O matadoiro móbil da Consellería do Medio Rural visitou preto de medio cento de concellos de toda Galicia dende a súa posta en marcha a finais de xaneiro pasado ata o día 9 de agosto. Destes municipios, preto do 64% corresponden ás provincias de Lugo e Ourense.
Así, na primeira destas provincias visitáronse 14 concellos e na ourensá 16 en total. Na da Coruña, esta unidade móbil percorreu nove entidades locais e na de Pontevedra oito. En total, nestes sete meses o matadoiro ofreceu preto de 120 servizos a máis de 70 explotacións.
As previsións para o que queda de mes de agosto indican que o matadoiro se desprazará a outros seis concellos (tres de Lugo, dous de Pontevedra e un de Ourense). En concreto, ten previsto visitar O Saviñao, Quiroga e Castro de Rei, na provincia luguesa; Lalín e Crecente, na de Pontevedra e Boborás, na de Ourense.
Neste mes de agosto o camión matadoiro estará en O Saviñao, Quiroga, Castro de Rei, Lalín, Crecente e Boborás
O cómputo total de animais sacrificados desde a posta en marcha deste servizo no conxunto de Galicia achégase aos 700. Máis do 90% deles corresponde a gando ovino e cabrún, e o 10% restante a porcino. Estes son os tres tipos de gando susceptibles de seren sacrificados mediante este servizo público.
Esta iniciativa do matadoiro móbil, pioneira en toda España, espertou interese noutras comunidades autónomas, como son as de Asturias, Baleares, Cantabria, Castela e León e Estremadura, así como tamén en Portugal. Desde todos estes territorios pediuse información á Consellería do Medio Rural, para valorar a posibilidade de replicar o servizo.
Prestación a demanda dos gandeiros
A prestación do servizo de matadoiro móbil realízase a demanda dos gandeiros interesados, na maior parte dos casos de zonas de montaña ou afastadas dos matadoiros tradicionais. Así, esta unidade móbil de sacrificio de gando da Consellería do Medio Rural constitúe un servizo de gran utilidade para moitas explotacións gandeiras situadas nesas áreas.
Os animais admitidos son gando ovino, cabrún e porcino
O matadoiro móbil permítelles aos gandeiros que o utilizan reducir custos en desprazamentos, o que favorece a filosofía de quilómetro cero na produción de alimentos, xestionar o sacrificio de gando con maior facilidade e mellorar o benestar dos animais, ao reducir o estrés do transporte, o que redunda, ademais, nunha maior calidade dos produtos obtidos.
O servizo do matadoiro móbil pode solicitarse ou ben no teléfono 982 25 12 01, operativo de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas, ou vía web, a calquera hora do día, mediante a cobertura dun formulario dispoñible na Oficina Virtual de Medio Rural, no seguinte enderezo. Os prezos van dende os 10 aos 50 euros por animal.