Sete claves sobre as axudas da UE para a crise do sector lácteo

Estes días convocaranse oficialmente os apoios para reducir a produción. O Goberno ten que concretar tamén en breve como distribúe os 14 millóns de euros en axudas directas concedidos a España

Sete claves sobre as axudas da UE para a crise do sector lácteo

A solicitude de redución de entregas presentarase a través dunha aplicación web.

O Diario Oficial da Unión Europea convocará formalmente nos vindeiros días as axudas para apoiar ós produtores que decidan reducir a súa produción durante tres meses. Destínanse a estas axudas 150 millóns de euros en toda a UE, unha cifra coa que se agarda unha diminución das entregas de 1,1 millón de toneladas (0,7% da produción comunitaria no 2015).

Repasamos a continuación as claves a ter en conta para pedir estas subvencións, así como as perspectivas de axudas directas para os sectores agrogandeiros en crise. O Goberno español ten que decidir este outono como distribúe a parte que lle corresponde, 14 millóns dun total de 350 na UE. Botamos man para esta análise das indicacións que publicou a Consellería do Medio Rural e da información que manexan organizacións agrarias coma o Sindicato Labrego.

1) Cuantía e requisitos da axuda

As axudas serán de 14 euros por cada 100 quilos de redución autorizada e outorgaranse mentres haxa fondos, ata esgotar os 150 millóns de euros habilitados no conxunto da UE. Concederáselle a aquelas explotacións que reduzan as súas entregas de leite durante un período de 3 meses consecutivos (período de redución) en comparación con ese mesmo período no ano anterior (período de referencia).

A subvención por beneficiario será como mínimo para unha redución de 1.500 quilos e como máximo para unha rebaixa do 50% da súa produción no periodo de referencia.

Poderán solicitar a axuda os gandeiros activos que fixeran entregas de leite no mes de xullo do 2016

2) Prazos de solicitude

En función do período no que a granxa queira facer a redución das entregas, deberá presentar a solicitude antes dunha data determinada:

– Antes do 21 de setembro, se a redución das entregas se vai facer nos meses de outubro, novembro e decembro.
– Antes do 12 de outubro, se se opta polos meses de novembro, decembro e xaneiro.
– Antes do 9 de novembro, para os meses de decembro, xaneiro e febreiro.
– Antes do 7 de decembro, para xaneiro, febreiro e marzo do 2017.

Só poderá presentarse a solicitude para un único período, coa excepción daqueles produtores que a presenten para o primeiro e cuarto período, xa que son os únicos que non se solapan no tempo.

3) Asignación das axudas e das cantidades a reducir

Ao presentar a solicitude, a explotación comprométese a unha determinada redución. Se o volume de todas as peticións presentadas a nivel da UE supera o volume máximo obxecto da axuda (1,1 millón de toneladas), a Comisión fixará un coeficiente de asignación sobre cada axuda. É dicir, se por exemplo unha granxa solicita reducir 10.000 quilos e se determina que só hai fondos para atender o 80% dos volumes de redución solicitados, a esa explotación asignaráselle axuda para que comprometa unha baixada de produción de 8.000 quilos.

Cómpre ter en conta que cando se fixe un coeficiente de asignación, rexeitaranse todas as solicitudes presentadas despois da data límite e os prazos subseguintes de petición tampouco se aplicarán.

4) Solicitudes

Os interesados deberán presentar a solicitude a través dunha aplicación web que se creará ó efecto (e da que se informará). A esa aplicación poderase acceder co DNI e as claves da Oficina Agraria Virtual da Consellería. Será obrigatorio ademais presentala por rexistro en papel, por exemplo nas Oficinas Agrarias Comarcais.

O solicitante terá que indicar o leite entregado no período de referencia (os tres meses do ano pasado que se correspondan cos meses nos que se aplicará esta campaña o período de redución) e o que prevé baixar este ano. Será preciso aportar copias das facturas do período de referencia, así como de xullo do 2016.

A explotación terá que ter en conta os compromisos contractuais coas industrias lácteas no tocante a volumes de entrega de leite. Desde a Consellería recomendan que haxa consentimentos por escrito para a redución por parte das industrias, segundo indica o Sindicato Labrego.

5) Petición de pagamento da axuda

Farase como data límite 45 días despois do final do período de redución comprometido. Xerarase na web e haberá que rexistrala en papel. Acompañarase das facturas do período no que se comprometeu a baixada das entregas.

O pago das axudas efectuarase tras a comprobación por parte dos Estados Membros de que a redución da produción realmente se levou a cabo. A cantidade da axuda solicitada reducirase se o solicitante, finalmente, non diminúe durante o período de redución aquela cantidade que se comprometeu a baixar en principio.

Se realmente rebaixa as entregas menos do 20% comunicado inicialmente, non terá garantida ningunha axuda; se reduce entre o 20% e o 50% do comunicado inicialmente, recibirá o 50% da axuda; se baixa entre o 50% e o 80% do comunicado, recibirá o 80% da axuda; e se reduce máis do 80% do comunicado inicialmente, recibirá a axuda completa.

6) Axudas directas

Xunto coa axuda de redución da produción, a Comisión aportaralle 14 millóns de euros ó Goberno español para que fomente o desenvolvemento sostible das explotacións gandeiras e contribúa a asegurar a estabilidade do mercado. O Goberno ten que decidir como reparte estes cartos. Entre as posibilidades, figuran as seguintes:

– Cofinanciar con cartos a maiores o programa de axudas de redución da produción.
– Apoiar producións a pequena escala.
– Fomentar métodos de produción extensivos ou amigables co medioambiente e co clima.
– Promover esquemas de calidade do leite ou proxectos de cooperación.

Antes do 30 de novembro, o Goberno debe notificarlle á Comisión o programa nacional de medidas concretas adoptadas. Cada Estado Membro ten flexibilidade para decidir se adica os cartos só ó sector lácteo ou tamén a algún dos seguintes: vacún de carne, porcino, ovino de carne e caprino de carne.

7) Cambios na axuda asociada da PAC

Os Estados Membro terán a posibilidade de establecer excepcións á obriga de manter o tamaño dos rabaños no 2017. Esta decisión, de adoptarse en España, levaría a que se puidesen conceder no 2017 axudas acopladas ó vacún de leite en base ós animais xustificados no 2016, sen necesidade de manter ese mesmo número. Con esta medida, quérense evitar incentivos ós aumentos de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información