Silleda pecha o ano con subas nos prezos da recría

A Central Agropecuaria de Galicia experimenta un incremento dos prezos medios dos becerros de recría. O vacún maior e os becerros carniceiros cotizan á baixa. Nova suba dos leitóns e mantense sen cambios o porco cebado e os ovos

Silleda pecha o ano con subas nos prezos da recría

Actividade no recinto feiral na última lonxa do ano. // Foto Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia- Abanca pecha o ano cunha suba xeral dos prezos medios da recría. Nos becerros carniceiros e no vacún maior, a modo de referencia, aprécianse baixadas en boa parte das seccións en comparación co prezo medio da semana pasada. Nas mesas de cotización do porcino acordaron unha nova suba para os leitóns, mentres o porco cebado mantense sen cambios. Tampouco houbo variacións no mercado do ovo ou no prezo do coello na Lonxa de Madrid.

Neste último repaso do ano polos prezos medios que se estableceron este martes no mercado celebrado en Silleda (Pontevedra) aprécianse subas en boa parte das categorías da recría. Na comparación dos prezos, que serve como referencia para o sector, tamén cómpre ter presentes outros factores como a distinta calidade media que poden ter os animais nas diferentes sesións (canais, quilos, etc.).

Este martes, na recría frisoa os animais máis novos cotizáronse a un prezo medio de 69 euros, o que supón un incremento de 34 euros con respecto do prezo de referencia da semana pasada. Nos animais de entre 20 e 50 días, o prezo medio foi de 91 euros, o que deixa unha suba de 16 euros. Os tenreiros de máis de 50 días pagáronse de media a 138 euros, 18 euros máis que a semana pasada.

Nos becerros de cruzamentos industriais a tendencia foi semellante. Os animais máis novos experimentaron unha suba de 74 euros no prezo medio tanto dos machos como das femias, co que establécese un prezo medio de 253 e 215 euros respectivamente. Nos becerros de entre 20 e 50 días o prezo medio foi de 310 euros, o que deixa unha suba de 39 euros en comparación co valor da semana pasada. Nas femias tamén se apreciou un incremento, neste caso de 36 euros, co que o prezo medio é de 243 euros. Os tenreiros de máis de 50 días foron a excepción, ó experimentar as cotizacións unha baixada con respecto cos valores de referencia da feira anterior. Nesta ocasión o prezo medio quedou nos 307 euros, 59 euros menos. Pola contra, nas femias produciuse unha suba de 33 euros ó ter un prezo medio de 276 euros.

A tendencia foi á baixa nos becerros carniceiros. O prezo medio dos tenreiros de cruzamentos industriais, a categoría con maior afluencia, foi de 871 euros, o que deixa un prezo 14 euros máis baixo que o fixado como referencia na feira anterior. Nas femias, esta baixada foi de 56 euros ó ter un prezo medio de 730 euros. No caso dos becerros de Rubia Galega, o prezo medio foi de 985 euros, 54 euros máis que no anterior mercado. Nas femias a baixada foi de 15 euros, ó cotizarse de media a 860 euros. Os dous becerros frisóns que se adxudicaron hoxe fixaron un prezo medio de 686 euros, mentres que a única femia vendida este martes fíxoo por 421 euros. Nos animais co selo de Ternera Gallega Suprema, o prezo medio foi de 818 euros, o que supón unha baixada de 92 euros con respecto da pasada lonxa.

No vacún maior tamén predominaron as baixadas dos prezos. As vacas da categoría extra descontaron 175 euros con respecto do prezo medio da anterior feira e cotízanse a 1.884 euros. As vacas de primeira foron a excepción deste tipo de gando, ó experimentar unha suba de 11 euros e cotizarse de media a 1.118 euros. Nos animais de segunda o prezo medio foi de 736 euros, 20 euros menos que a semana anterior. Tamén no gando de descarte houbo unha baixada de 37 euros e teñen un prezo de 405 euros. Os animais de Vaca e Boi de Galicia teñen unha cotización media de 1.407 euros.

Central Agropecuaria Galicia 28_12_21

“Concentrar en Silleda o gando de Amio e o da Central nun ‘supermartes’ sería vantaxoso para compradores e vendedores”

Subas nos leitóns

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo manter as cotizacións para o porco cebado, mentres que os leitóns experimentaron unha suba de 1 euro en tódalas categorías. Así, o porco selecto e o normal continúan a cotizarse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo e os animais de desvelle cotízanse entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Nos leitóns, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 38 euros (cun prezo de 1,9 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 33 euros e teñen un prezo por quilo de 1,65 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. As galiñas de desvelle están a cotizarse entre os 0,23 e os 0,30 euros por quilo.

O coello mantense a 1,9 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Galicia porcino 28_12_21

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información