“Ser gandeiro é boa vida”

Coñecemos como funciona a cooperativa eslovena Mlekarna Planika, que agrupa a 120 pequenas granxas de leite dun val dos Alpes. Os produtores xestionan a súa propia fábrica de queixos e derivados lácteos desde o 1957. A cooperativa conta tamén cunha granxa propia, certificada en ecolóxico

“Ser gandeiro é boa vida”

Gando en pastoreo nunha granxa ecolóxica propiedade da cooperativa.

O val de Soča, nos Alpes eslovenos, acolle unha singular experiencia de éxito no cooperativismo leiteiro. Trátase da factoría de queixos e derivados lácteos Mlekarna Planika, ligada a unha cooperativa que agrupa a 120 pequenas granxas. Entre todas elas, entréganlle cada ano á planta arredor de 8.000 toneladas de leite, un volume limitado que dá unha idea do escaso tamaño da maioría das ganderías da zona, na liña xeral de Eslovenia, onde as ganderías teñen 7,5 vacas de media.

O éxito da cooperativa, máis que nos volumes, mídese no impacto que ten no seu entorno. Emprega a 40 persoas e posicionou no mercado os seus queixos e lácteos como produtos locais ligados á conservación da natureza e ó mantemento de granxas de pastoreo nos Alpes. A factoría recolle leite de máis dun cento de granxas, se ben, dada a pequena dimensión da maioría das ganderías socias, é habitual que os produtores compaxinen os labores do campo con outros traballos.

Mlekarna Planika foi unha das iniciativas visitadas recentemente por un grupo de gandeiros e técnicos galegos, que se desprazaron a Eslovenia para coñecer experiencias de pastoreo no marco do proxecto europeo PastorEA, no que participa en Galicia a EFA Fonteboa.

Visita da delegación galega, acompañada tamén por outra francesa, a unha granxa da cooperativa.

Visita da delegación galega, acompañada tamén por outra francesa, a unha granxa da cooperativa.

O manexo da maioría das ganderías ligadas á cooperativa eslovena caracterízase pola trashumancia estival do gando ás zonas altas da montaña, co fin de aproveitar os pastos que deixa a neve, en tanto os prados do val adícanse no verán á colleita de herba seca e á elaboración de silos para o inverno.

É un tipo de manexo tradicional que se remonta cando menos ó século XIX e que permanece, coa lóxica mellora de instalacións e condicións de vida na montaña, onde os gandeiros contan con cortes e salas de muxido conxuntas, así como con pequenas queixerías, xestionadas durante toda a tempada estival por elaboradores queixeiros.

“Cada gandeiro sobe á montaña a coidar e muxir os animais un determinado número de días, segundo as vacas que teña. Ese tempo na montaña cun sistema de turnos é unha oportunidade de vacacións na montaña para a súa familia, en especial para as persoas mozas. Ser gandeiro é boa vida” -defenden en Mlekarna Planika-. “Vívese na natureza, nunha zona con oportunidade de practicar distintos deportes, cunha alimentación de produtos que cultiva un mesmo, de calidade por tanto, e hoxe en día temos ademais boa conexión a internet”, explican.

A cooperativa creou o seu propio museo, no que a parte de transmitir a tradición queixeira e gandeira da zona, coida a imaxe da profesión. “Esforzámonos por valorarizar a vida dos gandeiros e a importancia da alimentación local. Temos moitas visitas de centros de ensino e sempre lles intentamos transmitir que ser gandeiro é unha boa vida”.

“Nas visitas de escolares, sempre valorizamos a vida dos gandeiros e a importancia da alimentación local”

Outra das cuestións que enfatizan en Mlekarna Planika é o éxito da estratexia cooperativa. “Tódalas granxas do val apostaron por manter a cooperación. Non quixeron medrar en solitario, senón en conxunto, mesmo as máis grandes, que poderían ter emprendido proxectos individuais”, explican.

A cooperativa, que transforma o leite desde o 1957, posicionouse no mercado de produtos locais de calidade. Destaca polos seus queixos, unha liña que completa cunha variada produción de derivados lácteos, como manteiga, iogurt, leite fresco ou kefir.

Finca Bogata, gandería ecolóxica de 100 hectáreas

Corte de Finca Bogata, rodeada de pastos.

Corte de Finca Bogata, rodeada de pastos.

Mlekarna Planika conta coa súa propia granxa, a Finca Bogata, orientada á produción ecolóxica. É unha granxa cunhas condicións idóneas para o pastoreo, pois dispón de 100 hectáreas ubicadas arredor da corte. A metade das terras destínanse a herba seca e silo, en tanto a outra metade a pastos.

Para o manexo dos pastos, dividíronse as terras en 9 paddocks valados polos que van rotando as vacas en produción, a razón de un día por paddock; en tanto as vacas secas e as xovencas manéxanse con pastor eléctrico. A gandería conta cun cento de vacas, das que 76 estaban en muxido no momento da visita da delegación galega.

Tractor e rolos de herba seca nunha nave da granxa.

Tractor e rolos de herba seca nunha nave da granxa.

A alimentación en base a pastos complétase co aporte de 5-6 kilos de concentrado por vaca e día, que se suministra no momento do muxido. É un sistema que permite lograr unhas producións medias que oscilan entre os 6.000 e os 8.000 Kg, se ben a granxa recoñece que as porcentaxes de sólidos do leite non son as desexadas, entre outras cuestións pola limitada calidade dos pastos e das forraxes.

A granxa está na actualidade nun proceso de cambio de raza, abandonando a frisona e pasando á parda suíza (Brown Swiss), que lle aporta un leite con máis sólidos e coa proteína k-caseína BB, máis axeitado, xa que logo, para a produción de queixos.

Gando de recría no interior da corte.

Gando de recría no interior da corte.

“As vacas frisonas que nos quedan estámolas inseminando con limusín, de cara a vender os animais de recría para a produción de carne”, explica Katarina Rutar, a directora técnica da gandería. Outro dos camiños que explora a granxa para gañar en calidades do leite é a mellora dos pastos, para o que xa practicou sementeiras en superficie coas que ir anovando as praderías.

De cara a mellorar tamén o manexo do rabaño, a gandería colocou hai un ano colares nos pescozos das vacas que, por medio de sensores, proporcionan información dos movementos e alimentación dos animais. É un sistema que aportou xa unha mellora sustancial na detección de celos e de problemas nas vacas.

A directora técnica da gandería, Katarina Rutar (á esquerda), con integrantes da delegación galega e francesa durante a visita.

A directora técnica da gandería, Katarina Rutar (á esquerda), con integrantes da delegación galega e francesa durante a visita.

A gandería está na actualidade programando os partos para ter a maior cantidade posible de leite no verán, época na que os socios da cooperativa adoitan mandar boa parte dos seus animais para a montaña, o que reduce as entregas de leite á fábrica. “Na actualidade temos que producir máis queixo no inverno para manter a oferta no verán, pero o obxectivo é aumentar a produción no verán”, explica Katarina, que compaxina o seu traballo na gandería con outras funcións na factoría queixeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información