Silleda remata o ano con 2 récords absolutos nos becerros carniceiros

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra este martes as mellores cifras en asistencia e transaccións nos becerros carniceiros. Lógrase un máximo histórico de 210 animais e unha facturación máxima de 142.000 euros. Os prezos na última feira do ano baixaron en todo o gando vacún e só houbo subas no porcino

Silleda remata o ano con 2 récords absolutos nos becerros carniceiros

Animais na Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca acadou esta mañá dous récords absolutos na categoría de becerros carniceiros, referidos á asistencia e ás transaccións económicas desta sección. Porén, a tendencia en todo o gando vacún foi á baixa na última feira do ano, posto que cos próximos festivos con motivo das celebracións do Nadal, suspéndese o mercado no que resta de decembro.

Os máximos históricos na sección de becerros carniceiros viñeron dados por unha afluencia de 210 reses, que superan amplamente ás 187 que concorreran o 18 de decembro do ano pasado e que supoñía a maior asistencia rexistrada ata o momento. Tamén se acadou o récord de facturación logo de que se adxudicaran nesta sección 190 animais que supuxeron unhas transaccións de 142.071 euros, que superan os 130.969 euros rexistrados o 31 de xullo de 2018.

Pese ás cifras de récord, a xornada caracterizouse por unha tendencia xeral á baixa en todo o gando vacún con excepcións marcadas por mínimas subas nalgunhas seccións. Tamén houbo subas nas mesas de porcino, onde os leitóns continúan a incrementar o prezo mentres o porco cebado se mantivo sen cambios. Tampouco houbo variacións no mercado dos ovos e rexistrouse unha nova baixada na Lonxa de Madrid que afecta ó prezo do coello.

Baixada nos becerros de recría

En canto á recría, nos becerros frisóns tódalas seccións rexistraron unha baixada das cotizacións. No caso dos animais de menos de 20 días o prezo caeu en 30 euros ata os 49 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, produciuse unha redución de 14 euros, polo que pasaron a cotizarse a 68 euros. A baixada máis destacada rexistrouse nos animais de máis de 50 días que se pagaron a un prezo medio de 84 euros, 37 euros menos que a semana pasada.

Nos animais de cruces industriais, nos becerros de menos de 20 días o prezo reduciuse en 63 euros, sendo a caída máis importante da xornada, para pasar a situarse en 286 euros de media. Nos animais de entre 20 e 50 días a baixada foi de 46 euros, pasando a cotizarse a 346 euros. A excepción na recría veu dada cos animais de cruces industriais de máis de 50 días, que incrementaron en 2 euros o seu valor e pasan a situarse en 419 euros.

Nos prezos dos becerros carniceiros, pese ós máximos nas transaccións, producíronse baixadas nos prezos de tódalas categorías. Os machos de raza Frisoa situáronse en 541 euros, 60 euros menos que a semana pasada. Nos animais de cruces industriais o prezo medio para os machos foi de 760 euros, logo dunha baixada de 80 euros. Nas femias desta categoría a redución foi de 78 euros e pasaron a pagarse a 691 euros de media.

No gando vacún maior tamén houbo unha baixada xeral dos prezos. Tanto nas vacas de primeira categoría como nas de descarte houbo unha redución do prezo en ambas seccións de 13 euros con respecto da semana pasada, polo que se cotizaron a 1.074 e 451 euros respectivamente. As vacas de segunda foron as únicas que experimentaron un incremento do prezo de 7 euros, ata situarse nun valor medio de 715 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-17_12_2019-vacun

Subas nos leitóns e baixada no coello

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións acordouse manter os prezos para o porco cebado, en tódalas categorías. O porco cebado selecto e o normal sitúanse en 1,525 e 1,50 euros o quilo respectivamente. Pola súa banda, a categoría de Canle II cotízase a 1,948 euros o quilo e os animais de desvelle sitúanse entre os 0,88 e os 0,94 euros.

Os leitóns rexistran esta semana un novo incremento do prezo en 0,50 euros, neste caso máis moderado que o das últimas semanas. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa acada os 75 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 70 euros. O prezo por quilo é de 3,75 e 3,5 euros respectivamente.

Os ovos mantéñense sen cambios esta semana e os prezos están do seguinte xeito: os ovos da categoría XL cotízanse a 1,46 euros a ducia, os da L a 1,33 euros, os da M acadan os 1,22 euros e os da S a 1 euro. O prezo das galiñas de desvelle mantense tamén sen variacións e continúa entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Mentres, na Lonxa de Madrid, esta semana produciuse unha nova baixada do prezo do coello en 0,20 euros, o que fai que o quilo pase a cotizarse a 1,80 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-17_12_2019-porcino

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información