
As vacas volveron bater récord na poxa desta semana na Central Agropecuaria de Galicia
Cunha maior afluencia de gando con respecto á semana anterior tanto na categoría de recría como nos becerros carniceiros e no vacún maior, Silleda seguiu este martes recuperando a normalidade iniciada a semana pasada coa reanudación das feiras logo parón dun mes a consecuencia da dermatose nodular contaxiosa.
A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou dúas marcas nesta sesión. A primeira delas foi no volume de transaccións de becerros carniceiros, que ascendeu a 423.569€, cantidade que se converte na máxima acadada por esta categoría neste mercado ao superar os 377.456€ facturados o pasado 17 de xuño. A segunda correspondeuse co maior prezo medio acadado na categoría de vacún maior, con 2.482,30€ (ata hoxe o máximo estaba nos 2.420,78€ do pasado 30 de setembro).
O vindeiro martes será a última feira de recría deste ano, mentres que de vacas e becerros carniceiros haberá unha especial o día 29
Por outra banda, o volume total de transaccións da sesión (suma das transaccións das tres categorías), ascendeu a 1.894.309€, converténdose na segunda facturación máis alta na historia da Central nunha sesión (a maior está en 1.952.514€, do pasado 17 de xuño).
Nos becerros de recría, houbo revalorización nos grupos de 15 a 20 días e de 20 a 50 días, e unha lixeira baixada nos animais de máis de 50 días, tanto nos de raza frisón como nos de cruzamento industrial e rubia galega. Os que máis subiron foron os machos cruzados de dúas a tres semanas, que gañaron 180 euros até pagarse de media a 690€.

Nos becerros carniceiros, os prezos seguen altos, pero produciuse unha corrección con respecto á importante suba da semana pasada. Así, na sesión deste martes houbo unha baixada de máis de 100 euros nos de cruce industrial e de 90 euros nos frisóns, en tanto os de raza rubia galega caeron só 10 euros.
Malia a maior afluenza de vacas (un cento máis que a semana pasada), ás portas do Nadal o vacún maior revalorizouse nesta sesión, sobre todo os animais de categoría Extra, que subiron máis de 150 euros para pagarse de media a 2.626 euros. A categoría Primeira gañou case 30 euros e a Segunda mantivo valores con respecto á semana anterior.
Nas mesas de prezos do resto de especies gandeiras, o porcino segue sen tocar fondo, cunha nova baixada de 10 céntimos en quilo esta semana como consecuencia do peche de parte dos mercados exteriores por mor do gromo de peste porcina detectada en xabaríns en Barcelona. O medo no sector arrastrou tamén a caída dos bacoriños, que baixaron outros 5 euros, que se suman aos 5 perdidos tamén a semana pasada.
Descarga o pdf coas cotizacións completas deste martes neste enlace.
Galego








Control OJD