A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA celebrou esta mañá a súa poxa na que se mostran altibaixos nos prezos. En canto á recría, houbo un incremento en case todas as categorías, mentres que no vacún e os becerros carniceiros o prezo medio presenta subas e baixadas en función da categoría.
Na xornada de hoxe, transitaron polo recinto un total de 1.245 animais, dos cales 1.164 foron adxudicados, unhas cifras máis altas que a semana pasada.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 137 euros, 12 euros menos que na semana pasada; os de 21 a 50 días subiron 15 euros e quedan en 194 euros de media e, finalmente, os de máis de 50 días mantéñense nos 216 euros.
En canto aos de cruces industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 379 euros (+4 euros), mentres que as femias vendéronse a 258 euros (-42 euros). Os de 21 a 50 días chegaron aos 477 euros, cunha suba de 15 euros, e as femias incrementaron 16 euros o seu prezo medio, que quedou nos 324 euros. Finalmente, os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 617 euros (+10 euros) e as femias de 433 euros (+40 euros).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial baixaron o seu valor medio en 139 euros e fixaron un prezo medio de saída en 1.095 euros, mentres que as femias baixaron 96 euros, ata os 947 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.384 euros de media os machos (+60 euros) e as femias a 990 euros (-70 euros). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema quedan cun valor medio de 1.254 (+4 euros).
No vacún maior houbo baixada en dúas categorías e suba nas outras dúas. Así, a primeira (-34 euros) e a segunda (-47 euros) baixaron ata os 2.184 e 1.116 euros de media, respectivamente. Pola contra, na segunda a suba foi de 15 euros e alcanzou os 812 euros e nas de desfeito incrementouse o valor en 101 euros, chegando a un prezo medio de saída de 453 euros. Os animais poxados baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia baixaron o seu valor medio ata os 1.444 euros (-600 euros).
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino baixan con respecto á pasada semana. Así, o porco selecto págase a 1,755 euros e o normal a 1,730 euros, ambos baixan 0,02. Pola súa banda, os de canle II páganse a 2,247 e baixan 0,026, mentres que os de desvelle quedan igual que a pasada semana, en 0,76/0,82.
Nos leitóns , os exemplares chegados dunha única granxa están nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.
O mercado do ovo presenta subas. Nos da XL e a L o incremento foi de 0,04, quedando cun prezo de 2,92 e 2,32 euros. Os da M e a S o aumento foi de 0,02 e pagáronse a 1,97 e 1,68 euros, respectivamente.
O prezo do coello sobe 0,1 e está nos 2,3 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).