O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo hoxe un encontro con representantes de diversas entidades agrarias para tratar cuestións de actualidade no sector. Así, aproveitaron para instar ao Goberno central a simplificar o proceso de solicitude e tramitación das axudas da nova Política Agraria Común (PAC), para garantir o acceso ás achegas por parte dos gandeiros e agricultores galegos, así como o futuro das explotacións.
Nesa liña, o conselleiro lembrou que as aplicacións que deben empregar os solicitantes para a tramitación telemática das achegas “se desenvolveron conforme a unha normativa tan recente como complexa”. En concreto, José González advertiu de que “as aplicacións informáticas non están a funcionar como deberan, o que dificulta a entrada de datos”.
Así, José González urxiu á Administración central a simplificar a burocracia e a que novos requisitos como o caderno dixital se implanten de xeito máis progresivo, para evitar o prexuízo aos produtores. A mesma flexibilidade reclamou ao respecto dos novos requisitos medioambientais, os coñecidos como ecorreximes, “ante a dificultade para a súa implantación”.
Agromuralla: “É unha vergoña que as Administracións non fagan nada ante o incumprimento flagrante das industrias”
A asociación de gandeiros Agromuralla expuxo na reunión coa Consellería os problemas que está a haber neste momento para a renovación dos contratos de compra do leite ás explotacións. “Os contratos acaban o venres e moitas granxas non sabemos aínda a día de hoxe quen nos vai levar o leite o sábado nin a que prezo”, quéixanse.
Agromuralla denuncia ademais que “está a haber ameazas por parte das industrias aos gandeiros que non asinaron o novo contrato de que non lles van recoller o leite o día 1 de abril” e pide a actuación de oficio da Xunta e o Ministerio a través da AICA.
Agromuralla denuncia ameazas por parte das empresas aos gandeiros que non asinen o novo contrato dicíndolles que non lles van recoller o leite a partir do sábado
“É unha vergoña que non se faga nada por parte das Administracións ante o incumprimento flagrante da lei por parte das industrias. Hai moito Paquete Lácteo e moita normativa, pero os gandeiros seguimos desprotexidos coma sempre”, din.
A Xunta respondeu na reunión ás peticións de Agromuralla dicindo que para que haxa unha actuación de organismos como a AICA ten que haber unha denuncia formal do gandeiro á empresa que lle recolle o leite, e recomendou aos produtores agruparse en OPL para negociar os contratos.
Unións Agrarias reclama á Xunta maior contundencia contra “o novo cártel do leite”
Na mesma reunión, a organización Unións Agrarias trasladoulle ao conselleiro do Medio Rural a necesidade de “actuar con celeridade e contundencia contra o novo cartel do leite que está tomando forma da man de moitas das empresas de recollida e transformación láctea de Galicia”.
Tal como manifestou o secretario de UUAA, no encontro “todas as propostas de renovación de contratos que están a chegar ás ganderías sospeitosamente móvense na mesma marxe de prezos o que demostra que, como xa fixeron no pasado, de novo as industrias están a actuar de xeito ilícito para forzar unha baixada xeneralizada nas cotizacións lácteas”.
Neste encontro, Roberto García expuxo que “esta realidade empeza a parecerse ao fraude do Cártel do Leite, que denunciado por Unións Agrarias, desembocou na sanción da AICA contra a totalidade das empresas transformadoras de leite por concertar prezos para forzar as baixadas no campo, unha causa que agora está na Audiencia Nacional onde a organización defende a 5.000 gandeiros e que agora se reforzará con novas denuncias en base aos novos indicios que van aparecendo”.
Neste escenario, Unións Agrarias fai un chamamento ás administracións para que “fagan o seu traballo e fagan algo tan sinxelo como cumprir a Lei da Cadea Alimentaria xa que no seu articulado deixa as claras como a transparencia e a proporcionalidade son os elementos básicos para ensamblar unha cadea de valor que sexa xusta desde o produtor ata o consumidor”.
“E ademais explica que os prezos de venta entre os actores da produción deben de nacer froito dunha negociación, neste momento completamente inexistente, salvo algunha honrosa excepción”, engaden dende a organización. Neste sentido, dende UUAA reclaman que “se manteñan vixentes os contratos de aprovisonamento mais alá do 1 de abril xa que como é publico moitas das industrias seguen sen sentarse cos gandeiros para fixar cotizacións, tal como marca a norma”.
Pola súa parte, dende Medio Rural limítanse a sinalar que “tanto a Administración como os produtores deben estar vixiantes á hora de que se cumpra toda a normativa legal en canto á sinatura de contratos, mantendo unha estabilidade nos prezos que garanta a rendibilidade a medio e longo prazo das nosas explotacións”.