A Consellería do Medio Rural vén de publicar unha orde pola que inicia a simplificación dos permisos de corta. Para un futuro, a Consellería anuncia a publicación dun decreto máis completo, pero xa agora pon en marcha a autorización única de corta e a declaración responsable, os trámites que a partir de agora deberán seguir todos os aproveitamentos madeireiros.
Declaración responsable
A maior novidade radica en que, para determinados casos, xa non haberá que solicitar unha autorización, senón só presentar unha declaración responsable antes da corta explicando o aproveitamento que se vai executar. Esa declaración responsable será suficiente en todas as parcelas de eucalipto ou piñeiro, salvo o piñeiro silvestre, que non estean en espazos protexidos ou afectadas por un dominio público.
Como excepción, a norma sinala que non será suficiente coa declaración responsable en parcelas de piñeiros e eucaliptos que teñan máis dun 10% de arborado con pés maiores de especies frondosas (carballos, bidueiros, castiñeiros, etc.). Por pés maiores, enténdense aqueles que teñan un diámetro do tronco superior a 7,5 centímetros de diámetro.
Tamén será suficiente coa declaración responsable no caso das cortas obrigadas pola normativa de prevención de incendios no entorno de vivendas, núcleos de poboación e vías de comunicación.
Visor para comprobar as afeccións das parcelas
De cara a facilitar a comprobación das afeccións de dominio público que teñen as parcelas, a Administración creou un visor xeolocalizado, que se pode consultar no portal de cortas da Consellería.
Esa información é xa fiable e irase actualizando de xeito progresivo, se ben por agora non conta con toda a información correspondente ó patrimonio cultural. Por agora, están os elementos patrimoniais que figuran protexidos en Plans Xerais de Ordenación Municipal e para fin de ano espérase que estean incorporados o resto de elementos.
Autorización única de corta
No caso de cortas para as que non sexa suficiente unha declaración responsable, haberá que presentar unha solicitude de autorización, se ben este proceso tamén cambia sustancialmente. A partir de agora, só haberá que presentar unha solicitude ante Medio Rural, con independencia das afeccións de dominio público que teña a parcela.
Será a Consellería de Medio Rural a encargada de solicitar os preceptivos informes sectoriais ós organismos que corresponda. Se a Consellería non responde á solicitude de autorización nun prazo de dous meses, entenderase que esta queda aprobada por silencio administrativo. Esa disposición evitará os retrasos superiores a seis meses que estaba causando a dilación na resposta de determinados organismos, como Patrimonio.
Cortas directas
A normativa establece tamén que no caso de rareos sen aproveitamento comercial, cortas de policía ou actuacións en zonas de servidume de dominio público hidráulico non será precisa nin a presentación dunha declaración responsable nin dunha solicitude de autorización.