“Ser moi optimista no campo non cae ben, pero agora mesmo os tempos están sendo favorables”

Román Santalla repasa as máis de tres décadas dedicadas tanto a Cobideza como a Unións Agrarias, onde viviu grandes crises, pero tamén grandes logros. Ademais, valora a situación do sector e os retos aos que se debe afrontar para evitar o abandono do rural e o peche de explotacións

“Ser moi optimista no campo non cae ben, pero agora mesmo os tempos están sendo favorables”

Román Santalla nas instalacións de Agrosilva co seu fiel Don Leo

Cando se fala da loita sindical e das grandes reivindicacións que se fixeron nas últimas décadas no sector agrogandeiro, sempre sae un nome e ese é o de Román Santalla. Hoxe segue coas súas labores na súa gandería en Lalín, Agrosilva SC, as cales nunca deixou ao 100 %, pero ás que non lle puido dedicar todo o tempo que lle gustaría por poñerse á fronte da creación de Cobideza e tamén de Unións Agrarias-UPA.

Santalla puxo fin aos case 30 anos, que faría agora en abril, á fronte do sindicato, pasando por grandes loitas e logros, e outros tantos en Cobideza, dándolle vida e consolidándoa como unha das grandes cooperativas do interior de Galicia. Charlamos con el para facer un repaso pola súa traxectoria á fronte de ambas entidades e tamén falamos de como está a situación actual do sector e cara a onde se debería remar.

– Dende abril de 1995 ocupou o cargo de secretario de gandería en UPA, que o levou a deixar este cargo?
Foi unha decisión moi meditada, de feito, non contaba xa seguir na última lexislatura. Cando me incorporei á política municipal contaba de deixar a UPA, pero as cousas viñeron de tal maneira que tiven que repetir nesa lexislatura. Mais agora si que tiña claro que esta etapa chegara ao seu fin por dous motivos claros. O primeiro, o persoal xa que quero dedicarlle máis tempo á familia, ao meu neto Lucas e tamén á miña granxa. O segundo, que levo moitos anos e teño unha idade, polo que había que deixar paso a novas xeracións. Preparamos a organización con xente moza, que está moi capacitada para poñerse á fronte e nós retirámonos.

– Dende a visión do activismo e o sindicalismo, como foi a evolución do sector agrogandeiro ao longo da súa etapa en UPA?
Ser moi optimista no campo non cae ben, pero agora mesmo os tempos están sendo favorables. Eu son gandeiro e funo sempre, xa que creo que para ser un bo representante do sector tes que poñerte as botas, por iso podo discutir disto porque sei do que falo. E esta sensación non é só no sector lácteo, senón en todos (porcino, vacún, avícola).

“No sindicato pasamos demasiado tempo intentando rebater certas informacións falsas ou manipuladas, e ese tempo pérdese para loitar por outros temas”

Isto prodúcese porque temos uns prezos que cobren os custos de produción e temos marxe de beneficios, algo que non tivemos durante décadas. Houbo espazos curtos no tempo que se pagaban ben algúns produtos, pero duraban pouco. A situación en termos económicos e de prezos é favorable, moito motivada pola consolidación da Lei da Cadea Alimentaria.

– Na mesma liña, como foi a evolución de Unións Agrarias?
Estamos en modelos distintos. No Deza creouse un xerme polos compañeiros que fundaron o sindicato nesta Comarca e démoslle continuidade a raíz da miña incorporación e das executivas que tiven ocasión de liderar. Todo isto fíxose a base de reivindicacións e mobilizacións de masas, porque é certo que a situación era mala. Dende que me incorporei foi unha loita permanente, dende o problema das cotas lácteas ata as multas lácteas, crises en todos os sectores e demais.

Hoxe as explotacións son de tamaño medio-alto, fronte a entón, e considero que nestes tempos é máis complexo facer sindicalismo que antigamente. Hoxe en día hai acceso a todo tipo de información, moita dela manipulada e é necesario estar preto da xente para rebater todo iso. Antigamente había unhas asembleas multitudinarias que hoxe xa non se ven, porque chégalles con ter a información nos móbiles.

Hai unha grande diferencia co sindicalismo de antes e é preciso adaptarse aos novos tempos e, se é necesario, reinventarse. Agora pasamos demasiado tempo intentando rebater certas informacións falsas ou manipuladas, e ese tempo pérdese para loitar por outros temas.

“A crise das vacas tolas foi unha das máis dolorosas para min, xunto coa do porcino de 1999 e a do lácteo de 2015”

– Nestes 30 anos pasou por crises complexas, como as vacas tolas, o porcino e as lácteas. Cal lembra que foi a máis difícil de saír?
As vacas tolas deixou un sinal evidente. Para min, persoalmente, foi a máis complexa porque me chegou a afectar animicamente. Costoume moito saír dela, xa que eu tamén tiven un falso positivo que me amargou unha tempada. Eu lembro esa crise como un caso moi doloroso.

