A orixe da Política Agraria Común (PAC) remóntase aos anos 50 do século XX, cando Europa arrastraba as consecuencias da Segunda Guerra Mundial e non era capaz de garantir un abastecemento de alimentos suficiente para a súa poboación. Naquel contexto, o apoio á agricultura e á gandería para que aumentara a súa produtividade volveuse clave. Foi esa necesidade a que desencadeou o nacemento no 1962 da PAC, unha política que cumprirá nuns meses 60 anos de éxitos, coas súas luces e sombras.
A historia da PAC e da agricultura europea é un espello da evolución das necesidades da sociedade. Analizando os cambios da PAC ao longo dos anos, pode verse como se pasou dun agricultor e gandeiro produtor de alimentos a unha agricultura multifuncional, é dicir, unha agricultura á que se lle esixen múltiples funcións.
A función prioritaria do agro continúa sendo a produción de alimentos, pero tamén se espera dos produtores que contribúan a conservar o medioambiente e a paisaxe, que fagan aportacións na loita contra o cambio climático e que axuden a manter comunidades rurais fortes. Para todas esas funcións presta apoios a PAC.
A importancia que se lle concede á Política Agraria Común na Unión Europea reflíctese na súa cota presupostaria, pois a PAC representa un terzo do presuposto comunitario. A diferencia doutras políticas, como a sanidade, a educación ou a de defensa, que son políticas nacionais con presupostos de cada Estado, a Política Agrícola Común é conxunta. Negóciase, páctase e presupóstase coa participación dos 27 Estados membros.
Repasamos a continuación os principais fitos da historia da PAC.
Primeira etapa: desde as orixes ata os anos 80 do século XX
O principal obxectivo co que naceu PAC foi o de conseguir un suministro estable e suficiente de alimentos a prezos accesibles para a poboación. Para iso estableceuse un sistema de prezos garantidos para os produtos agrarios, con importantes subvencións europeas. As medidas foron exitosas, pois nos primeiros anos da PAC a produtividade agrícola comezou aumentar a un ritmo dun 7% anual a axiña se puido garantir un autoabastecemento alimentario suficiente en Europa.
O problema foi que co tempo, ao aumentar a produtividade agrícola por riba da demanda, comezaron a xerarse importantes excedentes alimentarios. Eses excedentes obrigaron a destinar cuantiosos fondos a financiar medidas de intervención, como compras públicas de alimentos, apoios ó almacenamento privado ou axudas á exportación, para dar saída ós excedentes.
Segunda etapa: maior orientación ó mercado a partir dos anos 80
A existencia de importantes excedentes alimentarios en Europa obrigou á posta en marcha de sistemas de cupos á produción, como as cotas lácteas, creadas nos anos 80. En paralelo, iniciouse unha transición dunhas axudas ligadas á produción (alimentos con prezos garantidos) a unhas axudas que tiñan como obxectivo apoiar a renda dos produtores. Deste xeito, cumpríase un dobre obxectivo: evitábase a sobreprodución de alimentos e mantíñase o seu prezo a niveis accesibles para os consumidores.
Os cambios na PAC iniciáronse nos anos 80 e culminaron no 1992 coa coñecida como reforma McSharry, que buscaba que os agricultores tivesen unha maior orientación ó mercado.
O medioambiente cobra importancia
Outro dos fitos da reforma McSharry foi a introdución do medioambiente como elemento importante. No 1992 celebrárase en Río de Janeiro o Cumio para a Terra, que marcou un antes e un despois na conciencia ambiental a nivel mundial. Aquel Cumio sería trascendental para o nacemento posterior das axudas agroambientais na Política Agraria Común.
As agroambientais son unha liña de axudas, aínda vixente hoxe en día, que lle ofrece pagos ós agricultores por asumir de xeito voluntario compromisos medioambientais de boas prácticas, máis alá das esixencias das leis. Entre outras cuestións, prímanse prácticas como a reducción do uso de agroquímicos, a diminución da carga gandeira por hectárea ou a conservación de marxes das fincas sen cultivar, de cara a manter alí insectos polinizadores e outra fauna e flora auxiliar.
