“Sería interesante que as ganderías de cachena cebaran os xatos para mellorar os rendementos cárnicos”

O CIAM presenta os resultados dun ensaio levado a cabo con becerros dun ano de idade alimentados nos 3 meses finais cunha ración de penso e herba seca e outra de carácter forraxeiro coas que se conseguiu un peso vivo de máis de 200 quilos e unha ganancia media de case un quilo por animal e día

Un dos lotes de becerros cebados nas instalacións do CIAM dentro do proxecto de investigación

Un dos lotes de becerros cebados nas instalacións do CIAM dentro do proxecto de investigación

A raza cachena, orixinaria da zona montañosa transfronteiriza que ocupa o parque natural do Xurés, que comparten municipios ourensáns e portugueses, atópase en proceso de recuperación desde o ano 1990.

Na actualidade o censo total de animais está composto por 4.607 cabezas, das que 3.174 son reprodutoras repartidas polas 166 ganderías que traballan con esta raza, que teñen unha media de 27 cabezas.

A calidade da carne de cachena está a facer que sexa cada vez máis demandada polo consumidor pero a maioría das explotacións fan unha cría en extensivo dos animais en terreos de monte e venden os becerros sen un periodo de cebo de finalización, polo que o menor peso das canais nos matadoiros fai que o rendemento acadado polos produtores sexa baixo.

Os matadoiros buscan quilos, o que fai que o rendemento económico para os produtores de cachena sexa baixo

Pero o alto índice de conversión desta raza faría factible un cebado semellante ao que se aplica de xeito habitual a outras razas cárnicas, o que melloraría notablemente o peso dos animais sacrificados.

“Para o abandono do estado de perigo de extinción destas razas é imprescindible que a súa produción acade un rendemento económico axeitado”, asegura Teresa Moreno, investigadora do departamento de Produción Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e coordinadora dun proxecto no que tamén colaboran os seus compañeiros Santiago Crecente e Carmen Calvo e cuxos resultados foron presentados este xoves.

Para a recuperación da raza é imprescindible que a súa produción acade un rendemento económico axeitado

Ademais, as conclusións do estudo demostran que a raza cachena, pola súa maduración temperá, é apta para un engorde final que mellorara a calidade da canal en canto a conformación e engraxamento mantendo as características organolépticas propias.

Cambio de orientación produtiva das explotacións

As características produtivas da raza cachena permiten a súa cría en terreos abruptos e con poucos recursos herbáceos debido á rusticidade e á gran adaptación ao medio. A súa morfoloxía de tamaño medio fana máis axeitada para o seu manexo en extensivo.

As vacas cachenas teñen unha grande facilidade de parto e son reprodutoras con moi boas cualidades maternais, permitíndolles amamantar ás crías ata o destete

Por iso, a orientación produtiva actual da maioría das explotacións de raza cachena é a produción de carne de baixo custo a partir dunha alimentación baseada no amamantado e o aproveitamento do pasto herbáceo e arbustivo de pradeiras e zonas de monte.

Necesidade dun cebo final

Sen embargo, o seu ritmo de crecemento, máis moderado, fai que sexa recomendable un remate final con concentrados para incrementar o seu rendemento cárnico e a calidade da canal, algo que non están a facer a maioría das ganderías.

O índice de conversión da raza cachena é máis alto que o de outras razas de referencia, como a rubia galega

“O que estamos vendo a nivel produtivo é que nos encontramos con canais moi pequenas e con pouco peso pero é unha raza que ten un índice de conversión moi bo e que con pouco que a alimentes consegues finalizacións moi boas. O que pasa é que estamos acostumados a vela no monte comendo case calquera cousa”, argumenta Teresa. 

Optimización do pasto e o leite materno

Pero esta investigadora, que leva anos estudando a raza e en contacto cos produtores de cachena, afirma que “está a haber un cambio nos últimos anos porque de ser unha raza que estaba no monte comendo o que había, están xurdindo produtores cun sistema mellorado e máis profesionalizado”, di.  

