Silleda pecha a última poxa do ano con baixadas en tódalas categorías

A Central Agropecuaria de Galicia celebrou este luns a última poxa de vacún. Houbo baixadas en tódalas seccións de recría, becerros carniceiros e gando maior, con mínimas excepcións. Rexistrouse unha menor afluencia de animais

Silleda pecha a última poxa do ano con baixadas en tódalas categorías

Animais no mercado de gando de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), acolleu este luns a derradeira poxa de gando vacún deste 2020, logo de que se acordara adiantar a sesión habitual dos martes e suspender a do próximo martes 29 de decembro por mor das celebracións de Nadal. A próxima poxa será xa o vindeiro 5 de xaneiro. Esta última feira deixa unha baixada xeral das cotizacións tanto dos becerros de recría, como dos animais carniceiros ou o vacún maior. Apenas se produciron excepcións nalgunhas seccións. O cambio de datas tamén pode estar detrás da baixa afluencia de animais que se contabilizou esta mañá, pouco máis de 430 animais fronte ós máis de 700 rexistrados a semana pasada. 

En canto ós prezos dos becerros de recría de raza Frisoa, os animais de menos de 20 días marcaron a excepción na sección, cunha suba de 13 euros ata acadar os 68 euros de media. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, produciuse unha baixada de 15 euros e quedan en 71 euros. Tamén os animais de máis de 50 días reduciron o seu valor, neste caso en 8 euros para situarse en 100 euros.

Na recría de cruces industriais, os tenreiros de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 200 euros, tras descontar 46 euros con respecto da feira anterior. Nas femias desta sección a baixada foi de 22 euros, ata os 137 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, produciuse unha redución de 32 euros, o que os sitúa en 273 euros. As femias descontaron 34 euros e cotízanse a 159 euros. A excepción nesta raza veu cos animais de máis de 50 días. No caso dos machos, incrementaron o seu valor en 90 euros, polo que acadan os 459 euros, e o prezo das femias subiu 49 euros, ata os 303 euros.

Nos becerros carniceiros tamén se produciron reducións das cotizacións, en boa parte das seccións. Os tenreiros de cruces industriais machos situáronse a un valor medio de 756 euros, tras descontar 51 euros. Nas femias, a baixada foi de 22 euros, polo que quedan en 665 euros. Nos exemplares de Rubia Galega, o prezo medio foi de 851 euros, 13 euros por debaixo do acadado na feira anterior. As femias desta sección foron a excepción, ó sumar 4 euros e ter un prezo de 721 euros. O único macho frisón adxudicado este luns marcou un prezo de 379 euros, 1 euro por debaixo da semana pasada. O gando co selo Ternera Gallega Suprema cotizouse a 802 euros, o que supón unha baixada de 32 euros.

A tendencia foi á baixa tamén no vacún maior. As vacas da categoría extra pasaron a cotizarse a 1.662 euros, logo dunha baixada de 143 euros. Nos animais de primeira o prezo baixou 53 euros, ata situarse en 1.068 euros. As vacas de segunda mantivéronse sen cambios, mentres que os exemplares de desvelle descontaron 45 euros para quedar nos 412 euros. Os animais co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega, tiveron un valor medio de 892 euros, fronte ós 1.664 euros que acadou a semana pasada o único exemplar que se adxudicou con este distintivo.

 

Central-Agropecuaria-de-Galicia-21_12_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información