
Pradería nunha leira rexenerativa de Lalín
Minerais, microbioloxía, materia orgánica, manexo, mentalidade, materialización e multiplicación. Son as 7 M, os puntos clave para un axeitado desenvolvemento da agricultura rexenerativa. Así o explicou a divulgadora Ana Digón, Presidenta da Asociación de Agricultura Regenerativa (AAR) na primeira das xornadas do curso organizado pola Fundación Juana de Vega e a empresa Agroassessor orientado a produtores e asesores de Galicia e Cataluña que desenvolven esta práctica agrícola.
Digón salientou que todos os seres vivos do planeta dependemos de que os solos e subsolos estean vivos e cargados de biodiversidade. Un exemplo claro, dixo, é a retención de auga e o seu reparto equitativo polo territorio, que serve como freo para as ríadas e detén a erosión nas zonas onde se aplica axeitadamente. Así, insistiu na necesidade de crear balsas e liñas de retención escalonadas e na importancia de que os solos non estean nús despois de seren labrados para que non perdan capacidade de absorción. “A captura de carbono nos solos é clave. Porque reduce a presenza de CO2 na atmósfera e porque favorece a proliferación da biodiversidade nos subsolos. Non esquezamos que en cada metro cadrado dun solo san hai 60.000 sementes latentes que poderían converterse en vida.” Materia orgánica, macro e micro organismos, gas, auga, humus e aire están presentes nun solo san.
En canto ao manexo, a divulgadora puxo o foco na importancia da gandería extensiva para a conservación dos solos. “A día de hoxe hai escaseza de herbívoros no planeta. Ou, polo menos, non están onde teñen que estar, que é no prado. O tipo de gando que empreguemos, mesmo polo tipo de pezuña que teñen, inflúe en como vai evolucionar cada solo. Unha técnica habitual e recomendable é utilizar galiñas ou outras aves que saian ao prado despois de que pasen as vacas ou ovellas para alimentarse das larvas de insectos que hai nas deposicións dos rumiantes. Obteríase así un coidado e fertilización dos solos totalmente eficaz e sustentable.” Se ben, aclarou, esta práctica non está totalmente regularizada en todas as CCAA pola prohibición, nalgúns casos, de utilizar a mesma parcela para diferentes especies.
Digón subliñou que a aparición de plantas espontáneas (que non foron sementadas) nos terreos é un bioindicador da saúde dos mesmos. E destacou a importancia do pastoreo dirixido para a rexeneración dos solos. “Se os animais teñen acceso a toda a parcela todo o tempo, haberá un sobrepasto excesivo, cun solo nú e plantas fosilizadas. Porque as plantas que non lles gustan non as comen. Un pastoreo aberto, libre, onde se moven como queran leva a que se volvan selectivos. Comen o que lles gusta e os rebrotes e o que non lles gusta non o comen. Porque se deixan de comer o gandeiro vailles dar penso ou forraxe. Se fas pastoreo dirixido en alta carga pouco tempo, en moitos movementos, vólvense voraces, comen todo o bo, o malo e o regular. Así temos un pastoreo moito máis efectivo e cun impacto positivo no solo.”
Dado que a agricultura rexenerativa é unha práctica aínda minoritaria e pouco coñecida e difundida, Digón insistiu na necesidade de ter unha mentalidade forte e “soltar as crenzas previas, estudar, investigar, probar e non deixarse levar por modas ou por falsas bandeiras.” Para fortalecer esa mentalidade, citou exemplos de modelos de éxito tanto na península ibérica como noutras partes do mundo. Joel Salatin, creador das granxas Polyface, Darren Doherty, impulsor de Regrarians, o profesor Sebastiao Pinheiro ou Kirk Gadzia, que promove o manexo holístico foron algúns dos nomes citados.
Ademais, a divulgadora mencionou exemplos de materialización dos proxectos de agricultura rexenerativa en lugares tan aparentemente hostís como Os Monegros ou o sur de Badaxoz. Que cada vez haxa máis proxectos en toda a península será a clave para que se acade a desexada multiplicación. Digón pechou a súa intervención citando os sete requisitos imprescindibles para desenvolver unha agricultura rexenerativa comprometida co planeta e a vida:
.- Non utilizar biocidas nin fertilizantes químicos nin organismos xenéticamente modificados (OGM)
.- Reducir ou eliminar os insumos externos, e que os que se teñan que utilizar non sexan tóxicos nin conteñan OGM
.- Reducir ou eliminar o laboreo con volteo
.- Manter o solo cuberto durante o maior periodo de tempo posible con materia vexetal: cultivos de cobertura, cultivos produtivos, pradeiras, vexetación espontánea ou mulching (acolchado orgánico)
.- No caso de ter cultivos estacionais: Rotación de cultivos
.- Cando na granxa haxa animais herbívoros ou omnívoros, deben ser integrados mediante pastoreo dirixido: Manexo Holístico, Pastoreo Racional Voisin ou outro sistema en simbiose co crecemento fisiolóxico das plantas, utilizando a alta carga animal en curtos espazos de tempo con longos periodos de reposo para evitar o sobrepastoreo ou o infrapastoreo.
.- Desenvolver modelos económicos e sociais que fomenten a cooperación, poñendo as persoas, o reparto xusto e o coidado dos territorios no centro.