A setaria, unha planta resistente ao herbicida que está a minguar a produción de millo este ano

A mala herba, tamén coñecida como ‘rabo de raposo’, infestou parcelas no concello da Pastoriza e en zonas da Coruña, obrigando a colleitar o millo a maior altura para tratar de evitar deste xeito levar a semente para o silo. Falamos con algunha das granxas afectadas

Benito Lejo, de Gandería O Tombo, da Pastoriza, nunha das fincas de millo da explotación en Fonmiñá

Benito Lejo, de Gandería do Tombo SC, da Pastoriza, nunha das fincas de millo da explotación en Fonmiñá

O seu nome científico é Setaria viridis, pero en Galicia é coñecida como rabo de raposo pola forma da súa espiga. Esta gramínea é unha das malas herbas máis difíciles de erradicar no cultivo de millo e este ano está afectando a fincas en zonas de alta produción leiteira, como na Pastoriza ou en zonas da Coruña. O problema vénse engadir a unha campaña adiantada e de menor rendemento por mor da seca

Gandería do Tombo, ubicada en Fonmiñá (A Pastoriza), botou este ano 50 hectáreas de millo. A semana pasada ensilaron a metade e en boa parte das fincas a setaria obrigounos a cortar máis alto, baixando notablemente o rendemento forraxeiro, para non levar a semente para a casa e seguir estendéndoa polo resto de parcelas.

Os irmáns Marcial e Benito Lejo levan a granxa coa axuda de dous empregados. Están a muxir neste momento 130 vacas e teñen no millo a base da alimentación do gando. Por iso, a aparición desta mala herba, que é mala de erradicar, convértese nun “problemón”, din.

Empezamos a ter algo o ano pasado pero masivamente foi este ano

“Outros anos había algo, pero non masivamente coma este ano. Nos sitios onde aparece non medra o millo e seca antes”, describen. Aínda que tamén está presente noutras fincas da zona, pertencentes a outras ganderías, “quizais nas nosas é onde máis hai”, recoñece Benito.

“Non sei se foi que botamos máis purín e por iso andivémola estendendo tamén máis polas nosas parcelas ou que pasou, pero o purín sae da mesma fosa e, sen embargo, nunhas fincas témola e noutras non”, di.

Orixe descoñecida

Non son conscientes da orixe da praga pero desconfían dalgún insumo mercado como posible vía de entrada destas sementes á explotación. “Non sei se veu polo medio do cereal do penso ou na palla que usamos para estrar as becerras e para o carro das secas”, di Benito.

A mala herba comeza a verse xa tamén noutras fincas, pertencentes a outras ganderías veciñas, e temen que se siga a estender pola zona

Comezaron a detectar a presenza desta mala herba o ano pasado no bordo dalgunhas parcelas, pero este ano xa colonizou por completo algunhas fincas de millo e fixo aparición noutras moitas polas beiras, nas que temen que tamén siga avanzando.

“Hai fincas que só están afectadas pola beira, pero iso avanza cara dentro. Foi o que nos pasou este ano nalgunha que o ano pasado só tiñan polos bordos, porque aínda que teñas coidado á hora de ensilar acabas traendo semente para a casa e outra queda alí na terra, porque é unha planta que bota moita semente e nesta época está madura”, di Marcial. “Agora ao botar a herba, aínda que miremos de arar e fresar ben, esa gra queda alí toda na terra”, lamenta.

Menor produción

As fincas máis inzadas tiveron que segalas a medio metro de altura para non levar a semente para o silo

As fincas máis inzadas tiveron que segalas a medio metro de altura para non levar a semente para o silo

A presenza de setaria reduciu notablemente a produción das fincas, ademais de obrigalos a picar máis alto o millo, perdendo bastantes quilos de forraxe.  “Non sei se a calor que veu este verán beneficiou á setaria á hora de medrar e prexudicou ao millo, pero obrigounos a ensilar antes de tempo, porque onde está ela seca o millo”, argumenta Benito.  

Obrigounos a ensilar antes de tempo, porque onde está ela seca o millo

Para tratar de evitar que a setaria se siga estendendo ao resto de parcelas optaron tamén por elevar a altura de corte. “Nesas fincas démoslle alto ao millo para non coller moita herba, pero medra moito, por enriba dos 50 cm. En teoría non lle fai mal ás vacas pero se colles a espiga volves sementala en todas as terras o ano que vén”, xustifica.

Resistente ao herbicida

Marcial, xunto ao seu curmán, pechando o silo que fixeron a semana pasada

Marcial, xunto ao seu curmán, tapando o silo que fixeron o xoves pasado

De momento, salvo nalgunhas parcelas máis afectadas, nos bordos das parcelas é onde máis aparece. “En moitas parcelas se te metes cara o medio da terra xa hai moita menos, hai unha que outra pero non lle impediu ao millo medrar. É sobre todo nas esquinas, nos cadullos e onde non se ara ben é onde máis hai”, describe Benito. “Non sei se é un problema de manexo ou de ter fondado pouco”, di.