O ideal sería que os partos fosen en outono para ter os xatos coas nais até finais de maio para que chegasen ao cebo en mellores condicións

Por iso, considera que “cun manexo do rabaño que permita un mellor aproveitamento do pastoreo e da lactación materna e cun cebo adecuado estes produtores obterían resultados moito máis favorables para eles á hora da comercialización da carne”. 

Os becerros cebaríanse durante os 3 meses do verán, polo que podería facerse ao aire libre

O ideal, di, sería unha adaptación do sistema natural de cría en extensivo cunha concentración de partos en outono para lograr unha maior produción láctea da nai e un alongamento da lactación grazas ao maior aproveitamento do pasto de primavera tanto por parte das nais coma dos propios becerros para, unha vez destetados no mes de maio, pasar a un cebo intensivo que se podería levar a cabo ao aire libre durante os tres meses de verán. 

Unha raza delicatesen

CIAM Proxecto Miña Terra cachena

Ao acto deste xoves no CIAM acudiron gandeiros que xa teñen a raza cachena ou están interesados nela

A cachena é unha raza pouco estudada aínda desde o punto de vista científico e da que non había até agora datos de ganancias medias diarias con pesaxes e control da inxesta así como sobre a influencia da dieta na calidade da canal e da carne desde o punto de vista da análise físico-química e nutricional e do perfil lipídico de ácidos graxos.

A cachena é unha raza de maduración temperá que acumula moita graxa infiltrada que fai que a carne sexa moi xugosa 

“Ao ser unha raza de maduración temperá en comparación coa rubia galega, que é todo o contrario, unha raza de maduración lenta, a nivel de calidade da carne atopámonos parámetros moi beneficiosos porque son animais que acumulan moita graxa e graxa infiltrada e iso fai que teña a nivel organoléptico características de xugosidade e textura con moi boa aceptación por parte do consumidor”, destaca. 

A importancia do control de enfermidades

Un dos aspectos salientables nos que Teresa Moreno fai fincapé é na necesidade de concienciar aos produtores dos beneficios de mellorar o estado sanitario dos rabaños e o control de enfermidades infecciosas como IBR, paratuberculose ou neosporose. 

En Galicia, moi poucas ganderías de cachena forman parte a día de hoxe de Asociacións de Defensa Sanitaria e levan a cabo protocolos de control de enfermidades

“É moi importante nesta raza o tema sanitario porque son animais que están fóra e a IBR está bastante extendida”, indica. Iván Mato, técnico de vacún de Laboratorios Hipra, insistiu tamén nesta idea na súa ponencia sobre as enfermidades infecciosas do gando vacún en extensivo, que despertou grande interese entre os gandeiros presentes. Explicoulles que a partir de 2023 vai ser obrigatorio a nivel nacional que todas as razas fagan control de IBR, dado que outros países europeos, como Alemaña, Holanda ou Francia teñen moito máis avanzado o control da enfermidade. 

A partir de 2023 serán obrigatorios en todas as ganderías controis de IBR, unha enfermidade bastante estendida entre a cabana cachena gallega

Os animais que participan no ensaio foron adquiridos xa destetados en distintas explotacións galegas. Eran xatos que estaban no monte, polo que o primeiro que se lles fixo ao chegar ao CIAM foi sometelos a un periodo de corentena e realizarlles unha serie de controis sanitarios e protocolos de vacinación. 

“Durante a etapa de cebado vimos que aos becerros que veñen con algún tipo de enfermidade ou chegan máis desfavorecidos desde o punto de vista sanitario cústalles máis engordar e a súa ganancia de peso é menor”, evidencia Teresa. 

Catro categorías de animais

Este proxecto piloto, denominado Optimización da dieta de cebo nas diferentes categorías da raza cachena, está liderado por Miña Terra e o Agacal-CIAM e financiado con fondos Feader e busca fomentar entre os produtores galegos de cachena o hábito de cebar os seus animais. Por iso, gandeiros de cachena de toda Galicia foron convidados a participar este xoves na presentación das conclusións do estudo e na visita posterior ás instalacións do CIAM onde se está a proceder ao cebo dos animais. 

