O proxecto de crear en Galicia sete zonas vulnerables a nitratos (ZVN) está a xerar preocupación no campo, principalmente nas áreas máis agrícolas, caso da Limia, e das gandeiras, como o Tambre (Trazo, Tordoia), o Ulla (Santiso, Melide) ou Zas. A declaración das ZVN implicaría unha forte restricción ó abonado agrario, que mesmo chegaría a inviabilizar o cultivo de millo, segundo se advirte desde o sector.
Analizamos a orixe e o motivo das zonas vulnerables a nitratos planificadas pola Consellería de Medio Rural, así como posibles solucións. Estas zonas deseñáronse en base a un mapa de zonas afectadas por contaminación difusa publicado polo Ministerio de Transición Ecolóxica no 2022.
1) Cales son as augas que se consideran afectadas por contaminación difusa?
O mapa do Ministerio de Transición Ecolóxica que identifica as augas afectadas por contaminación difusa elaborouse cos datos das estacións de control, tendo en conta os límites marcados no Real Decreto 47/2022, que estable uns máximos de 37,5 miligramos / litro de nitratos en augas subterráneas e de 25 miligramos en augas superficiais. Para os encoros, o criterio é a valoración de se hai eutrofización ou pode chegar a habela.
A eutrofización defínese como un aumento dos compostos de nitróxeno e fósforo que provoca o crecemento acelerado de algas, plantas acuáticas ou cianobacterias, causando transtornos negativos no medio e na propia calidade das augas.
2) É culpa do agro a contaminación detectada nas áreas marcadas como afectadas?
A resposta en cada caso está suxeita a interpretacións. Que responsabilidade teñen os pozos negros das vivendas ou a mala depuración das augas residuais urbanas e que parte corresponde a malas prácticas de abonado no agro?.
Como balance xeral, o Ministerio de Transición Ecolóxica considera que en Galicia, a carga total de nitróxeno divídese entre sector agrario (80%), augas residuais urbanas (17%) e verquidos industriais (3%).
A nivel de cantidade de nutrientes, o Ministerio calcula que en Galicia, como media, hai un exceso de nitróxeno de arredor de 40 Kg. / hectárea, así como un exceso de fósforo duns 15 Kg. / hectárea.
3) Que incumprimentos se detectaron nas Zonas Vulnerables a Nitratos previstas en Galicia?
Ferrolterra (San Sadurniño, Valdoviño, Moeche)
O Ministerio marca como zona afectada o encoro das Forcadas, que é un punto clave de abastecemento de auga para consumo humano en Ferrolterra. Trátase por tanto dun enclave sensible de especial vixilancia.
A cuestión é que ese punto rexistra concentracións de nitróxeno moi por baixo dos máximos permitidos pola normativa para augas superficiais, polo que o criterio que se tivo en conta é o do perigo de eutrofización.
Cecebre (Abegondo, Carral, Cerceda, Oza – Cesuras)
O encoro de Cecebre é un caso similar ó anterior. Presenta concentracións de nitratos moi por debaixo dos máximos permitidos pola normativa, polo que o criterio que se seguiu é o do perigo de eutrofización. Igual que no caso das Forcadas, o de Cecebre é un encoro sensible, ao ser o punto de abastecemento de auga da cidade da Coruña.
En dous dos concellos desta área, que agora se queren catalogar como zona vulnerable, Oza-Cesuras e Abegondo, dáse o paradoxo de que hai un estudo de 14 anos de duración das universidades da Coruña e Vigo que demostra unha boa calidade das augas no regato Corbeira, un dos cauces da comarca que en último termo remata no encoro de Cecebre.
Tambre (Trazo e Tordoia)
Un punto de control de augas subterráneas no concello de Trazo presenta límites de nitratos superiores ós permitidos. Este punto ten ademais a particularidade de que se atopa preto do río Tambre, na zona onde Santiago capta as súas augas para consumo urbano.
Ulla (Santiso e Melide)
Dous puntos de control de augas subterráneas presentan límites superiores ós permitidos. A zona vulnerable chegaría ata o encoro de Portodemouros, o que incorpora unha nova derivada ó problema, pois alí están previstos os verquidos da industria de celuloda e fibras téxtiles proxectada por Altri.
Zas
Marcouse un punto de control de augas subterráneas que presenta límites superiores ós permitidos.
Umia (Cambados, Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meis)
Un punto de control de augas subterráneas presenta contaminación por nitratos e tamén se marcaron puntos costeiros con afección.
A Limia
Presenta diversos puntos de control subterráneos con límites superiores ós permitidos, así como dous encoros no Limia que se marcaron polos episodios de eutrofización que padecen.
Outros puntos nos que non se deseñaron Zonas Vulnerables a Nitratos
O mapa de áreas afectadas por contaminación difusa do Ministerio recolle tamén tres puntos adicionais no interior e numerosos puntos en todas as rías da costa galega, tanto de augas superficiais como subterráneas nalgún caso (Ría de Vigo).
