“Os propietarios forestais somos os maiores xestores de patrimonio cultural que hai en Galicia”. A afirmación, pronunciada por Xosé Covelo, director da Asociación Forestal de Galicia (AFG), resume o espírito da xornada que se desenvolveu recentemente no Monte Demostrativo de Mouriscados, no concello pontevedrés de Mondariz.
Baixo o título “O patrimonio cultural e a biodiversidade como servizos do ecosistema”, a AFG organizou unha sesión á que asistiron propietarios forestais, comunidades de montes veciñais en man común, técnicos e persoas interesadas na xestión sostible do monte galego.

Dámonos de conta de que os grandes posuidores e custodios dese patrimonio son os propietarios forestais, tanto comunidades de montes como particulares
Os servizos ecosistémicos: máis alá da madeira
Xosé Covelo presentou unha idea central: o monte non só produce madeira. Ofrece, dixo, múltiples servizos ecosistémicos, por exemplo, conservación da biodiversidade regulación da auga e da erosión, usos sociais ou aspectos culturais. Entre eles, o patrimonio cultural é un dos máis esquecidos e, paradoxalmente, un dos que están máis presentes nos montes galegos.
“Cando pensamos en patrimonio cultural -sinalou Covelo- lembrámonos da Catedral de Santiago. Pero se empezamos a sumar petróglifos, mámoas, castros, camiños históricos, muíños, cruceiros e outras construcións, dámonos de conta de que os grandes posuidores e custodios dese patrimonio son os propietarios forestais, tanto comunidades de montes como particulares”.
Ese patrimonio, en ocasións, pode beneficiarse de axudas públicas para a súa conservación, aínda que son escasas e insuficientes, como recoñeceu o propio Covelo. O director da AFG percorreu diversos exemplos extraídos da realidade dos montes veciñais: desde a Sobreira da Peneda, unha árbore senlleira que conseguiu máis de 12.000 euros en axudas para a súa conservación, ata os traballos de posta en valor dunha antiga mina romana no río Miño ou a recuperación dun muíño tradicional en Crespos.
Tamén existe a posibilidade captar patrocinios ou doazóns a través dos servizos ecosistémicos certificados.

Limitacións, burocracia e oportunidades
O patrimonio é un elemento positivo para os propietarios, pero Covelo non ocultou as dificultades. Falou das zonas de afección que delimitan a protección de elementos patrimoniais -20 metros para elementos etnográficos, 50 para vías culturais, 100 para arquitectura tradicional, 200 para arqueoloxía- e das trabas burocráticas que poden desalentar ós propietarios.
Os propietarios forestais temos moitos deberes, pero tamén deberiamos ter dereitos. Debería haber bonificacións ou axudas para poder cumprir con estes deberes
Covelo puxo o exemplo dun polígono industrial cuxa delimitación de protección patrimonial, dixo, “esquivaba todo o polígono tal cal”, excluíndo a área industrial para non afectar os intereses económicos. Unha mostra, na súa opinión, da desigualdade de trato entre diferentes actores do territorio.
Tamén reivindicou unha maior sensibilidade da administración: “Os propietarios forestais temos moitos deberes, pero tamén deberiamos ter dereitos. Debería haber bonificacións ou axudas para poder cumprir con estes deberes”. Lembrou que, mentres restaurar un tramo da Catedral de Santiago pode recibir millóns de euros, “non hai ningunha liña específica para restaurar un muíño ou consolidar un pequeno elemento patrimonial”.
O monte ben xestionado e razoado pode ser un gran aliado do patrimonio cultural
Asociacionismo
A pesar diso, o seu discurso foi optimista. Animou ós asistentes a ser proactivos: buscar subvencións, agruparse con outros propietarios, aproveitar oportunidades como as axudas para prevención de incendios.
“Se pedimos unha axuda para desbrozar cun tractor, aforramos 1.000 euros por hectárea respecto do traballo manual. E se ademais planificamos ben, podemos poñer en valor o patrimonio ao mesmo tempo”. “O monte ben xestionado e razoado pode ser un gran aliado do patrimonio cultural”, concluíu. “Non son opostos”.

