‘Nutri-score’, un semáforo dietético na etiquetaxe de alimentos que xera receos en España

A Federación de Nutrición reclama melloras nos criterios nutricionais que rexen a etiquetaxe Nutri-score para que se axuste máis á dieta mediterránea e teña en conta aspectos como a calidade e cantidade de graxas ou o tipo de proteína dos alimentos

‘Nutri-score’, un semáforo dietético na etiquetaxe de alimentos que xera receos en España

A etiquetaxe frontal Nutriscore prevé implantarse en España nestes primeiros meses de 2021. // Foto de arquivo.

Nas últimas semanas volveuse a avivar o debate en torno ao sistema de etiquetaxe frontal Nutri-score, que o goberno español pretende incorporar aos alimentos nos primeiros meses deste 2021. A valoración que algúns alimentos básicos da dieta mediterránea ou atlántica obteñen cos parámetros deste sistema está a suscitar as críticas e receos dos expertos en nutrición.

nutriscore-

O sistema Nutri-score propón un sistema de cores e letras para clasificar os alimentos.

Un semáforo nutricional

O sistema Nutri-score é unha etiquetaxe utilizada en países como Francia ou Bélxica que se focaliza na cantidade de calorías, azucres, sodio e graxa saturada que contén o alimento. É un algoritmo que atribúe puntos positivos e negativos en relación coa cantidade destes nutrientes nunha sorte de semáforo nutricional, de 5 cores (do verde a vermello) e 5 letras (da A á E). Desta maneira, os alimentos clasificados coas letras A e B (en cor verde) serían os máis saudables, mentres que a letra E e D (en cor vermella e ámbar) atoparíase entre os máis prexudiciais. Trátase dun semáforo similar ao utilizado noutros ámbitos, como á hora de avaliar a eficiencia enerxética dos aparellos eléctricos.

Un dos exemplos máis comentado nos últimos días está a ser o caso do xamón ibérico, valorado segundo este sistema como menos saudable que os refrescos polo seu contido en sal e graxas, sen chegar a ter en conta outros factores que son determinantes, segundo os expertos, á hora de clasificar un alimento. Tamén o aceite de oliva atopouse nunha situación similar, o que motivou que desde o Ministerio de Consumo anunciasen xa que quedará fóra, xa que o algoritmo non recolle os seus beneficios nutricionais.

“É necesario mellorar os criterios nutricionais de implantación de Nutri-score en España”: Ascensión Marcos, presidenta de Fesnad

Este luns, a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (Fesnad) presentou nun webinar as principais conclusións da análise deste sistema de etiquetaxe. Aínda que o colectivo móstrase a favor dunha etiquetaxe frontal que amose ó consumidor información clara sobre o valor nutricional dos alimentos, o sistema Nutri-score tampouco convenceu aos nutricionistas. “É necesario mellorar os criterios nutricionais de implantación de Nutri-score en España”, explica a doutora e presidenta de Fesnad, Ascensión Marcos Sánchez.

As súas principais deficiencias: non é todo o claro que debese á hora de ofrecer información nutricional e tampouco se adapta á dieta mediterránea, segundo reiterou a experta. “A etiquetaxe frontal debe ser comprensible, práctica, neutral e adaptada aos hábitos alimentarios e as guías alimentarias da poboación á que vai dirixida, e isto non ocorre con Nutri-score”, detalla Marcos.

Critican que o algoritmo enmascara os puntos desfavorables, o que xera dúbidas ao consumidor

O cálculo do algoritmo que guía o etiquetado de Nutriscore é un dos puntos máis conflitivos deste sistema. “O cálculo realízase a partir da cantidade de enerxía e dalgúns nutrientes por 100 gramos ou 100 mililitros e da porcentaxe de presenza de certos alimentos, sen considerar a porción nin a frecuencia”, detalla a presidenta de Fesnad. Ademais, “o algoritmo non está ben ponderado, e a presenza dalgúns puntos favorables enmascara os puntos desfavorables, o cal non é cientificamente razoable e xera dúbidas ao consumidor”, indica Marcos.

Mellorar os criterios nutricionais

Outro dos aspectos nos que inciden desde Fesnad á hora de valorar este sistema é o feito de que se avalíe con criterios distintos os alimentos e as bebidas. Ademais, tampouco se considera o grao de procesamento dos alimentos, o que deixa con mellores puntuacións a elaboracións procesadas fronte a alimentos frescos. Dase o caso tamén que un mesmo alimento obteña igual puntuación aínda cando foi sometido a algún proceso que altera o seu valor nutricional. “Observamos que os anacardos naturais tiñan a letra C, pero os fritos tamén tiñan a C”, indica a doutora.

Os nutricionistas tamén cuestionan que o sistema Nutri-score non distingue a calidade e procedencia da proteína dos diferentes alimentos. Tampouco diferencia a cantidade e calidade da graxa presente, xa sexan acedos grasos monoinsaturados e poliinsaturados. Os lácteos son outros dos alimentos nos que o sistema Nutri-score non chega a valorar o achegue nutricional e os beneficios da graxa láctea, deste xeito sempre obteñen unha mellor valoración os produtos desgraxados. “Este sistema non considera o valor esencial de minerais, vitaminas, nin doutros compostos bioactivos, con funcións fisiolóxicas imprescindibles para unha boa nutrición”, sinala Marcos.

Nutri-score tampouco ten en conta a cantidade de nutrientes no seu conxunto, só estima os ingredientes

Fesnad tamén apunta que outro inconveniente deste sistema é que non valora a cantidade de nutrientes no seu conxunto, senón só dos ingredientes. Ademais, este semáforo nutricional tampouco achega información detallada que poida axustarse ás necesidades de determinados grupos de poboación española, con carencias nutricionais.

En base á análise da etiquetaxe Nutri-score realizado desde a Federación de Nutrición propoñen realizar algunhas melloras no algoritmo para que se inclúan aspectos como a valoración do equilibrio social, económico e ambiental do produto, así como a frecuencia coa que debe aparecer na dieta ese produto.

Introducir algúns cambios sobre os elementos de cálculo da etiquetaxe podería mellorar a puntuación dalgúns alimentos como o aceite sen necesidade de excluílos do Nutri-score, tal e como apuntan expertos como o consultor en regulación alimentaria Antoni García Gabarra. Este especialista avoga ademais por un sistema unificado en Europa, seguindo o exemplo de EEUU que conta cun sistema único para todos os seus estados.

Propoñen implicar a profesionais da saúde, produtores, administración e consumidores antes de implantar este sistema

Pola súa banda, desde a Fesnad reclaman ademais, que antes de implantar este sistema de etiquetaxe se realice un traballo previo no que se involucre tanto a profesionais da saúde, como a produtores alimentarios, desde agricultores e gandeiros á industria, ademais da administración e os consumidores.

Marcos incide na importancia de desenvolver campañas de educación nutricional de forma continuada “para lograr que o consumidor sexa capaz de tomar decisións informadas co fin de realizar a compra e o consumo de alimentos e bebidas máis saudable”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información