Outra foi unha crise do porcino no ano 99, que foi desalentadora. A xente estaba desesperada porque os animais valían un terzo do prezo habitual. Eu non teño porcos, pero poñíame na pel deses gandeiros e sentía a súa frustración, que non sabían o que ían facer da súa vida.

Estas dúas son quizais os momentos máis dramáticos que vivín. Houbo loitas permanentes en diferentes ámbitos, que foron duras, como cando me mallaron a paus en Lalín polo ano 96, por temas das supertaxas. Tamén a crise do 2015 do lácteo. Quizais foron dos momentos máis duros da miña vida.

– Nas crises do sector lácteo, a do 2015 foi a máis dura?
Botamos preto dun mes durmindo fóra da casa e con moitas reivindicacións, houbo moitas negociacións. É a que lembro como máis dura e simbólica.

“Eu sempre mantiven unha profesionalidade e creo que non me foi difícil traballar con calquera dos gobernos que me tocaron”

– Cara a onde debe camiñar o sector agrogandeiro e en concreto do vacún de leite?
Eu creo que debe camiñar cara a consolidar prezos. É preferible unha estabilidade, como a que temos agora, que prezos de 60 céntimos que logo baixen a 40. Os que me coñecen, saben que eu traballo por unha estabilidade a longo prazo; sempre foi o meu obxectivo. Tamén se debe consolidar a Lei da Cadea e manter moi reforzada a relación coa distribución, ademais das industrias. Deste xeito, consolidaranse as marxes económicas para os produtores, para a industria e para a distribución.

– Neste período pasou por diferentes gobernos, e fóra das distancias políticas, cal é a relación máis fluída que lembra?
Tiven unha relación sempre boa con calquera goberno. O segundo goberno do Partido Popular quizais foi o máis complexo, pero na etapa de Mariano Rajoy tiven unha relación bastante fluída, fóra das distancias ideolóxicas. Eu sempre mantiven unha profesionalidade dende o ámbito sindical, e tamén dende o profesional, e creo que non me foi difícil traballar con calquera dos gobernos que me tocaron, que foron moitos.

– Agrosilva SC conta con relevo xeracional, que é o seu fillo Álvaro. Porén, no sector é un problema que preocupa. Que considera que está fallando?
O gandeiro de Casa das Pedras dixo hai uns días que os mozos deberían apostar por traballar nas súas ganderías porque manexas o teu tempo. Estou totalmente de acordo porque sempre o compartín como gandeiro. O mozo gandeiro que se queda na explotación, ponse á fronte dun negocio que vai manexar como queira e distribuír o tempo como lle conveña.

“É necesario traballar porque no rural haxa uns servizos moi similares ás cidades para que a mocidade aposte polo campo”

Os nosos tempos pasados foron moi complexos e moi dolorosos. Non hai tanto, no 2020, aínda tiñamos prezos de 20 céntimos e era unha ruína absoluta. Mais eu creo que a mocidade de hoxe pensa distinto a nós. Nos nosos tempos, os mozos tiñamos uns obxectivos económicos, sacrificando a calidade de vida, pero hoxe en día é ao revés. Un mozo ou moza que quede no rural quere ter unha calidade de vida igual que a persoa que se queda no urbano. É lóxico.

Hai un déficit de servizos no rural, pero hai outras cousas que non se teñen nas vilas. Débese traballar nese sentido, para que as persoas que apostan polo campo teñan unhas condicións moi similares ás que quedan nas cidades. Por exemplo, na zona de Lalín a fibra vai chegando a uns puntos, pero a moitos non. Nós, na nosa gandería, precisamos internet constantemente e fállanos moito, iso supón grandes complicacións. Son servizos básicos que teñen que chegar xa e as administracións deben facer posible iso.

“Recoñezo que traballei por unificar todas as cooperativas do Deza, pero non fun capaz, mais considero que se debería traballar nesa liña”

– Tamén foron máis de tres décadas á fronte de Cobideza, a cooperativa con máis socios da Comarca de Deza, entidade na que tamén pasa a un segundo plano. Que balance fai destes anos?
O balance é positivo. Lembro que empezamos aquí na parroquia de Cercio (Lalín), xuntándonos cun grupo de gandeiros de Bodaño (Vila de Cruces). No inicios eramos unha agrupación pequena, uns 20 gandeiros e gandeiras. Nuns anos, conseguimos agrupar un 95 % das ganderías desta zona. Fomos ampliando a nosa zona de expansión, chegando a Vila de Cruces, Agolada e xa no 2015 chegamos a Silleda e agora estamos en Antas de Ulla e Monterroso. A finalidade da expansión sempre foi darlle servizos á xente.

