“Ser comuneiro é preservar a natureza e entender que xera unha riqueza local”

Visitamos o monte veciñal de San Miguel de Tabagón (O Rosal), que destaca por combinar un puzzle de aproveitamentos produtivos: gando no esteiro do Miño, viñedos da D.O Rías Baixas, aproveitamentos madeireiros, extracción de resina e mel

Publicidade
“Ser comuneiro é preservar a natureza e entender que xera unha riqueza local”

Vista do esteiro do Miño coas terras da comunidade de montes Niño do Corvo, en primeiro plano, e o monte Santa Trega ao fondo da imaxe.

A comunidade de montes veciñais de San Miguel de Tabagón (O Rosal, Pontevedra) sitúase ao pé do esteiro do Miño, nunha paraxe singular na que se combinan os usos sociais e produtivos da terra coa conservación do medioambiente.

Unha das imaxes características do esteiro do Miño é a das vacas e cabalos pacendo a herba fresca das illas fluviais da comunidade, ás que acceden a nado. Viñedos, extracción de resina e aproveitamentos madeireiros son outros usos produtivos no monte veciñal. Falamos co presidente da comunidade, Hipólito González, sobre a xestión que fan e as súas perspectivas de futuro.

Preséntanos a vosa comunidade de montes e os usos da terra que facedes nela.
É unha comunidade de montes fundada no ano 1989, somos aproximadamente 100 comuneiros dos lugares de Pías, Valdemiñotos e San Miguel de Tabagón. Actualmente, o monte está xestionado por unha xunta rectora, que nos tocou a nós neste momento. Levamos 7 anos xestionando a comunidade. O monte ten unhas 150 hectáreas forestais e outras 150 hectáreas en Rede Natura.

O uso tradicional deste monte é a explotación madeireira e estamos tamén traballando o recurso da resina. No apartado de financiación, son importantes os alugueres de terra para viñedos de albariño, e en canto ao espazo natural, no esteiro do Miño, temos un convenio cunha empresa que ten gando, a cambio da limpeza e mantemento das illas fluviais.

Tedes un aproveitamento gandeiro moi singular, na ribeira do Miño, cunhas illas fluviais que deixan imaxes de postal. Que tradición gandeira tedes na zona?
Antigamente moitos veciños destas parroquias tiñan vacas, que tradicionalmente cruzaban de xeito libre o río pola mañá para pastar pola ribeira, e pola tarde, regresaban practicamente elas soas ás súas casas. Iso foi evolucionando, o gando nas casas foi desaparecendo, e iso foise substituíndo pola situación de hoxe en día, cunha empresa que ten unha cantidade importante de gando, e que son os que fan agora a limpeza e mantemento destas illas que nos pertencen. Todo de xeito moi controlado, con controis veterinarios e de Rede Natura, para garantir o respeto ó medio.

O gando permite manter a tradición de pastoreo nas illas do Miño e axuda ó mantemento do medio

vacaTabagon

A nivel forestal, como é a xestión do monte?
Basicamente, trátase de respectar ao milímetro o plan de ordenación do noso monte. É o que marca o que hai que facer, quen manda realmente, pois marca cando hai que facer podas, rareos, cortas, etc. Sempre tendo en conta tamén todo o protocolo de certificación forestal sostible.

Desde que estamos nós, non se fixo ningunha tala, só se fixo un rareo poque o pedía o propio monte. O 90% do monte é piñeiro e ten unha quenda de corta duns 30 anos, son periodos longos, pero no próximo plan de ordenación si que se fará algunha corta. Logo da corta, procuraremos unha rexeneración espontánea do monte, pois o noso monte ten rasgos mediterráneos, moi secos e nel a rexeneración natural funciona ben, pero quizais unha plantación nos obrigara a regar.

Sinalar tamén que en casos de temporais, a recollida da leña caída ofréceselle ós comuneiros, para queimar nas casas.

A parte do aproveitamento madeireiro, que outros usos facedes do monte?
Queremos aumentar a extracción da resina, que nos parece un tema moi interesante a nivel económico e, sobre todo a nivel de mantemento do monte, porque a resina obríganos a ter o monte limpo.

Como xa dixen, parte do monte está alugado para viñedos de albariño e tamén temos unha parte alugada a un apicultor, que ten colmeas en dous puntos diferentes do monte, o que é interesante non só a nivel de produción de mel senón para facilitar a polinización de árbores e plantas.

A resina é interesante, máis alá do ingreso económico que representa, porque obríganos a ter o monte limpo

Este outono organizamos tamén unhas xornadas de micoloxía, para que a xente coñeza as especies que pode comer. É tamén un xeito de atraer á xente ó monte… En definitiva, estamos moi dirixidos ao mantemento e respecto da natureza, queremos conservar o monte tal e como está, que é como nolo deixaron a nós os nosos antepasados. Temos algunha ruta de senderismo e facilitamos todo o que sexa pasear e andar en bici polo monte, pero por suposto nada de motor.

Para min, ser comuneiro é conservar a natureza, trátase de preservar o medio e de entender que é unha riqueza, temos dous traballadores e hai potencial para facer máis cousas.

Falabas antes de que sodes arredor de cen comuneiros, como valoras a participación social na comunidade de montes veciñais?
A maioría somos xente dunha xeración na que todos estamos xubilados ou estamos a punto, e vemos que hai unha carencia de xente nova no monte, nas xuntas rectoras e nas comunidades. Penso que é unha cousa bonita para a xente nova, que se vaian incorporando a un proxecto como este, que é moi interesante.

“Hai carencia de xente nova nas xuntas reitoras das comunidades de montes. Penso que un proxecto como o noso é unha cousa bonita para que a xente nova se implique”

ninhoDoCorvo0

Estades nunha zona, o Baixo Miño, com impactos periódicos dos lumes. Vistesvos afectados nos últimos anos?
Afortunadamente nestes últimos anos non houbo ningún incendio importante na nosa zona, o último chegounos desde outro monte no 2013, cun impacto total dunhas 2.000 hectáreas, pero a nós só nos afectou nunhas 25 hectáreas. Esa zona que se queimou témola reforestada con piñeiro novo e estamos cobrando polas capturas de CO2, ao estar inscrita a rexeneración da área afectada no rexistro de sumidoiros de carbono.

Na última década non tivemos incendios, pero tamén é certo que facemos moita vixilancia do monte. Temos dous traballadores permanentemente no monte, que tamén controlan descargas de escombros, etc. e os comuneiros facemos gardas no verán, camiñamos moito o monte e temos un dron para controlalo. Estamos moi pendentes.

Xa por último, como valoras as axudas públicas e os apoios da Administración para a xestión da vosa comunidade?
Pois a verdade é que solicitamos todas as convocatorias de axudas que saen, pero tristemente, apoios case cero. Nestes últimos anos só tivemos unha subvención para unha poda e rareo. Facemos todo con recursos propios, cos ingresos que temos por alugueres, madeira e resina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información