Visita á necrópole de Chan de San Tomé
O escenario da xornada non foi casual. O Monte Veciñal de Mouriscados (Mondariz) ten unha superficie de 291 hectáreas e é, desde 2022, un Monte Demostrativo que serve de exemplo de boas prácticas de xestión forestal sostible. Neste espazo conviven a produción de madeira de calidade con actividades complementarias como a apicultura. Pero o seu verdadeiro valor engadido reside na súa riqueza patrimonial.
Asentamentos fortificados, mámoas e petróglifos son testemuñas do enorme interese histórico deste espazo
Mouriscados comparte coa parroquia veciña de Guillade unha gran riqueza arqueolóxica. No conxunto do Campo do Mouro atopáronse xacementos que abranguen desde o Neolítico ata a Idade Moderna. Máis de 5.000 anos de historia dos que quedan, entre outros restos, a necrópole neolítica da Chan de San Tomé, formada por unha decena de mámoas.

A este xacemento súmanse o Coto do Santo, con restos de ocupación humana da Idade de Bronce, da Idade de Ferro, e tamén de finais da época romana e o inicio da Idade Media. Asentamentos fortificados, mámoas e petróglifos son testemuñas do enorme interese histórico deste espazo e do esforzo que supón para a comunidade de Mouriscados conservar o patrimonio arqueolóxico no medio forestal.
Durante a visita, guiada polo arqueólogo Alberte Reboreda, os asistentes percorreron esta necrópole e puideron coñecer in situ os detalles das mámoas, a súa cronoloxía e o seu significado histórico. Reboreda compartiu ademais relevantes aspectos da ocupación humana da zona -desde o Neolítico ata a Idade Media- e explicou como a xestión forestal sostible pode compatibilizarse coa posta en valor do legado arqueolóxico.
Unha plataforma luso-galega de boas prácticas
A xornada arrincou coa presentación da Plataforma Melhor Floresta, a cargo de Lurdes Barbosa, do Departamento de Formação e Apoio a Associados da Forestis – Associação Florestal de Portugal. Esta plataforma, enmarcada na Agenda Transform e cofinanciada pola Unión Europea a través do programa NextGenerationEU, nace co obxectivo de promover boas prácticas forestais que constrúan “unha floresta máis resiliente aos riscos e que sexa alvo dunha xestión activa”.
Barbosa explicou que a plataforma funciona como unha rede que conecta entidades de ambos os países -desde organizacións de produtores ata institucións académicas- para diseminar coñecemento entre propietarios, técnicos, comunidades e axentes políticos.
O camiño que estamos a facer -sinalou Barbosa- é para que a xente quede máis atenta e máis esperta cara estes problemas
“Os problemas son moi parecidos: minifundio e abandono”
Durante a quenda de preguntas, xurdiu un debate espontáneo sobre as dificultades comúns que enfrontan os pequenos propietarios forestais en Galicia e Portugal. Lurdes Barbosa recoñeceu que a realidade é “moi variada segundo a zona”, pero subliñou unha coincidencia fundamental: a dificultade para que os propietarios se asocien e a fragmentación da propiedade.

“O camiño que estamos a facer -sinalou Barbosa- é para que a xente quede máis atenta e máis esperta cara estes problemas”. E puxo un exemplo moi gráfico, extraído da súa propia experiencia familiar: “A miña nai ten 30 parcelas. E non se pode facer nada. A única solución que existe é xuntar, agrupar. Non hai outra hipótese”. Unha reflexión que escoitaron con complicidade os asistentes galegos, familiarizados coa mesma realidade de minifundio e abandono.
Barbosa explicou que, tanto en Portugal como en Galiza, existen asociacións que precisan ser revitalizadas, e que o gran reto é conseguir que os propietarios sintan a necesidade de participar activamente na xestión dos seus montes.
Un camiño por percorrer
A xornada puxo de relevo tanto os avances como as materias pendentes. A certificación de montes en servizos ecosistémicos -como xa fixeron os montes de Vigo ou a propia zona de Mouriscados- é unha ferramenta ao alcance das comunidades que recoñece o seu traballo. Porén, a falta de liñas de financiamento específicas para o patrimonio cultural nos montes segue a ser unha eiva estrutural.
Os montes galegos non son só almacéns de carbono ou produtores de madeira. Son tamén bibliotecas de pedra, memoria en pé, paisaxe cultural viva. E quen os custodia -comunidades de montes, veciños, pequenos propietarios- merecen que ese labor sexa visibilizado, apoiado e financiado. Toda a riqueza natural e cultural do Monte de Mouriscados demostra que unha xestión forestal sostible pode conservar, protexer e mesmo potenciar bens fundamentais para as sociedades. O camiño xa está trazado. Falta percorrelo con decisión.

Galego







Control OJD