O proxecto iniciouse en 2021 co obxectivo de estudar o efecto de dous tipos de cebo (convencional a base de penso e herba seca e forraxeiro cunha ración formada por grao de millo doce e silo de cereal máis oleaxinosa) nas diferentes categorías de animais de raza cachena (becerro de entre 10 e 12 meses de idade, novillos castrados machos de menos de 48 meses de idade, novillas femias de menos de 48 meses de idade e vacas de desvelle de máis de 5 anos) sobre os parámetros produtivos e as características da canal así como sobre a calidade organoléptica e nutricional da carne.

O estudo iniciado en becerros ampliarase a novillos machos e femias e a vacas de desvelle

Neste momento concluíuse a primeira fase do estudo, co cebo de dous lotes de becerros, que se levou a cabo entre os meses de outubro e xaneiro nas instalacións do CIAM. O cebo prolongouse durante 100 días e realizouse a cuberto ao coincidir cos meses de inverno e poder ter un control máis preciso da inxesta dos animais.

A continuación iniciarase o ensaio nas seguintes categorías, comezando polas xovencas femias, que serán cebadas fóra, ao aire libre, co obxecto de adaptarse máis ao sistema de manexo e ao modo habitual de traballo das explotacións de raza cachena existentes en Galicia.

“Buscamos unha ración para cebar os xatos a base de forraxes cultivadas na propia explotación”

Un dos lotes foi alimentado con penso e herba seca e outro cunha ración forraxeira

Un dos lotes foi alimentado con penso e herba seca (esquerda) e o outro cunha ración forraxeira (dereita)

Javier Blanco é veterinario e forma parte do proxecto Miña Terra, unha iniciativa posta en marcha por técnicos e produtores para dar difusión ás razas autóctonas e aos sistemas extensivos de producción. Pretenden servir de nexo de unión entre investigación, producción e cliente final, aportando datos técnicos a toda a cadea, desde os gandeiros aos consumidores. Esa labor de promoción xa comezaron a facela a nivel de hostelería, con datos sobre as características físico-químicas e organolépticas da carne, e buscan facela tamén entre os gandeiros, aportando pautas sobre manexo e alimentación en base aos resultados obtidos en distintas investigacións.  

Javier está a colaborar co proxecto que está a levar a cabo o CIAM co asesoramento en materia nutricional na elaboración das racións para o gando e explica os motivos de ter optado por probar unha dieta a base de forraxes e comparar os resultados con outra baseada no tradicional sistema de cebo con penso e herba seca. 

Na promoción desta raza deben primar os parámetros de calidade da carne e de sostibilidade das explotacións, porque é una especie que optimiza os recursos dispoñibles no seu entorno

“Cos altos prezos que están a ter hoxe os pensos, buscamos unha ración para cebar os xatos a base de cereais, leguminosas e oleaxinosas que poidan cultivar as propias explotacións para abaratar custos”, conta. Pero máis alá do aforro económico, está tamén buscar a coherencia para as ganderías de razas autóctonas en extensivo. “Non se trata só de buscar sistemas que compitan co penso, é importante tamén a percepción do cliente final deste tipo de carne, que valora a calidade do produto e tamén o modo de produción, é dicir, que a gandería sexa autosuficiente e sostible”, engade. 

Potenciar o cultivo de millo e o cereal con leguminosa para o vacún de carne

Esta ración alternativa ao penso estaría formada por grao húmido de millo e silo de cereal (triticale, avea, centeo ou cebada) con leguminosa (veza ou chícharo), máis un aporte de aceite de liñaza ou de pipa de xirasol. “A diferenza é que a liñaza sería un insumo que as ganderías terían que mercar mentres que o xirasol poderían cultivalo tamén elas mesmas”, explica Javier. 

Preténdese potenciar o millo para alimentar o vacún de carne e a rotación con cereal máis leguminosa como cultivo de inverno. En función das zonas faríanse diferentes mesturas buscando aquelas máis axeitadas. “As explotacións de cachena teñen normalmente pouca carga gandeira e bastante superficie, moita dela de monte, pero case todas terían 4 ou 5 hectáreas boas para facer unha rotación anual de millo con cereal de inverno e sen embargo non o están facendo”, argumenta. 

