo no peito e nas patas.
  • Os ganglios linfáticos superficiais que drenan as zonas infectadas poden multiplicar o seu tamaño normal entre catro e dez veces.
  • Poden producirse complicacións secundarias, como infección bacteriana dos tetos (mastite grave e perda do cuarto), infección bacteriana de tendóns e articulacións (que pode provocar coxeadura permanente), aborto e infección intrauterina, así como esterilidade transitoria en touros e vacas.

Vías de transmisión

A dermatose nodular contaxiosa (Lumpy Skin Disease, LSD, polas súas siglas en inglés) é unha enfermidade causada por un virus cun período de incubación que vai de 4 a 14 días.

A súa principal vía de transmisión é a través de insectos hematófagos, como certas especies de moscas, mosquitos, carrachas ou tábanos, que actúan como vectores. Porén, tamén é posible a transmisión directa por contacto entre animais enfermos (a través de lesións, saliva ou secrecións), así como por vía indirecta, mediante o contacto con materiais contaminados, leite materna ou pola transmisión seminal e intrauterina.

O período de incubación dura de 4 a 14 días e o virus permanece activo máis dun mes nas lesións cutáneas

O virus da dermatose nodular contaxiosa é bastante estable e pode permanecer nas lesións cutáneas ata 35 días. Pode excretarse a través de secrecións nasais e lacrimais, leite e seme, sobrevivindo ata 11 días na leite e ata 22 días no seme.

Aínda que esta vía de transmisión secundaria é moito menos eficiente, a aparición recente de cepas recombinantes suxire que a inxestión de alimentos ou auga contaminada con saliva infectada podería estar implicada.

Medidas de desinfección e bioseguridade

RECRIA CASTRO desinfeccion boxes recria

A DNC está establecida como enfermidade de categoría A pola lexislación europea (Regulamento (UE) 2018/1882), polo que resulta obrigatorio adoptar as medidas necesarias para acadar a súa erradicación. As actuacións a realizar establécense no Regulamento (UE) 687/2020 e, entre outras, comportan o sacrificio de todos os bovinos das explotacións confirmadas.

Deben reducirse ao estritamente imprescindible as visitas de persoal externo ás explotacións

Nas granxas situadas dentro dos perímetros de seguridade e vixilancia establecidos arredor dos focos de DNC, limítase o acceso ás explotacións de persoal externo, de modo que a Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio autorizou o pasado 14 de outubro o autocontrol como metodoloxía válida para o Control Leiteiro, evitando deste xeito a presenza de controladores nas explotacións no momento do muxido para a recollida de mostras de leite e datos de produción.

O transporte de gando xoga un papel importante na difusión da enfermidade a longas distancias

O transporte de gando xoga un papel fundamental na difusión da enfermidade a longas distancias. Por iso, é esencial extremar as medidas de bioseguridade e desinfección no transporte de animais, con especial atención ás medidas de desinsectación. Trataranse tanto os animais como as instalacións e vehículos con produtos autorizados  e rexistrados para este uso, anotando a súa aplicación nos rexistros correspondentes.

Baleirado sanitario e zonas de restrición

A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade de categoría A, polo que é obrigatorio adoptar medidas para a súa erradicación, que inclúen a inmobilización e o sacrificio de todos os animais da explotación afectada.

Aplícase o baleirado sanitario nas explotacións infectadas. Os animais deben ser eliminados de forma adecuada a fin de evitar a dispersión do virus e tamén todos os produtos que puidesen estar en contacto con eles. Aqueles elementos que non poidan ser eliminados (por exemplo, ferramentas e maquinaria) deben someterse a unha profunda limpeza e desinfección para evitar o risco de diseminación do virus.

Establécese unha zona de protección de 20 km e outra de vixilancia ata os 50 km

Créase unha zona de restrición cando se confirma un caso positivo de DNC nunha explotación. Nesta zona lévase a cabo unha investigación para descartar a presenza da enfermidade noutros rabaños e aplícanse unha serie de prohibicións e restricións para minimizar o risco de propagación.

Dentro desta zona, durante os primeiros 28 días establécense dúas subzonas diferenciadas: a zona de protección (de 0 a 20 km arredor do foco) e a zona de vixilancia (de 20 a 50 km arredor do foco). Nunha segunda fase, que se activa a partir do día 29, se non se confirman novos casos, a zona de vixilancia amplíase de 0 a 50 km arredor do foco. A zona de restrición conclúe o día 45.

Vacinación

vacina dermatose catalunya

A evolución da enfermidade, que chegou a unha vintena de países por primeira vez desde 2020, alertou á Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA), que no seu último informe sobre o estado da sanidade animal no mundo dedica un capítulo á dermatose nodular contaxiosa, recomendando a vacinación rápida de emerxencia e controis estritos de movemento do gando para conter a enfermidade antes de que se volva endémica.

As vacinas dispoñibles son producidas en Sudáfrica e no Reino Unido

Segundo a normativa vixente na UE, a vacinación só pode implementarse de forma excepcional e previa autorización da Comisión Europea do plan de vacinación correspondente. A vacina dispoñible, fabricada en Sudáfrica, é unha solución testada e contrastada, pero só está permitida nas zonas delimitadas arredor dos focos detectados.

Fóra desa área estaría prohibida a vacinación, xa que se trata dunha vacina viva atenuada e os anticorpos xerados polos animais vacinados confundiríanse cos propios da enfermidade, o que impediría identificar novos focos.

Vacinar toda a cabana gandeira impediría identificar novos focos, xa que non se distinguiría cales son os animais portadores dos vacinados cando entra a enfermidade

Por tanto, para o deseño e implementación do plan de vacinación de urxencia, séguese o seguinte protocolo:

  • Só o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pode adquirir e subministrar as vacinas ás autoridades competentes das comunidades autónomas para levar a cabo campañas de vacinación nas zonas autorizadas.
  • Nos territorios non afectados, a vacinación está prohibida.
  • Está prohibido aplicar vacinas non autorizadas ou realizar campañas de vacinación non oficiais.
  • O uso, posesión ou aplicación de vacinas non autorizadas constitúe unha infracción moi grave que pode carrexar importantes sancións e incluso responsabilidade penal.

Un problema veterinario, non de saúde pública

A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica que afecta ao gando vacún, provocando lesións cutáneas, febre e perda de peso nos animais, e pode reducir a súa produción de leite e carne, pero sen risco zoonótico, é dicir, sen posibilidade de transmisión dos animais ás persoas e sen afectar á carne nin ao leite e derivados, que se poden consumir sen problema.

Non hai evidencia da presenza do virus na carne de animais infectados e a Organización Mundial da Sanidade Animal (OMSA) subliña que a dermatose nodular contaxiosa “non representa unha ameaza para a saúde humana”.

A enfermidade non se contaxia ás persoas e o consumo de carne, leite e derivados é totalmente seguro

A enfermidade causa perdas económicas importantes nas granxas afectadas (por exemplo, unha elevada caída na produción, particularmente nas vacas de leite) e en toda a UE é motivo de sacrificio da totalidade da cabana gandeira bovina da explotación.

A estas perdas directas hai que sumar a perda de confianza dos consumidores e a caída da demanda, aínda que non existe evidencia da presenza do virus na carne de animais infectados.

A inestabilidade comeza xa a deixarse notar en toda a cadea do sector, empezando polos problemas de subministración de animais de recría nos cebadoiros e o medo xerado nos mercados de exportación, tanto de gando vivo como de carne, o que está a lastrar os prezos dos xatos cebados. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información