
Becerros de recría nunha sesión da Central Agropecuaria de Galicia antes do conflito, nunha imaxe de arquivo
A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes unha nova sesión na que a afluencia se veu novamente mermada polo conflito aberto entre tratantes e organización do mercado. A escaseza de gando axudou a subir os prezos, se ben nos xatos pintos seguen a ser máis baixos que os de fai un mes, antes de que se desencadeara o desentendemento por mor da implantación da poxa exclusivamente dixital.
No relativo ás cotizacións, batéronse dúas novas marcas en canto a prezos medios: por unha banda, a categoría de becerros de recría, que acadou a súa maior media con 558,22€ (o máximo estaba nos 553,60€ do 6 de maio); por outra banda, a categoría de vacún maior, que acadou un prezo medio de 2.328,92€ (o máximo estaba nos 2.306,46€ do 8 de abril).
Con todo, a sesión estivo marcada de novo pola escasa asistencia de becerros de recría. Un total de 459 animais de recría foron adxudicados, dos 487 presentados. Son máis que os que acudiron a semana pasada, pero case a metade dos que houbo na sesión do 22 de abril, antes de que estalara a polémica, cando se contaron 818 animais.
O conflito segue aberto entre unha parte dos tratantes, que se opoñen ao sistema de poxa exclusivamente dixital, e os organizadores do mercado
Os prezos deste martes para as distintas categorías de recría (218,60 euros para os machos pintos de 15 días e 513,48 para os de cruce industrial) son tamén sensiblemente máis baixos que os de fai un mes (277 para os becerros frisóns e 553 para os cruzados), pero o que explica o récord logrado no prezo medio da recría foi precisamente unha maior asistencia de xatos de máis de 50 días, os que deixaron de venderse nas sesións anteriores, e que teñen un maior valor, malia que este martes se pagaron menos que fai un mes.
O vacún maior segue rexistrando tamén prezos récord, coas vacas de categoría extra (a maioría das presentadas) pagándose de media a 2.474 euros, as da categoría primeira a 1.213 euros e as de segunda a 763 euros.
En canto aos becerros carniceiros, seguen mantendo prezos elevados, cos machos frisóns por enriba dos 1.000 euros (1.061€), os xatos de cruce industrial en 1.614 euros de media e os marcados como Ternera Gallega en 1.684 euros.
No relativo ás Mesas de Prezos, esta semana non hai cambios no porcino cebado, que repite a cotización da semana pasada, pero si nos bacoriños, que baixan 3 euros. Tamén baixan os ovos e os coellos.
Suspensión da sesión do día 3 de xuño por mor da Semana Verde
Ademáis, haberá cambios nas sesións das dúas primeiras semanas de xuño, na do martes 3 e na do martes 10, por mor da celebración da Semana Verde de Galicia, que terá lugar entre os días 5 e 8 de xuño no recinto feiral de Silleda. Debido á preparación e montaxe da feira, a sesión do martes 3 suspéndese e a do día 10 será só de becerros de recría, con apertura de portas para a recepción do gando o luns 9 a partir das 10 da noite.
José Manuel García. Comprador crítico de Silleda
“Aquilo parece un outlet, están malvendéndose os xatos”
José Manuel García fala en nome dos compradores de recría que se opoñen á dixitalización total da poxa. Tal como anunciaran, hoxe tampouco acudiron a Silleda e acusan á organización do mercado de “estar malvendendo os xatos”. “Aquilo parece un outlet, é unha vergoña o punto ao que están chegando, facendo un chamamento desesperado a outros compradores non habituais para que veñan, dándolles todo tipo de facilidades e axudándolles a mercar. Iso non pasa nin no mercado chinés”, considera.
“Un comprador levou 177 xatos, o 40% dos que se venderon, cando unha semana normal iso non pasa porque hai máis competencia. É un sinal claro de que os prezos están sendo baixos”, afirma. José Manuel calcula nuns 100 euros en xato a perda para os gandeiros que levaron os seus becerros este martes a Silleda.
En condicións normais, coa pouca afluencia que está habendo, o prezo tería que subir moitísimo
“Algúns gandeiros que seguen levando os seus animais, porque algunha saída lles teñen que dar, unha vez que os teñen alí mándanos polo que lles dean por non volver con eles para a casa, aínda que lles dean pouco. Pero coas subas que houbo nas últimas semanas no resto de mercados, como por exemplo no de Amio, e coa pouca afluencia que está habendo, tiñan que valer moitísimo máis”, asegura.
“O normal é que hoxe houbera máis de 1.000 becerros de recría”
“O normal é que hoxe houbera cifras históricas de animais, de 1.000 becerros poñendolle tope, porque despois da sesión que se suspendeu polo apagón, das últimas semanas con menos xatos e ás portas da Semana Verde, se nunha sesión calquera hai 800 becerros, hoxe tería que ter pasado dos 1.000”, argumenta.
O conflito segue enquistado igual que estaba, non houbo movementos
Entre os compradores críticos, que están a ausentarse da poxa, están algúns dos que máis xatos compran todas as semanas. “Os habituais, os que faltabamos hoxe alí, sobre uns 30, compramos máis do 80% dos animais que se subastan na feira. Os que compramos animais todas as semanas faltamos todos”, reitera.
Os tratantes díscolos din estar dispostos a chegar a un acordo para desencallar a actual situación, tras reunirse co conselleiro de Presidencia, pero afirman que lle toca á dirección da feira “mover ficha”. “Estamos dispostos a ceder, pero non a aguantar unha dictadura”, aseguran.
En canto á situación da compravenda de xatos nas explotacións, falan de normalidade. “Seguimos servindo aos nosos clientes, estamos facendo o mesmo traballo pero máis cómodo, porque moita xente chámanos directamente para que llos vaiamos mercar á granxa. Ao final, os gandeiros acaban buscando alternativas sen pasar pola feira e os gandeiros estaban indo á Feira polo prezo, pero se en Silleda llelos pagan menos prefiren vendelos na casa”, argumenta o voceiro dos tratantes.