Seragro converte en telemáticas as súas xornadas técnicas de vacún de leite de 2021

A organización opta por este formato ante as posibles restricións pola evolución da pandemia. As sesións celebraranse en horario de tarde o 18 de setembro, os días 18 e 19 de outubro e os días 18 e 19 de novembro

Seragro converte en telemáticas as súas xornadas técnicas de vacún de leite de 2021

Instante da presentación da programación este xoves na Deputación de Lugo.

Seragro presentou este xoves unha nova edición das súas Xornadas técnicas de vacún de leite. Despois de que a pandemia obrigase a suspendelas o pasado ano, esta XVIII edición estará de novo condicionada, en certa medida, pola pandemia. Así, a organización optou por converter en telemáticas as xornadas, ante a posibilidade de que existan limitacións de aforo.

“Aínda que a situación actual é mellor que o ano pasado, non hai garantías de que a maioría de idade das xornadas se poida celebrar como nos gustaría, por iso, serán en formato dixital”, explicou Víctor Manrique Arroyo, presidente de Seragro SCG, durante a presentación.

Nesta XVIII edición abordaranse cuestións como a mellora das instalacións e a súa repercusión no benestar animal, o compromiso continuado do sector produtor de leite coa loita fronte á resistencia de antibióticos, a saúde animal desde o primeiro día ou a mellora na eficiencia alimentaria, entre outros temas.

As xornadas celebraranse de forma telemática os días 18 de setembro, 18 e 19 de outubro e 18 e 19 de novembro. Todas as xornadas serán en horario de tarde, a partir das 15:30 horas. As persoas interesadas (gandeiros, profesionais e estudantes) poderán seguilas dende as súas casas. Nas proximas semanas, desde Seragro informarán sobre como acceder ás distintas citas.

A importancia das xornadas para o sector

A presentación do programa das xornadas levouse a cabo no salón de actos do Pazo de San Marcos, sede da Deputación Provincial de Lugo, e contou ademais coa participación do deputado da área de Recursos Sustentables, Roberto Fernández Rico; e o veterinario José Antonio Montoiro González.

Fernández Rico destacou a relevancia deste foro e incidiu en que o sector primario é fundamental para o presente e para o futuro da provincia de Lugo, pois a actividade agrogandeira e forestal xera riqueza e emprego, ademais de favorecer a tan necesaria ordenación do territorio. “Citas como estas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, repercuten na mellora da calidade de vida dos propios profesionais, no benestar animal, na rendibilidade das explotacións e nunha mellor calidade e valor do produto, e, por tanto, no dinamismo social e económico da provincia”, subliñou Fernández Rico.

O deputado tamén quixo destacar algúns dos proxectos da institución centrados no sector leiteiro como a Granxa Gayoso Castro, onde se atopa a Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro público experimental de Galicia que xunta formación e investigación sobre o sector lácteo. Ademais, incidiu no apoio económico que a entidade supramunicipal ofrece a estas xornadas, cun aporte de 12.000 euros.

Pola o seu parte, Manrique lembrou que convivencia, intercambio, formación e información son as bases nas que se asentan estas xornadas de Seragro e sobre as que comezaron hai 18 anos, pensadas para ser un punto de encontro no que ofrecer información e experiencias útiles aos gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información