Silleda suprime a inscrición previa do gando tras recuperar a normalidade no volume de asistencia

A Central Agropecuaria de Galicia - Abanca decidiu eliminar a inscrición previa de animais como requisito para acudir á poxa. Xa non será necesaria para a vindeira sesión do 9 de xuño

Silleda suprime a inscrición previa do gando tras recuperar a normalidade no volume de asistencia

Gando nunha sesión previa á recuperación da actividade tralo parón pola crise do coronavirus.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca acordou suprimir a inscrición previa do gando, que establecera como un trámite obrigatorio para contabilizar os animais e poder controlar o aforo. A medida instaurouse nas primeiras sesións co fin de evitar aglomeracións e non exceder o aforo fixado na Central debido á crise sanitaria do Covid-19.

A recuperación da normalidade no volume de asistencia de animais á Central nas dúas primeiras sesións dende a reapertura fai que non resulte necesario este trámite, xa que non se produciu un exceso de oferta de gando que xustifique realizar a inscrición previa.

Así, os usuarios (gandeiros, transportistas e tratantes) xa non terán que comunicar previamente o número de animais que levarán ao recinto.

Horario e comunicación de resultados

O que si se mantén, e farao con carácter permanente, é o horario de entrada do gando, de 15.00 horas do luns ás 02.00 horas do martes, e tamén o sistema telemático implantado para comunicar aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real, sen que estes teñan que acudir ao recinto.

Esta comunicación telemática pretende evitar a concentración de asistentes no recinto durante a crise sanitaria, pero tamén axilizar o mercado, polo que funcionará de forma permanente máis alá da situación xerada polo covid-19, substituíndo ás poxas cantadas con soporte de vídeo que viñan sendo habituais. Este sistema conta con dous medios para a difusión dos resultados das poxas da Central: a súa web e a aplicación TokApp.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información