Silleda suspende a poxa de gando debido ao apagón eléctrico

A electricidade non chegou ao recinto feiral até este martes ás 9 e media da mañá, sen tempo material para meter os animais e celebrar a subasta. A vindeira semana podería ser necesario establecer cupos por exceso no número de cabezas que poden acoller as instalacións

Imaxe do recinto feiral de Silleda baleiro durante a pandemia, nunha foto de marzo do 2022

Imaxe do recinto feiral de Silleda baleiro durante a pandemia, nunha foto de marzo do 2022

As poxas da Central Agropecuaria de Galicia Abanca non se celebraron este martes debido ao apagón eléctrico. A dirección do mercado estableceu o luns como hora límite para decidir a súa celebración ou suspensión ás 21.00h, xa que a recepción dos animais participantes supón un proceso que conleva normalmente o traballo de catro persoas dende as 17:00 horas do luns ata aproximadamente ás 2:00 da madrugada do martes e sen esa labor non é posible comezar as poxas.

Así pois, se nese momento non se contaba aínda con subministración eléctrica, xa non sería viable levar a cabo as poxas e a Central veríase obrigada a suspendelas. Efectivamente a electricidade non se tiña restablecido a esa hora (e non chegou ao recinto ata as 9.30 horas da mañá deste martes), polo que non era viable a súa celebración e foi suspendida.

O persoal da Central informou desta posible suspensión aos poucos gandeiros que se achegaron ao mercado onte pola tarde, dándolles a opción de deixar o gando no recinto por se finalmente se celebraban as poxas ou de que o levasen de novo ás súas explotacións. Así mesmo, aos que acudiron ao recinto pasadas as 21.00h (pecháronse as portas sobre as 22.00h), indicóuselles xa a suspensión do mercado e tamén se lles deron as dúas opcións debido á viaxe xa realizada polos animais, con indicación que os retirasen este martes pola mañá o antes posible.

Venda directa dalgúns animais

Algúns dos gandeiros decidiron deixar os seus animais, polo que este martes pola mañá nas instalacións había sobre un cento de exemplares de vacún maior, medio cento de becerros carniceiros e sobre sesenta becerros de recría.

Tan só se venderon un cento de exemplares de vacún maior, medio cento de becerros carniceiros e 60 xatos de recría

Tendo en conta a presenza destes animais no mercado e a non celebración das poxas, facilitouse por parte dos servizos veterinarios a documentación necesaria para que os animais presentes puideran ser retirados por algúns compradores que acudiron esta mañá ao recinto e estaban interesados en adquirir algún animal, dispoñendo así da súa correspondente guía de saída para cebadoiros ou matadoiros.

A vindeira semana podería ser necesario establecer cupos, debido ao límite máximo das instalacións por razóns de benestar animal

Así mesmo, tan pronto se restableceu a conexión eléctrica na mañá deste martes, dende a Central trasladouse aos gandeiros por vía telemática esta suspensión das poxas e tamén se lles pediu que estivesen atentos a novas comunicacións debido a que será necesario establecer topes no número de animais na sesión da vindeira semana, xa que a suspensión da sesión desta semana podería facer que se excedese o número máximo de animais permitidos (a Central, por cuestións de benestar animal, debe establecer unha cifra máxima de animais por sesión).

En canto ás mesas de prezos, tiveron lugar con normalidade como cada martes, sendo as cotizacións correspondentes a esta semana as seguintes: sen cambios nos ovos, coellos, galiñas e porcino cebado e descenso nos bacoriños. 

Pódese descargar neste enlace o listado completo das cotizacións das Mesas de Prezos celebradas. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información