Conseguimos unha boa consolidación nunha comarca coma esta con tanta cooperativa. De feito, no Deza hai un minifundismo de cooperativas, que necesita un cambio. Creo que se debe traballar por unificar nunha única cooperativa, que foi un traballo polo que loitei, pero non logrei. Debo recoñecer que tiven algunhas reunións, pero non fun capaz.

Hoxe Cobideza é unha cooperativa de tipo medio, que dispón de tódolos servizos que necesitan as persoas socias. Isto é o que precisamos como gandeiros: Unha cooperativa que nos brinde uns prezos do leite dignos, ou como tivemos sempre, e unha área de servizos que teña todos os servizos. Sempre fomos unha cooperativa que ofrecemos proximidade, estando dispoñibles para todos os socios as 24 horas do día.

“Todos os servizos que creamos en Cobideza axudan a crear emprego e danlle vida ao campo”

– Aínda segue formando parte da directiva, cal vai ser o seu papel dentro da cooperativa?
Eu quería despedirme de todo, pero é certo que estamos nun proceso de cambio e creo que necesitan axuda. Estou convencido de que Jesús Manteiga o fará moi ben, pero eu non quería que tivesen unha sensación de abandono. Eu estarei dispoñible para o que precisen dende a directiva e tamén os socios e socias. Estamos nunha etapa nova, porque tamén incorporamos unha nova xerencia e melloramos o sistema administrativo e contable.

– Non se centrou na visión só de cooperativismo, senón que buscou dinamizar o rural abrindo almacéns, gasolineiras e mesmo supermercados no rural. Que o levou a traballar nesta visión en Cobideza?
Os proxectos foron levados á Xunta Directiva e, moitos deles, a Asembleas. A maioría foron xa aprobados nun primeiro momento e algúns, que víamos que eran boas ideas pero arriscadas, tivemos que insistir un pouco. Eu creo que isto foi o músculo da cooperativa, informando moito á xente e dicíndolle o que queriamos facer e recibir o seu apoio.

Santalla agora dedicarase á súa ganderia, na que traballará por mellorar a calidade de vida

Santalla agora dedicarase á súa ganderia, na que traballará por mellorar a calidade de vida

Cando nos asentamos en Silleda, e non tiñamos ningún socio, foi un risco grande, pero agora mesmo é un dos núcleos duros de Cobideza. É certo que foi unha aposta grande, pero queríamos comparar o noso modelo de proximidade cos socios, con modelos máis fríos e de tipo empresarial.

– Quizais deberíase traballar máis nesa liña para evitar ese despoboamento?
Temos que reinventarnos e iso buscamos en Cobideza, dende a humildade. É certo que todos estes servizos que fomos incorporando, coma os supermercados, foi unha idea extraordinaria. Aquí en Cercio, preto onde eu estou, antigamente había ultramarinos e tabernas, que levan anos pechadas. Iso notouse moito, e pasou en moitas aldeas. Por iso, o supermercado é un servizo para esta zona, de feito levouse a cabo con esa visión e non coma un negocio.

Todo isto axuda a xerar emprego, sobre todo de mulleres, xa que un 85 % das traballadoras son mulleres. Isto supón vida para o campo, a maiores das ganderías que son a base.

“Agrosilva SC non vai medrar, pero probablemente incorporemos outro robot de muxido e sigamos traballando por mellorar en calidade de vida”

– Cales deberían ser os seguintes pasos a dar en Cobideza da man de JesúsManteiga?
Eu con Manteiga falei moito e sempre tiven unha relación próxima. Traerá novas ideas e buscaremos que teñan saída, pero eu penso que agora débese consolidar a cooperativa para que siga sendo forte, onde se presten uns bos servizos e consolidar a queixería cunha potenciación da produción ecolóxica.

– En Agrasilva SC seguirá estando?
Eu agora vou estar centrado en axudarlle ao meu fillo Álvaro en todo o que poida, xa que nunha gandería como a nosa necesítase moita dedicación. Aspiro a que o meu neto Lucas aposte pola gandería, xa que creo que vai ser a mellor forma para gañarse a vida.

Agora mesmo muximos en robot e 70 vacas en sala de muxido, pero Álvaro quere incorporar outro robot e considero que debo apoialo e debemos traballar nese sentido. Non imos aumentar, iso témolo claro, pero precisamos estabilizarnos. Temos unha explotación de tipo medio, que nos dá para gañarnos a vida dignamente, e imos traballar por ter maior calidade de vida. Estamos nun bo momento, en canto a calidade dos animais e demais, e necesitamos seguir nesta liña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información