Nas esquinas, nos cadullos e onde máis pisamos e peor arado quedou é onde máis hai

A preparación das terras fana eles e logo contratan a sementeira e tamén o pase de herbicida cunha empresa de servizos agrarios da zona. “Arar aramos nós pero logo para sementar e sulfatar contratamos. Cando fixemos o tratamento co herbicida en post-emerxencia a setaria quedou branca e parecía que ía morrer, pero pasaron 8 días e volveu revivir”, di Marcial.

O herbicida non lle fixo nada, ao botarllo púxose amarela pero despois reviveu

“Dixéronnos tamén que pode estar relacionado con tratar moitos anos seguidos en post-emerxencia. E nós levamos 5 anos sen tratar en pre-emerxencia, porque moitas veces despois había que volver meterse igual nas fincas para os fariñentos. Gastas máis, pero ás veces é mellor gastar algo máis e ter as fincas limpas que telas así”, razoa.

Sen posibilidade de rotar as fincas

Gandería do Tombo dispón dun total de 54 hectáreas de superficie agraria. Dez delas quedaron sen millo este ano, ben porque son fincas costas ou porque non se adaptan ben ao cultivo. “Todo o que vale para millo labrámolo a millo”, recoñece Benito.

A escaseza de superficie dispoñible fai que teñan que labrar millo todos os anos nas mesmas terras

O silo de millo é a base da alimentación das vacas nesta granxa, pois representa dous terzos do contido forraxeiro da ración, fronte a un terzo do silo de herba. “Botamos uns 30 kg de millo e uns 15 de herba”, concreta.

“Non podemos deixar de botar millo porque entre secas e recría estamos alimentando 250 cabezas e con herba soa ou tes moita máis superficie, e aquí a base territorial está moi buscada, ou é imposible conseguir os quilos de materia seca que logras co millo”, asegura.  

Fincas produtivas

A produtividade das terras na Pastoriza é alta e, malia que este ano afectoulles a sexa e a sectaria, nas 26 hectáreas que Gandería do Tombo recolleu a semana pasada a media de produción foi duns 36.000 quilos por hectárea.

Tivemos unha perda de rendemento importante porque tivemos que colleitar máis alto para non levar a semente para a casa

“No que nos quedou para a segunda tandada o rendemento vai ser maior, porque ensilamos primeiro as fincas nas que o millo estaba secando, por ser parcelas máis enxoitas, e nas que tiñamos sectaria, onde tivemos unha perda importante porque tivemos que colleitar máis alto. Agora quedaron as fincas máis molladas, nas que o millo aínda está verde, e nas que vai haber máis produción”, explica Benito.  

Rotación con herba

En canto acaben de ensilar o millo, comezarán a arar as terras para labrar herba. “Algunha, as que están máis afectadas, deixarémolas a pradeira dous anos a ver se así facemos algo e podemos controlala. Iso obrigaranos a botar menos millo o ano que vén”, di.

As parcelas que renovamos este ano de novo, que levaban 2 anos con pradeira, esas non teñen nada, están limpas

“Se volvemos botar millo o ano que vén vai ser o mesmo conto, polo que nalgunha finca pequena imos probar a deixala dous anos a herba, porque nas que quedaron este inverno a barbeito, porque non demos entrado, ou levaban dous anos con herba non saíu”, conta Benito.

“É moi fastidiada de eliminar porque bota moita semente”

GANDERIA DO TOMBO (A Pastoriza) sectaria no milloJuan Valladares é tecnólogo do CIAM e responsable de cultivos da granxa de Mabegondo. Fai uns anos tiveron unha aparición de Setaria, que lles custou erradicar. “Entrounos por unha partida de esterco que non viña ben compostada. E unha vez que aparece, é moi fastidiada de eliminar porque bota moita semente”, asegura.

No seu caso, lograron combatela por medio de herbicidas. “Aínda que é moi difícil de controlar, hai herbicidas para ela”, afirma. E dá tres posibilidades: Dimetanamida, mestura de Mesotriona e S-metolacloro e Tembotriona en post-emerxencia temperá.

É unha planta moi agresiva, polo que hai que controlala en estado de plántula, cando ten menos de tres follas, porque senón despois xa é moito máis difícil

Pero advirte que é necesario tratala a tempo, nun estadío inicial. “Os herbicidas de agora en pre-emerxencia non controlan o 100%, son selectivos, polo que hai que estar moi pendentes. Esta é unha planta moi agresiva e hai herbicidas para ela en post-emerxencia, pero en estado de plántula, cando ten menos de tres follas, porque senón despois xa é moito máis difícil”, explica.

Outra opción para eliminala das terras sería practicar unha rotación de carácter plurianual. “Son plantas anuais e non aguantan o rebrote, polo que se deixas a finca a pradeira e a cortas cedo non ten capacidade de rebrote e xa a estarías controlando”, indica.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información