Terceira etapa: a Axenda 2000
Unha terceira etapa da PAC comezou a inicios do século XXI, cando se estableceu a política de desenvolvemento rural, coñecida a partir de entón como o segundo piar da PAC. É unha liña de traballo que fortalecía medidas que xa se iniciaran nos anos 90, como as axudas Leader, coa idea de apoiar ó conxunto das comunidades rurais, con axudas para sectores como a industria alimentaria, o sector forestal, o turismo ou as políticas municipais de servizos, entre outras liñas.
Nas axudas de desenvolvemento rural tamén entran apoios directos para o agro, como as axudas para persoas mozas que se incorporen ó agro ou os apoios para plans de mellora de explotacións, compra de maquinaria en común e outros.
A PAC quedaba así dividida nun primeiro piar (axudas directas ó agro) e nun segundo piar (axudas de desenvolvemento rural), unha estructura que se mantivo ata a actualidade.
O chequeo médico do 2008
Entre outras cuestións, esta reforma da PAC naceu coa idea de avanzar na redución das axudas acopladas, é dicir, para fortalecer as axudas disociadas da produción. Con iso buscábase un aumento da competitividade da agricultura europea nos mercados internacionais. Á vez, reducíanse prezos institucionais de intervención pública.
De xeito paralelo, esta reforma afondou en cuestións ligadas ó medioambiente, como a ecocondicionalidade das axudas da PAC. Esta ecocondicionalidade obriga ós agricultores a cumprir unha serie de boas prácticas agrarias se non queren enfrontarse a penalizacións nas súas axudas.
Cuarta etapa, unha PAC verde e boa para o clima
O rumbo da Política Agraria Común, que levaba xa anos de apoio a obxectivos medioambientais, virou definitivamente no 2013, cando se acordou a PAC 2014-2020. Era xa claramente unha PAC verde, na que cobraban protagonismo os pagos medioambientais, en especial o chamado ‘pago verde’ ou ‘greening’, ligado a compromisos como a rotación de cultivos e o mantemento de superficies de interese ecolóxico nas explotacións.
A estrutura das axudas directas quedou entón cos seguintes compoñentes principais: un pago básico, un pago verde, un pago complementario a agricultores mozos, unha axuda adicional á renda en zonas desfavorecidas ou de montaña, e apoios vinculados á produción en determinados sectores de interese social, como por exemplo o pago por vaca nodriza en vacún de carne.
Confírmase ademais nesta etapa a plena orientación da agricultura europea ó mercado, coa supresión de cupos de produción, como as cotas lácteas ou as cotas de azucre; así como a redución da rede de seguridade pública. É dicir, os prezos de intervención sitúanse nos niveis máis baixos das últimas décadas, de xeito que a Comisión Europea só procede a compras públicas de alimentos, como leite en po, cando os prezos están excepcionalmente baixos.
A conclusión é que o agricultor ten que producir ós prezos que marca o mercado e nos volumes que poida comercializar.
A reforma que vén: a PAC 2023 – 2027
A nova Política Agrícola Común, que se implantará a partir do 2023, afonda no camiño iniciado na anterior reforma, a busca dunha PAC verde aliada do clima. Coa nova Política Agrícola Común, un 40% dos fondos destinaranse a compromisos medioambientais dos agricultores. Boa parte deses fondos ambientais destinaranse ao pago dos chamados ecoesquemas, compromisos voluntarios que adoptan os agricultores para mellorar a biodiversidade e reducir o impacto do agro na emisión de gases de efecto invernadoiro, ligados ao cambio climático.
A PAC 2023-2027 bebe directamente das principais estratexias comunitarias en materia ambiental, como o Green Deal (Pacto Verde) ou a estratexia ‘Do Campo á Mesa’ (Farm to Fork), que entre outras cuestións, marca os seguintes obxectivos ambientais a procurar antes do 2030:
- Reducir un 20% o uso de fertilizantes
- Reducir un 50% o uso de pesticidas
- Reducir un 50% o uso de antibióticos
- Acadar un 25% de terras en agricultura ecolóxica, que na actualidade son un 8% no conxunto da UE