Nos tres puntos adicionais do interior, un é na comarca de Valdeorras (augas subterráneas). Outro en Ourense, no encoro de Cachamuiña, que abastece de auga á cidade, e outro no encoro de Castrelo de Miño, no Ribeiro.
Na zona costeira, no entorno da Ría de Vigo tamén aparecen outros dous puntos de augas subterráneas marcados como contaminados.
4) Que restriccións vai ter o agro nas Zonas Vulnerables a Nitratos?
A normativa obriga a que a Xunta estableza un plan de actuación trala declaración das zonas vulnerables. No plan de actuación especificarase a normativa de abonado agrario que terán que seguir agricultores e gandeiros. Con carácter xeral, o primeiro ano da Zona Vulnerable permítense 210 Kg. de nitróxeno orgánico (xurros) por hectárea e os tres seguintes a cifra baixa a 170 Kg. de nitróxeno por hectárea. En xeral, permítese fertilización química adicional ós xurros.
As zonas reevalúanse ós catro anos, en función da evolución dos datos de control das augas.
O Real Decreto 47/2022 establece tamén que “durante ou transcorrido o primeiro plan cuatrienal”, as comunidades autónomas poderán trasladar propostas á Secretaria de Estado de Medio Ambiente para flexibilizar os límites de abonado.
Esa proposta, que terá que estar avalada de xeito científico, pode ter en conta condicionantes como o feito de que haxa un dobre cultivo por ano na mesma parcela, un cultivo moi demandante de nitróxeno ou altas precipitacións en determinadas zonas vulnerables.
Que restriccións existen ó abonado en Zonas Vulnerables a Nitratos?
5) Hai marxe para unha solución política ás Zonas Vulnerables por Nitratos?
É unha cuestión por ver. Alcaldes e organizacións agrarias anuncian unha dura batalla e queren comprobar os datos que xustifican a declaración de cada zona vulnerable, así como os criterios que se tiveron en conta para a súa delimitación.
Medio Rural, pola súa banda, culpa das Zonas Vulnerables proxectadas ó mapa de contaminación difusa elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxico, se ben hai tamén que valorar que parte dos puntos recollidos no mapa non se declararán zonas vulnerables (Ribeiro, entorno da Ría de Vigo, entorno de Ourense, e comarca de Valdeorras).
A propia Consellería trasladoulle ós medios na reunión que mantivo con alcaldes de Pontevedra que “pelexará para evitar” a declaración dunha segunda zona vulnerable ao sur da provincia, a maiores da que proxecta no Salnés.
6) A nivel agrario, que solucións se poden adoptar para mellorar a calidade das augas nas Zonas Vulnerables?
É un traballo a medio prazo, sobre todo en áreas afectadas por contaminación subterránea de nitratos, pois as análises poden seguir sendo negativas anos despois de que se melloraran as prácticas.
En calquera caso, hai coincidencia entre a maioría dos técnicos do sector en catro cuestións:
• Base territorial e carga gandeira. Débese axustar a carga gandeira en función das terras dispoñibles e aumentar no posible a base territorial das explotacións. Outra alternativa podería pasar polo emprego de xurros en determinadas áreas forestais, por exemplo no marco dun proceso de restauración post-incendio.
• Almacenamento. Unha segunda cuestión son as instalacións de almacenamento de xurros, que deben estar dimensionadas, e preferiblemente cubertas, para limitar ás aplicacións aos momentos en que as necesitan os cultivos.
• Plan de abonado. O seguemento dun plan de abonado estricto que inclúa análises de solos é outra ferramenta para afinar nos nutrientes que se aplican no terreo, de xeito que as cantidades aplicadas coincidan coas demandas dos cultivos.
• Control sobre os lodos urbanos de depuradora que se aplican no agro.
7) Poden ser as plantas de biogás unha solución para os excedentes de xurro?
As plantas de biogás presentan interese a nivel de produción de enerxía renovable, pero non eliminan o problema dos excesos de nutrientes, pois o dixestato que sae das plantas de biogás mantén practicamente a mesma concentración de nutrientes do xurro orixinal.
O principal efecto medioambiental positivo das plantas de biogás é que queiman o metano liberado dos xurros, co cal se reduce a súa pegada de carbono.
Outro debate é que modelo de plantas de biogás é de interese en Galicia, se un modelo de pequenas plantas, adaptado a granxas ou grupos de granxas, como o que desenvolve Norvento, ou as macroplantas proxectadas pola Xunta, estilo ‘Sogama’, ás que enviar os xurros dunha provincia.
Do primeiro modelo, de pequenas plantas de biogás ligadas a granxas, hai exemplos abundantes en Europa, como o caso alemán ou o caso do norte de Italia. Do segundo, está o exemplo próximo de Asturias, que nun principio atravesou por numerosas dificultades, tanto técnicas cono de malos olores, chegando a quedar paralizada, se ben semella ter reflotado da man de Central Lechera Asturiana.
Galego









Control OJD