Silleda retoma a feira de gando vacún con forte suba de prezos nos becerros carniceiros

O porcino nota os efectos do brote de peste porcina africana detectado en xabaríns en Barcelona, con caída importante nas cotizacións

Becerros carniceiros en Silleda na sesión deste martes, na que se retomou a feira de gando vacún

Becerros carniceiros en Silleda na sesión deste martes, na que se retomou a feira de gando vacún

Tras 5 semanas de suspensión das poxas de gando vacún por mor do brote de Dermatose Nodular Contaxiosa en Cataluña, a Central Agropecuaria de Galicia retomou este martes as feiras de gando vacún en Silleda con suba xeralizada importante dos becerros carniceiros, mantemento de cotizacións no vacún maior e descenso nos prezos medios dos machos de recría, tanto frisones como cruces.

Cunha asistencia maior da habitual en becerros de recría e moi inferior nas categorías de becerros carniceiros e vacún maior, na recría, rexistrouse unha baixada con respecto ás cotizacións establecidas na sesión do pasado 21 de outubro, a última celebrada antes da suspensión de feiras e mercados de vacún por parte da Xunta.

Nas categorías máis concurridas en machos de recría, frisóns de 21 a 50 días e cruces industriais de 21 a 50 días e maiores de 50 días, as baixadas oscilaron entre os 40 euros nos cruces e os 60 nos frisóns. En femias cruces, sen embargo, os prezos mantivéronse de xeito similar á sesión anterior.

Silleda 02_12_2025 recria

Nos becerros carniceiros, a tendencia foi de clara subida, cos machos de raza frisoa revalorizándose case 500 euros, 400 os de cruzamento industrial e 300 os de raza rubia galega. Con estas cifras, a Central Agropecuaria de Galicia acadou na sesión deste martes o seu prezo medio máis alto na categoría de becerros carniceiros, con 1.827,32€ (ata hoxe esta marca estaba nos 1.710,32€ do pasado 30 de setembro).

Silleda 02_12_2025 becerros carniceiros

No caso do vacún maior, mantivéronse os prezos da última sesión de fai mes e medio, cunha leve subida das vacas de categoría Extra, baixada moderada nas de categoría Primeira e repunte tamén nas de Segunda. 

Silleda 02_12_2025 vacun maior

Nas mesas de prezos do resto de especies gandeiras, o protagonista foi unha semana máis o porcino, neste caso como consecuencia do foco de peste porcina africana detectado en xabaríns na provincia de Barcelona. O peche dos mercados internacionais para a exportación, entre eles o chinés, sumiu a un dos mercados de referencia, o de Lleida, nunha caída histórica de entre o 7 e o 10% na sesión desta semana, que acabou trasladándose tamén neste caso ao de Silleda, con descensos de entre 9 e 11 céntimos en kg no porcino cebado e de 5 euros en animal nos leitóns. Ovos e coellos non sofren cambios. 

Silleda 02_12_2025 mesas prezos

Podes descargar o pdf completo da sesión desta semana neste enlace

Cambios no calendario de decembro por mor do Nadal

Con motivo das festas do Nadal, a organización da Feira de Silleda anunciou tamén este martes os cambios nas poxas deste mes. Así, as sesións do martes 9 e do martes 16 celebraranse con normalidade, pero as do día 23 e 30 de decembro suspéndense, tendo lugar o luns 29 de decembro unha sesión especial de vacas e becerros carniceiros para o abastecemento do mercado durante o Nadal. A entrada será única o domingo 28 desde as 8 da tarde até as 12 da noite e a poxa realizarase o luns 29 ás 10 da mañá. En xaneiro, as poxas retomaranse o martes 6 malia coincidir co día de Reis e ser festivo.

calendario poxas Silleda Nadal 2025

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información