O sábado 7 e domingo 8 de xuño celébrase a primeira experiencia piloto da marca “Saberes do Monte”, no marco do proxecto RURALtXA!, centrado na conservación da biodiversidade mediante a bioeconomía.
Cinco restaurantes dos concellos de Abadín (Casa Goás), Barreiros (Hotel Rías Altas), O Valadouro (restaurante Asturias), Foz (Hotel Oca) e Mondoñedo (A Taberna da Galiana) ofrecerán pratos e tapas especiais elaborados con carne de tenreira, poltro e mel da Serra do Xistral.
O programa comezará o sábado 7 de xuño, de 11:30 a 13:30 horas, no restaurante Asturias de Ferreira do Valadouro, coa presentación oficial da marca “Saberes do Monte”. Tamén haberá un showcooking a cargo dos chefs Juan Rubiños (II Farabutto, Lugo) e Bruno Pena, da Asociación Cociñeiros de Lugo.
O domingo 8 completarase a experiencia coa ruta guiada “Roteiro do Saber”, unha actividade de ecoturismo para coñecer o papel da produción local na conservación de ecosistemas como turbeiras e queirogais grazas a técnicas tradicionais.
A actividade é gratuíta e inclúe transporte desde Abadín (ás 9:00h) e O Valadouro (ás 9:45h). As guías serán Boris Vilar, Ana Pena e a Comunidade de Montes de Miñotos. A inscrición debe facerse mediante formulario online.
Ademais, o venres, o alumnado dos CEIP Santamaría (O Valadouro) e Aquilino Iglesias (Abadín) degustará carne de tenreira Saberes do Monte no comedor escolar.
RURALtXA! e Saberes do Monte
RURALtXA! é un proxecto impulsado polas universidades galegas e a Fundación HAZI para conservar hábitats de alto valor ecolóxico en Galicia e o País Vasco, promovendo ao mesmo tempo modelos sostibles de bioeconomía.
En Galicia, céntrase nas serras do Xistral, Monte Maior, A Faladoira e A Groba. No seu marco nace a marca Saberes do Monte, que identifica produtos destas zonas que contribúen á conservación ambiental e ao desenvolvemento rural.
Galego






Control OJD