A ración alternativa ao penso sería máis barata pero esixiría un maior tempo de ceba para acadar resultados equiparables

A ración está pensada para ser elaborada mediante carro mesturador ou dispensación manual por parte dos gandeiros, aínda que no caso do ensaio levado a cabo no CIAM preparouse xa mesturada en rolos de silo individuais para facilitar o seu manexo e o control da inxesta, o que encareceu notablemente o seu custo final. 

Conclusións do estudo

estudo cachenas CIAM1Da comparación dos resultados obtidos coas dúas racións empregadas para o cebo dos dous lotes de animais en estudo conclúese que a ración con penso permite obter uns mellores resultados produtivos. “O grupo en base a penso tivo ganancias máis elevadas (0,92 quilos/día fronte a 0,78) e resultados de peso canal (105,25 quilos fronte a 94,75) e rendemento canal (48% fronte a 46%) tamén mellores”, explica Teresa. 

A canal dos becerros de raza cachena caracterízase por un rendemento cárnico do 48%, cunhas porcentaxes do 66% no cuarto traseiro, que é onde se atopan as pezas de maior valor comercial

“A ración forraxeira, tal como foi elaborada, esixiría máis tempo de cebo para igualar os resultados da ración con penso. Doutro xeito, deberíamos concentrar máis a ración forraxeira, aumentando a proteína bruta e diminuíndo a fibra bruta, para lograr un maior rendemento produtivo”, indica.

“Os animais comeron menos do estimado pero converteron moi ben. Quedamos curtos coa proteína, tanto na ración de penso como na de forraxe, na que habería tamén que subir a enerxía para logar unha maior concentración da ración”, detalla Javier. 

Concentrar a ración forraxeira

estudo cachenas CIAM2

O cebo foi intensivo, con alimentación a demanda durante 3 meses, cuantificando os quilos de inxesta: 5,17 kg/becerro/día (4,58% MS) no caso da dieta con penso e 12,2 kilos (3,54% MS) no caso do rolo de forraxe. O peso vivo medio no inicio do ensaio (becerros machos de 8 meses de idade) era de 125 quilos e o resultado acadado tras 100 días de cebo foron 218 quilos de peso vivo no lote de penso e 207 kilos no lote con forraxe. 

Hai que modificar a ración forraxeira cunha formulación diferente, incrementando a materia seca e a proteína

Fixéronse pesadas de cada animal cada 15 días para cuantificar as ganancias de peso e os índices de conversión e unha vez sacrificados realizouse tamén unha comparación da clasificación das canais no matadoiro e unha comparativa das analíticas realizadas á carne, un aspecto no que colaborou o Centro Tecnolóxico da Carne. 

Niveis de graxa infiltrada

estudo cachenas CIAM3

“A calidade desta raza é moi apreciada polo consumidor polo seu gusto característico, proporcionado principalmente por atributos de xugosidade e tenrura debido ao seu alto contido en graxa intramuscular, que ademais se atopa ben distribuída e infiltrada”, explica Teresa.

Os contidos de graxa infiltrada foron lixeiramente maiores no caso do cebo con penso

Os niveis de graxa intramuscular, que se moven na categoría becerro entre 1,5 e 2% na raza cachena fronte a niveis inferiores ao 1% no caso da rubia galega, son os que determinan a textura da carne, medida como forza necesaria ou resistencia ao corte. 

Perfil lipídico

estudo cachenas CIAM4

Non se observaron diferenzas significativas na clasificación da canal nin na calidade físico-química da carne entre as dúas dietas, pero si no tocante á composición de ácidos graxos da carne. “Deberiamos empregar na ración forraxeira semente de liñaza no canto de pipa de xirasol, que ten un perfil de ácidos grasos saturados maior”, considera Teresa.

A relación omega6/omega3 é máis favorable cebando con forraxes ca con concentrado

A cría e a alimentación natural en extensivo favorecen un nivel elevado de ácidos graxos cardiosaudables (omega3, omega6 e CLA) e a relación omega6/omega3 é máis favorable no caso do cebo a base de forraxes con respecto ao cebo con penso, posto que o concentrado caracterízase por ter un alto contido en omega6 e un baixo contido en omega3. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información